Pontón urxe a declaración de Verín e a comarca de Monterrei como zona catastrófica polos lumes e a axilización das axudas

Ana Pontón e Diego Lourenzo
Ana Pontón e Diego Lourenzo

A portavoz nacional destaca na XV Feira do Viño de Monterrei a importancia do sector vitivinícola á hora de desenvolver un territorio e un rural “vivos”

A portavoz nacional, Ana Pontón, urxiu a declaración de Verín e a comarca de Monterrei como zona catastrófica logo da súa grave afectación polos lumes rexistrados nas últimas datas e que provocaron importantes danos medioambientais, sociais e económicos.

Nunhas declaracións realizadas antes de asistir á XV edición da Feira do Viño de Monterrei, Pontón amosou a preocupación do BNG pola situación que está a vivir a comarca polos incendios, especialmente logo de que os de Camba e Chandrexa de Queixa se xuntaran e afectaran tamén ao Parque Natural do Invernadoiro, para o que o Bloque tamén propón un plan específico de restauración, con dotación orzamentaria da Xunta e o Estado.

“É necesario que as axudas cheguen canto antes”, subliñou logo de incidir na urxencia de acadar a declaración de zona catastrófica por parte do Goberno do Estado tal e como tamén xa ten reclamado o BNG. Neste sentido, recordou que os lumes deixan tras de si miles de hectáreas ardidas na comarca e unha superficie importante de viñedo que para moitas persoas autónomas e para moitas empresas é o seu sustento de vida. “Polo tanto, é precisa esa declaración de zona catastrófica e axilizar as axudas o máximo posible para iniciar tamén canto antes a replantación de viñas”, incidiu.

A portavoz nacional -que acudiu a esta XV edición da feira acompañada do tenente de alcalde da localidade, Diego Lourenzo, da responsable comarcal do BNG, Samanta Barreira, e das deputadas Noa Presas e Olalla Rodil- recalcou a importancia do sector vitivinícola na comarca, “non só en termos económicos e de creación de riqueza e emprego, senón tamén polo papel que xoga precisamente á hora de preservar o territorio, fixar poboación e impulsar outras actividades, como o turismo e a cultura”.

Así, considerou “bo exemplo” disto a Feira do Viño de Monterrei “porque conxuga o negocio do viño, os stands para a promoción económica dos caldos da comarca, coa promoción e o desenvolvemento turístico e cultural”. “O sector vitivinícola significa, en definitiva, un territorio vivo, un rural vivo, significa concellos nos que vivir e traballar, con benestar social e con servizos, tamén no interior de Galiza”, recalcou.

Logo de felicitar ás 18 adegas participantes, Pontón concluíu desexando que a feira “sexa moi frutífera en todos os aspectos” e tamén un lugar de reencontro e de volta á normalidade, tras o forzado parón de dous anos pola pandemia: “unha escusa perfecta para socializar e desfrutar de Verín e do conxunto da comarca, do seu patrimonio natural, artístico e cultural”, concluíu.   

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG