Parlamento Galego

Pontón a Rueda: “Esta vaga de lumes é consecuencia directa da súa incompetencia e por iso debe dimitir”

Ana Pontón
Ana Pontón

“A súa máxima contribución foi poñer o chaleco da propaganda e botar balóns fóra buscando a quen culpar da súa neglixencia”, denuncia

“Onde estaba vostede mentres Galiza ardía? En moto, de festa en festa ou na praza de touros de Pontevedra con Feijóo e con Rajoy?”, cuestiónalle

A reconstrución empeza por asumir responsabilidades e facer desta vaga un punto de inflexión, basta de que Galiza arda e non cambie nada, alega

Esta catástrofe puido evitarse con outra política forestal, pero o PP persiste en aumentar a eucaliptización do País con proxectos como Altri

Outro monte é posible pero hai que tomar en serio a prevención con medios e recursos e desde o BNG faremos o posible para logralo, promete

A portavoz nacional, Ana Pontón, pediulle a dimisión pola súa “incompetencia” na xestión dos lumes ao presidente da Xunta, Alfonso Rueda, durante a súa comparecencia no Parlamento pola vaga de incendios do pasado mes de agosto, comparecencia que cualificou de “discurso propagandístico e oco” cheo de “promesas resesas”.

“Esta vaga de lumes é consecuencia da súa incompetencia política e por iso debe dimitir”, reclamou a un Rueda ao que lle recordou a súa “cadea de neglixencias” que levou até a “esta catástrofe”. Neste sentido, denunciou que o Goberno do PP leva desde 2009 desmantelando, “por sectarismo político”, as medidas de prevención e ordenación contra os lumes.

Entre elas, enumerou, o Executivo do PP derrogou as UXFOR para reorganizar o terreo forestal e as medidas de ordenación preventiva, eliminou a obriga de repoboacións forestais en mosaico que, curiosamente, o presidente sinalou na súa comparecencia de hoxe como fundamentais, reduciu as franxas de protección a casas e núcleos de poboación, paralizou o Banco de Terras e deixou sen aprobar os plans de ordenación forestal por distrito.

“Persisten nun  modelo forestal fracasado e no abandono do rural porque quen lle quita os recursos e os servizos ao rural é vostede”, recordou a Rueda, ao que tamén lle lembrou que o seu goberno incumpre as súa propia lexislación e a promesa dunha nova lei contra os lumes e este mesmo ano deixou sen executar 11 millóns de euros en medidas de prevención, incluídas as franxas de protección en parroquias de máximo risco.

A isto sumou o “deterioro e recorte” do dispositivo de loita contra o lume, no que o Goberno do PP eliminou agrupacións de vixilancia veciñal, ignorou as recomendacións dos expertos de crear 70 unidades móbiles e de aumentar o dispositivo en Ourense, un dispositivo con menos medios terrestres e aéreos propios que en 2008, é dicir, “un dispositivo máis pequeno e que non estaba operativo ao 100% na época de máximo risco”, advertiu.

Neste sentido, pediulle que explicara por que mentres lle reclamaba máis fondos ao Estado, tiña 300 prazas sen cubrir no medio da vaga de lumes. Pódese ser máis incompetente? cuestionou a un Rueda ao que preguntou “onde estaba mentres Galiza ardía”. “En moto? De festa en festa? Ou na praza de touros de Pontevedra con Feijóo e Rajoy?”, cuestionou para afearlle que chegara tarde aos incendios.

“Tardou cinco días en poñer o chaleco da incompetencia”, recriminoulle logo de indicar que, mentres o escoitaba na súa comparecencia, seguíao vendo co chaleco. “Hoxe hai cámaras aquí, por que non o trouxo? Porque lle gusta poñer o chaleco cando hai cámaras, teño un aquí se quere, señor Rueda”, reprochoulle ofrecéndolle un chaleco dende a tribuna.

“Esta foi a súa maior contribución a esta crise, a súa xestión desta vaga de lumes será recordada porque vostede nunha escalada propagandística, puxo o chaleco para intentar tapar a súa incompetencia”, reprobou. 

O PP tenta tapar a súa neglixencia con propaganda e botando balóns fóra

Nesta liña, acusou ao PP de volver sacar o seu habitual manual na xestión de crises, un manual baseado en dúas técnicas que repite sistematicamente: a propaganda e botar balóns fóra. A primeira, convertendo nunha prolongación propia á TVG, que mentres xa arderan máis de 70.000 hectáreas, ofrecía como noticias estrelas do magazine unha fonte contaminada e unha praga de pulgas. “A súa manipulación dá vergoña allea”, reprendeu ao titular do Executivo.

“E a triste realidade é que arde sobre queimado porque é falso que estes incendios foran unha fatalidade inevitable, ao contrario, son o resultado da neglixencia do seu goberno”, acusou a un Rueda ao que lembrou que os expertos xa viñan alertando desta situación con avisos claros logo das vagas de lumes de 2017 e 2022. “Pero a súa resposta foi a propaganda, ignorar as conclusións da comisión de estudo deste Parlamento e ignorar as recomendacións do comité de expertos e o resultado da súa propaganda e incompetencia son os maiores incendios deste século”, sintetizou.

Sobre a segunda técnica repetida sistematicamente polo PP, Pontón criticou aos populares que, no seu habitual “botar balóns fóra”, sempre se presenten como as vítimas. “A culpa sempre é dos demais: tramas incendiarias, alcaldes, aos veciños que son maiores e non coidan os montes ou, un clásico, ao Goberno central”, enumerou para incidir en que é o seu Executivo o que ten as competencias en xestión do monte, desenvolvemento rural e prevención e extinción de incendios.

“Esta actitude é unha declaración de inutilidade porque se vostede non é responsable de nada, para que o queremos de presidente? Para que lle pagamos o seu salario?”, cuestionou a Rueda, ao que pediu que explicara por que cando presentaron o Pladiga dixeron literalmente “estamos preparados”, “estamos traballando con intelixencia artificial” ou “temos medios e persoal suficientes”, pero que cando chegaron os incendios a súa resposta foi “terrorismo incendiario” ou “o Estado non nos dá os medios que necesitamos”.

“Recoñeza que houbo fallos na coordinación das brigadas, que chegaron a estar incomunicadas; que moitos alcaldes e veciños e veciñas estiveron sós, sen medios e traballando a cegas contra os lumes; que houbo motobomabas paradas por falta de persoal, medios avariados ou mesmo algún helicóptero parado”, reclamou ao presidente, ao que tamén pediu que admitise “ordes incomprensibles” como prescindir dos bombeiros de Lugo e A Coruña no medio da vaga de lumes ou “irresponsabilidades” como deixar arder durante semanas un vertedoiro na Rúa, poñendo en risco a saúde pública.

Pontón acusou a Rueda de usar tamén o “chaleco da manipulación”, “minimizando a verdadeira dimensión dos incendios” e mesmo ocultando durante días o incendio de Pena Trevinca, unha das xoias do patrimonio natural galego e criticoulle que, despois de 110.000 hectáreas queimadas, insinuara que non era para tanto, que a maioría do queimado era mato e pedras. 

Unha catástrofe evitable

“Señor Rueda, ante esta cadea de neglixencia e incompetencia, cando pensa dimitir? Porque esta catástrofe puido evitarse se vostede tomara outras decisións e se tiveran aprendido dos seus propios erros”, incidiu, para recordar a continuación que en 2017 arderon 62.000 hectáreas e morreron catro persoas; en 2022, foron 51.000 hectáreas as queimadas e, agora máis de 110.000, nun 2025 onde aínda non acabou a tempada de alto risco.  

“Vostede estivo en todos e cada un dos gobernos que viviu estas situacións e o máis grave é que non aprenderon nada, nin parece que vaian aprender de cara ao futuro porque non só non queren cambiar as causas que nos levan aquí, senón que queren agravar o problema con proxectos como o de Altri, incrementando a eucaliptización de Galiza en pleno cambio climático”, reprochou ao titular do Executivo, ao que acusou de “botarlle gasolina ao lume”.

Neste sentido, recordou que gobernar é “anticiparse, planificar, coidar o país e defender a xente e os seus bens comúns”. “Se vostede non sabe, non quere ou non pode facelo, debe dar un paso ao lado porque quen é responsable do problema, non pode ser parte da solución: dimita, señor Rueda”, reiterou, logo de criticarlle unha intervención chea de “promesas resesas”, como a do plan industrial e forestal que leva en exposición desde 2024, ou que a medida estrela sexa “pagarlle un edificio en Galiza á UME”, unidade que o PP cualificou de “capricho e despilfarro faraónico” cando foi creada, recordou.    

A portavoz do BNG alegou que a reconstrución “empeza por asumir responsabilidades” e “dunha vez por todas, facer desta catástrofe un punto de inflexión”. “Porque estamos fartas de ver como Galiza cada vez arde máis e non cambian nada”, incidiu.

As alternativas de futuro do BNG

Por iso, considerou imprescindible facer o que xa levan anos dicindo as persoas expertas e a propia xente do medio rural, medidas que o BNG recolle no seu plan integral ‘Da Cinza á Vida’, un plan que si inclúe alternativas para o País.  Propostas que parten da necesidade de “tomarse en serio a prevención” con medios e recursos económicos, unha prevención que veña tamén dunha maior vida no rural, apoiando a quen coida o territorio e produce, afondou.

Nesta liña, avogou por ordenar e protexer o territorio, especialmente nas aldeas, ampliando as franxas de protección a 100 metros e con recursos económicos para que pasen do papel á realidade. Así mesmo, defendeu a urxencia de acabar cos monocultivos de especies pirófitas e apostar por unha maior profesionalización e polo coidado de toda a xente que participa no dispositivo de extinción.

Logo da comparecencia de Rueda, da que criticou que se limitara a dicir que “fixera todo ben” e que “só vai facer pequenos retoques” demostrando que “non está á altura do que o País necesita”, rematou lanzando unha “mensaxe de esperanza” a toda a xente que sigue querendo e que cre que “outro rural e outro monte é posible”. “Só se precisa vontade política e desde o BNG imos facer todo o posible e imposible para logralo, ese é o noso compromiso”, concluíu.




 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG