Municipais 2023

Pontón ve a Feijóo desnortado convertido nun imitador cutre de Ayuso demostrando que o PP nada ten que ofrecer a Galiza

Acto Verín
Acto Verín

Desde Verín pide un apoio masivo para o BNG nas urnas para rematar co caciquismo 2.0 do PP, “o 28M tamén vai de rexenerar a política”, subliñou

Augura que Diego Lourenzo será o próximo alcalde porque o Bloque foi o gran motor de cambio e de transformación en positivo no concello

A portavoz nacional, Ana Pontón, estivo no mitin de Verín para acompañar ao candidato á Alcaldía, Diego Lourenzo, un acto no que criticou o “desnorte” que percibe no presidente do PP, de xira electoral por Galiza, convertido nunha parodia de Ayuso, demostrando que non ten nada que aportar aos galegos e ás galegas.

“Feijóo está tan desnortado que pasou de ser o moderado a converterse nunha imitación cutre de Ayuso; enlamando o debate co seu discurso de confrontación e crispación vemos a Feijóo convertido nunha parodia de Ayuso Si que lle sentaron ben os aires madrileños! ironizou, “o que deixou claro na súa xira electoral é que o PP non ten nada que ofrecerlle a Galiza”, recalcou a líder do BNG.

A portavoz nacional considera case cómico que o mesmo Feijóo que critica a débeda do Estado, triplicase a débeda en Galiza ao mesmo tempo que recortaba en educación e sanidade, por exemplo, 2.339 millóns de euros en atención primaria mentres estivo á fronte da Xunta, “este era o gran xestor que esperaban en Madrid”, destacou.

Acto Verín
Acto Verín

E tamén considera unha falta de respecto á cidadanía galega “que veña prometer en campaña o que non fixo en doce anos de maioría absoluta”, en relación as infraestruturas. A xira de Feijóo constata que o PP é un proxecto esgotado e fracasado que nada ten que ofrecer a Galiza, o pasado, fronte a un BNG que é presente e futuro, subliñou.

Pontón fixo un chamamento á participación e á mobilización masiva de cara ao 28M, pedindo encher as urnas de votos ao BNG como mellor antídoto contra o “caciquismo 2.0” do Partido Popular na provincia presidido por Baltar, “un señor que vai en coche oficial un domingo a Madrid non sabemos a qué a 215 quilómetros convertido nun perigo público e Rueda e Feijóo mirando para outro lado”.

“O 28 de maio tamén vai diso, de rexenerar a política, de democracia, porque non podemos aceptar que haxa quen actúe como se as institucións fosen súas. É o momento de participar e de reivindicar a política con maiúsculas, porque é a ferramenta que temos a xente do común para construír unha sociedade mellor”, destacou desde Verín, pedindo o voto para o BNG a todas as persoas “que levan Galiza na cabeza e no corazón, o voto de todas as persoas que queren máis para o seus concellos e pensan que se pode vivir mellor en todos e cada un deles”.

Como xa demostran os gobernos locais aplicando un modelo de éxito que o BNG quere estender por toda Galiza, un modelo municipal capaz de crear referentes tanto nas vilas como nas cidades, tanto no medio rural, como no urbano. “Onde gobernamos demostramos que somos capaces de mellorar a vida das persoas, con concellos honestos, libres de corrupción, que saben xestionar cada euro, exemplos de democracia participativa, feministas e sustentables”, explicou.

“Concellos dinámicos, dos que sentir orgullo, nos que demostramos que cando temos confianza nas nosas propias forzas facemos grandes cousas, como demostrou Diego Lourenzo con todo o seu equipo neste concello e por iso estou convencida de que vai ser o próximo alcalde de Verín liderando o goberno municipal a partir do 28 de maio”.

Pontón concluíu pedindo aproveitar ao máximo esta campaña, porque o BNG vai a por todas e sen poñerse límites: “Saímos a ganar un futuro mellor para Galiza, para esa Galiza en grande que queremos empezar a construír concello a concello”.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG