A portavoz nacional, Ana Pontón, reclamou a elaboración dun estudo sobre a caída da produtividade nas rías galegas que sirva de base para poñer en marcha “un plan ambicioso de rexeneración e recuperación integral das rías”.
“É posible facelo, é necesario facelo e, ademais, é unha urxencia de país”, afirmou en Vilagarcía, onde mantivo unha reunión con representantes da Confraría de Carril para avaliar a situación do sector marisqueiro afectado pola grave crise produtiva e na que tamén participaron a deputada pola comarca de Arousa, Montserrat Prado, e a portavoz parlamentaria de Mar, Rosana Pérez.
Pontón advertiu que este grave problema de produtividade se estende ao longo de toda a costa converténdose nun “problema de país”, dado que tanto o marisqueo como a pesca son “estratéxicos para Galiza” e integran “un sector básico para a economía e o emprego”.
Neste sentido, criticou a inacción dun Executivo do PP co que, tras case 20 anos de goberno, Galiza perdeu mil mariscadoras e que, non só foi incapaz de ofrecer ningún tipo de alternativa ao grave problema de produtividade que teñen as rías, senón que, ademais, promoveu e apoiou iniciativas lesivas para o sector.
“Hai un problema de vertidos, de contaminación, e tamén sabemos que o propio Partido Popular leva moito tempo promovendo iniciativas que van directamente en contra das nosas rías e do sector marisqueiro e pesqueiro”, indicou en referencia a Altri, a mina de Touro ou á instalación de parques eólicos no litoral que, recalcou, van “en contra dos intereses do sector” e “demostran até que punto o Goberno do PP non ten un compromiso” coa xente do mar.
A portavoz do BNG tamén denunciou nesta liña como o Executivo de Alfonso Rueda permite que as eléctricas abran e pechen os encoros “cando lles dá a gana” sen que teñan ningún tipo de consecuencias, “aínda que isto supoña matar o marisco que a xente do mar ten que sementar para poder ter unha produción”. Un exemplo máis, alegou, do “desleixo, a incapacidade e a falta de compromiso do Goberno de Rueda co sector marisqueiro”.
Pontón exemplificou o grave problema de produtividade en Carril, onde o nivel de mortaldade de marisco chega nalgunha especie a ser do cen por cen, como é o caso da ameixa babosa, e tamén denunciou os problemas para obter a semente que permita repoboar os bancos marisqueiros.
Neste contexto, puxo enriba da mesa as medidas concretas que propón o BNG para axudar ao sector, a comezar pola elaboración dese estudo que permita concretar as causas da perda de produtividade para logo desenvolver un plan de rexeneración integral das rías, estudo no que considerou precisa a participación de universidades, centros científicos e o propio sector.
En segundo lugar, apelou a atender os problemas que está xerando esta falta de produtividade na xente porque, de non facelo, “moitas persoas van tirar a toalla e xa non quedará xente que vaia ao mar”.
Por iso, considerou urxente que o Goberno central aprobe dunha vez por todas as exencións e as bonificacións nas cotas á Seguridade Social das mariscadoras e dos mariscadores, con efecto ademais retroactivo, xa que esta medida permitiría axudarlles nun momento de gran dificultade.
A líder nacionalista tamén avogou por poñer en marcha hatcheries públicas e mixtas que garanten que haxa semente suficiente, con trazabilidade e ben adaptada ao medio e, por último, urxiu a aprobación dun protocolo para o baleirado de encoros que garanta que estes non se van poder baleirar cando hai marea baixa “causando os danos que coñecen tan ben nesta ría de Arousa e aquí en Carril”, recalcou.
“É posible unha política que recupere o noso sector marisqueiro, temos unhas rías produtivas que serían a envexa de calquera país e o que necesitamos é un goberno que as coide”, indicou para defender as medidas que propón o Bloque neste sentido. “Desde o BNG facemos unha aposta polo noso sector marisqueiro, que é un sector que lle dá emprego a miles de persoas e que ten futuro se realmente confiamos nel e coidamos o mar”, concluíu.