Pontón urxe un cambio de modelo na loita contra os lumes e un Plan de Ordenación do Monte ante a política forestal fracasada do PP

Ana Pontón, nun momento da súa visita ás zonas afectadas polo incendio do Barbanza
Ana Pontón, nun momento da súa visita ás zonas afectadas polo incendio do Barbanza

Aposta por poñer o foco na prevención e aumentar os medios: “os incendios apáganse en inverno con prevención e coa ordenación do noso monte”, recalca.

Defende un modelo de monte multifuncional e un Servizo de Loita e Prevención 100% público e que desenvolva o seu labor ao longo de todo o ano 

A portavoz nacional, Ana Pontón, urxiu un cambio de modelo na loita contra os lumes ante a vaga de lumes que está padecendo Galiza e que, segundo recalcou nunha visita a varias zonas afectadas polo grave incendio da Serra do Barbanza, confirma “o fracaso da política forestal do PP”.  

“Esta vaga de lumes que estamos vivindo, con algún dos incendios máis importantes da historia de Galiza, ten que significar un punto de inflexión e a Xunta ten a obriga de actuar”, asegurou para advertir a continuación que “o que non podemos é ver cada verán como arden os nosos montes, botarnos as mans á cabeza e logo facer como que non pasa nada”.

Neste sentido, incidiu na necesidade de “poñer en marcha un cambio de modelo e acometer cambios estruturais” na ordenación do monte e na loita contra os lumes dado que, segundo indicou, “é evidente que un monte que está ben xestionado, ordenado e limpo non arde igual que cando o monte se abandona, convertido nun polvorín”. 

Así pois, a líder nacionalista defendeu a posta en marcha dun Plan de Ordenación do Monte e Prevención de Incendios Forestais que permita “ordenar o monte, xestionalo e apostar por un monte multifuncional, porque esa é a mellor garantía na loita contra os lumes”. De igual xeito, considerou preciso “facer unha aposta moito máis forte pola prevención” o que, segundo subliñou, implica tamén “colaborar coas comunidades de montes e cos propietarios privados, pero tamén que a Xunta ten que xestionar ben os montes da súa propiedade”.

A estas medidas, sumou a necesidade de “poñer o foco na prevención” e destinar máis recursos á mesma. “Sabemos que os incendios apáganse en inverno, con prevención, prevención, prevención, e coa ordenación do noso monte”, recalcou. Nesta liña, recordou que, na actualidade, Galiza só ten un 21% da superficie agraria útil, cando a media do Estado español se sitúa no 50%, e que desta superficie, “só destinamos o 4% a producir alimentos para consumo humano, mentres temos un 20% de superficie forestal, a maior parte ocupada por eucalipto e piñeiro”.

Logo de manifestar todo o apoio do Bloque a todas as persoas que se viron afectadas polos incendios no Barbanza, especialmente a aquelas que tiveron que ser desaloxadas e ás que perderon as súas casas, Pontón quixo facer un recoñecemento explícito a todas as persoas que traballan na loita contra o lume e, neste sentido, considerou que a mellor maneira de recoñecer o seu traballo “é apostar por un Servizo de Loita e Prevención de Incendios que sexa un servizo 100% público, dependente da Xunta e que traballe todo o ano”. “Ese é o compromiso que temos dende o BNG”, incidiu.

Axilizar axudas, evitar danos no mar e recuperar o monte queimado no Barbanza

A portavoz nacional do BNG realizou estas declaracións no marco da súa visita a distintas zonas afectadas polo incendio da Serra do Barbanza na que analizou os seus devastadores efectos sobre o terreo da man dos veciños e veciñas de Cures (en Boiro) e da dos propietarios do cámping Ría de Arosa 2 (en Ribeira) e tamén posteriormente nunha reunión coas comunidades de montes celebrada na Pobra do Caramiñal.

No contexto desta visita, ademais de urxir a chegada das axudas para paliar os danos tanto no ámbito ambiental, como no social e económico -e que, no caso de vivendas, reclamou cubrisen o 100% dos gastos de reconstrución-, Pontón esixiu tamén á Xunta que tome todas as medidas de prevención necesarias para evitar que a cinza que está nos montes poida chegar ao mar co efecto de arrastre de posibles choivas porque, segundo advertiu, “iso significaría un dobre desastre”.

De igual xeito, pediu a colaboración do Goberno galego coas comunidades de montes para recuperar o monte queimado e para apostar “por un novo modelo no que haxa rendemento económico, pero no que coidemos o noso medio natural”. “É evidente que temos un grave problema diante de nós, onde hai que tomar decisións políticas para cambiar esta política fracasada do PP por un novo modelo que aposte por un rural vivo, por un rural produtivo e por un rural con servizos”, concluíu.    

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG