A portavoz nacional, Ana Pontón, encabezou a delegación do BNG que participou no acto nacional contra a emerxencia lingüística convocado por Queremos Galego, onde reclamou ao Goberno de Rueda un cambio de rumbo urxente nas súas políticas e a recuperación do consenso porque, advertiu, “o noso idioma está nunha situación crítica” tras 17 anos cun goberno do PP que quere convertelo en “lingua residual”.
“O Goberno do PP estalle roubando aos nenos e nenas País o dereito e a liberdade a falar galego”, destacou a líder nacionalista, que reprobou ao presidente da Xunta que siga adiante cunha axenda que “xa non oculta” para que en Galiza “camiñemos cara o monolingüísmo en castelán, convertendo o galego en lingua residual”.
Referiuse, neste punto, aos informes do IGE, do Consello da Cultura e da Real Academia para advertir da “emerxencia lingüística” na que se encontra o galego, e avogou por “darlle a volta á situación” cun “verdadeiro acordo social” como o que promove a plataforma Queremos Galego. “A situación é crítica pero reversible”, considerou.
Convencida de que “a maioría de galegos e galegas quere que a nosa lingua teña futuro”, a portavoz nacional subliñou que, malia ese sentir maioritario, o PP “lamentablemente, segue instalado nunha política de acoso e derruba” contra o idioma propio de Galiza.
“Por iso seguen mantendo o decreto da vergoña, que fai que os nosos fillos e fillas entren pola porta da escola falando galego e saian sen falalo”, denunciou, para criticar que en lugar de tomar medidas que revertan a perda de falantes e de coñecemento da lingua, o PP adoptase nestes dous anos de lexislatura “decisións desde o punto de vista lexislativo e desde o punto de vista dos orzamentos que o que fan é empeorar a situación crítica que ten o noso idioma”.
En liña co acordo social que promove Queremos Galego, a portavoz nacional do BNG emprazou o Goberno de Rueda a recuperar o consenso a favor do idioma. Un consenso que o PP nunca debeu romper e para o que considerou imprescindible, en primeiro termo, o cumprimento do Plan Xeral de Normalización Lingüística, así como a derrogación do “decreto da vergoña” que, dixo, “converte o galego nunha lingua de segunda”.
Defendeu, neste punto, a posta en marcha de medidas, como a actualización da Lei de Normalización Lingüística para adaptala a unha nova realidade, para “poñer á nosa lingua no lugar que merece, que é o da igualdade”, dixo.
“Dicimos alto e claro que queremos galego, que a lingua das nosas avoas e dos nosos pais sexa tamén a lingua das nosas fillas e das nosas netas” , engadiu, para concluír desexando “mil primaveras máis para o noso idioma”.