A portavoz nacional, Ana Pontón, acusou a Alfonso Rueda de “facer da mentira a súa forma de gobernar” e sinalou á saúde mental como o último gran exemplo dos enganos do Goberno do PP, co que confrontou as alternativas reais do BNG neste ámbito de actuación e entre as que citou a contratación urxente de 100 psicólogos e psicólogas na atención primaria.
Pontón recriminoulle ao presidente da Xunta a nova “gran mentira do Partido Popular” ao anunciar en xuño de 2020 un total de 83 millóns de euros para o Plan de Saúde Mental 2020-2024 cuxo investimento real, incluíndo a contratación de persoal, foi de tan só 33,5 millóns, é dicir, o 60% do anunciado, tal e como desvela agora un “demoledor informe” do Consello de Contas.
Neste sentido, recordou que foi o propio Rueda o que en outubro de 2023 dicía nun comunicado oficial que se estaban investindo 80 millóns nese plan, cando o informe do Consello revela que, polos datos remitidos pola propia Xunta, “é que nunca presupostaron xamais eses 80 millóns de euros”, recalcou. “Agora sabemos que isto nunca existiu nin no papel”, sintetizou.
“Señor Rueda, goberna desde a propaganda e a mentira, levan anos facendo da mentira a súa forma de gobernar”, reprochou na sesión de control ao titular do Executivo, ao que agradeceu ironicamente que tivese tempo de acudir hoxe ao Parlamento na vez de “saír correndo para Madrid a recibir ordes de Feijóo” como fixo o luns, día no que non presidiu o Consello da Xunta para asistir a unha reunión do PP. “O certo é que o seu nivel de servilismo é de tal calibre que a vostede parécelle normal abandonar as súas obrigas de presidente para ir a un acto de partido, a súa submisión a Madrid dá auténtica vergoña allea”, criticoulle.
Aparte desta nova mostra da súa deslealdade a Galiza, Pontón incidiu na “mentira como forma de goberno” de Rueda e o seu executivo, un xeito de exercer a acción de goberno que, subliñou, ten “consecuencias nefastas” para milleiros de persoas que teñen problemas de saúde mental nunha Galiza que encabeza o dramático ranking de suicidios e tamén de consumo de fármacos.
A líder nacionalista ofreceu un desolador dato: 8.864.169, que é o que corresponde ao número total de receitas de ansiolíticos e antidepresivos receitados en 2023, unha cifra que non deixa de medrar, ao igual que continúan aumentando, advertiu, as esperas en saúde mental, con 9.000 persoas agardando por unha primeira consulta en psiquiatría.
“Vostede hai máis dun ano que anunciou que ía haber psicólogos e psicólogas clínicas en atención primaria, onde están? É que a vostedes dálles igual, menten con calquera cousa”, reprochou a un Rueda ao que tamén afeou que Galiza estea por debaixo da media estatal e europea, e moi lonxe dos obxectivos marcados pola OMS, en profesionais, o que provoca que a saúde mental no País sexa “un luxo ao alcance duns poucos”.
“Non pode ser que a túa saúde mental dependa da túa conta bancaria, de se tes recursos ou non para poder pagar unha consulta privada porque o único que lles ofrece vostede é propaganda e mentiras”, criticou, para recordar a continuación o incremento de até un 174% en Lugo ou de case o 300% en Ourense nas listas de espera en psiquiatría.
A portavoz nacional tamén advertiu que o consumo de ansiolíticos e antidepresivos entre os menores de 19 anos medrou un 52%, adolescentes e mozos e mozas aos que o único que se lles está ofrecendo, subliñou, “é unha pastilla para saír adiante nunha Galiza que está encabezando o ranking de suicidios”.
“E mentres isto pasa, señor Rueda, vostede convertido no goberno da mentira porque menten con Altri, menten cando nos anuncian vivendas de alugueiro social que logo son un fiasco, menten nas residencias, na dependencia, menten cando din que o galego está na mellor situación da súa historia e menten cando fan anuncios falsos en relación coa saúde mental”, exemplificou sobre as mentiras do Goberno do PP.
Pontón afeou ao presidente da Xunta que volvese a utilizar a sesión de control para “enlamar e crispar” con ataques tanto ao BNG como á súa persoa, evitando abordar os problemas na atención á saúde mental que hai en Galiza. “A situación é gravísima e se alguén quere utilizar a saúde mental como unha arma electoral foi o Partido Popular cando anuncia un plan que logo non ten fondos”, denunciou.
Fronte a esa lameira na que o PP quere converter o debate político e na que “non van a atopar ao BNG”, remarcou, a líder nacionalista respondeu con propostas reais para ofrecer solucións no ámbito da saúde mental, a comezar pola contratación de 100 psicólogos e psicólogas en atención primaria para cumprir deste xeito coas recomendacións da ONU.
En segundo lugar, propuxo a creación de unidades de hospitalización infanto-xuvenil en todas as áreas sanitarias e, por último, a posta en marcha dun verdadeiro plan de prevención do suicidio “que teña medios e recursos”. “Estas son as medidas que necesita a saúde mental e non as súas mentiras, señor Rueda”, rematou para concluír pedíndolle ao presidente da Xunta que deixe de gobernar dende a propaganda e a mentira nun asunto tan delicado como este.