A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, pediulle explicacións a Rueda polo boicot á declaración institucional no impulsada polo Bloque na Cámara galega. “Por que veta que o Parlamento galego condene o xenocidio do pobo palestino?” e quixo saber ademais que lle parece ao presidente da Xunta que “a súa compañeira de partido, a señora Ayuso, saque unha foto co equipo ciclista de Israel”. Un equipo que, segundo afirmou, “representa un goberno que ten as mans manchadas de sangre co pobo palestino; que leva asasinado a miles de persoas, incluídas nenos e nenas”, asegurou.
Fíxoo en declaracións a preguntas dos medios sobre o acontecido nesta edición de la Vuelta ciclista, na que a sociedade se manifestou a favor do pobo palestino. “Hai unha cidadanía que non está disposta a mirar para outro lado mentres se comete un xenocidio en Gaza” afirmou.
“Vemos unha sociedade que demostra que está moi por diante, non só dos gobernos da Unión europea, senón tamén do propio Goberno do Estado Español”, a quen afeou por seren “incapaces de tomar medidas reais, efectivas e contundentes para actuar contra o Estado criminal de Israel”.
A líder do BNG quixo trasladar todo o seu apoio “a unha cidadanía que se manifesta en contra do exterminio do pobo palestino” e amosouse convencida de que falar disto neste momento “é falar da defensa da humanidade, da defensa dos dereitos humanos e do sentido común”.
“Se algo estamos vendo é que a inmensa maioría da cidadanía está denunciando ese xenocidio”. “Creo que o señor Rueda lle debe unha explicación aos galegos e as galegas”, concluíu.