Pontón: “Rueda ten que explicar por que o PP votou en contra de subir as pensións de 700.000 galegas e galegos"

Critica ao titular da Xunta que antepoña a estratexia partidista de Génova aos intereses do País cunha “submisión” que “empeora a vida da xente”

Lembra que o veto dos populares no Congreso tamén impide os descontos no transporte público ou que Galiza reciba 700 M€, entre outras cuestións  

“O señor Rueda ten que explicarlles aos galegos e ás galegas por que o Partido Popular votou en contra de aumentar as pensións, nunha Galiza na que temos as segundas pensións máis baixas do Estado”. Así se referiu a portavoz nacional, Ana Pontón, ao veto do PP no Congreso ao decreto que recollía, entre outras medidas, a suba das prestacións de 700.000 pensionistas galegos, descontos no transporte público ou que Galiza recibise 700 millóns de euros.

Logo de recordar que a revalorización das pensións foi precisamente un dos logros do BNG no acordo de investidura, Pontón exemplificou no voto negativo do PP como Rueda, na vez de axudar ás persoas pensionistas, “traballa á súa contra”. Unha vez máis, vemos un presidente que nin fai, nin deixa facer”, sintetizou sobre a actitude dun titular da Xunta que mantén a súa “submisión” á estratexia partidista da rúa Génova.  

“É unha irresponsabilidade poñer os intereses partidistas por diante dunha revalorización das pensións, algo gravísimo que o señor Rueda ten que explicar aos galegos e as galegas”, reiterou, para pedirlle a continuación que aclare tamén “se non van rectificar” un veto que “vai en contra da vida da xente”.

A portavoz nacional tamén pediu explicacións ao titular do Goberno galego polo sentido dun voto que impide igualmente os descontos no transporte público, evitar os cortes de luz e auga ou os desafiuzamentos ás familias con menos recursos, nunha decisión na que o PP, sinalou, uniu “os seus votos a Vox e Junts”.

Pontón repasou en rolda de prensa as principais consecuencias da negativa do PP no Congreso que imposibilita, en primeiro lugar, a suba dun 2,8% nas pensións de 700.000 galegos e galegas que, advertiu, en moitos casos teñen prestacións “que non lles permiten nin chegar a fin de mes”.

Mais o voto en conta dos populares impide tamén aumentar as pensións non contributivas, as máis baixas, que no caso galego afecta a 38.000 persoas. “O señor Rueda tenlles que explicar aos galegos e galegas, e moi especialmente aos pensionistas, por que o Partido Popular pon os seus intereses por riba dos pensionistas”, incidiu. 

Pensións que non recollerán a suba prevista do 9%, a mesma que tampouco se aplicará no Ingreso Mínimo Vital (IMV), grazas ao voto negativo dun PP que tamén provoca que os galegos e as galegas terán que pagar máis caro o transporte público. “O señor Rueda viaxe en coche oficial e non lle afecta este problema, pero á maioría social do noso País, si”, reprochou.

A terceira gran consecuencia do voto en contra dos populares é que Galiza queda sen 700 millóns de euros que o decreto permitía entregar a conta, uns recursos moi importantes á hora de financiar a sanidade, a educación ou a atención á dependencia, apuntou Pontón, quen acusou aos deputados e deputadas do PP de “preferir facer de palmeiros de Feijóo, en vez de defender un mellor financiamento para Galiza”.

Cuestión esta última que tamén sumou á “deslealdade do presidente da Xunta” ao renunciar a reclamar a quita da débeda negociada polo Bloque no acordo de investidura e que permitiría aforrar millóns de euros. “Simplemente porque esa quita a negociou o BNG, outro exemplo máis de como temos un presidente que nin fai, nin deixa facer”, recalcou.

En cuarto lugar, a líder nacionalista tamén sinalou que o veto do PP afectará de cheo ás familias con menos recursos, ao decaer a prohibición de cortar subministros básicos como a luz e a auga ou os decontos de ate o 80% no prezo da luz para as e os consumidores con poucos recursos. “Estamos vendo como decae en pleno inverno o bono social e tamén se suspenden desafiuzamentos para as familias en situación de vulnerabilidade porque esta protección ás familias máis vulnerables é o que o Partido Popular chama ‘inquiokupación’”, recriminou.  

Por último, afeou ao PP que, coa súa decisión, tamén deixe no limbo o SMI que, á espera de que se remate a negociación cos axentes sociais, estaba prorrogado cunha contía de 1.134 euros mensuais, prórroga á que agora se lle está buscando unha saída legal.

“En definitiva, desde o BNG reclamamos ao señor Rueda que explique por que pon a estratexia partidista do Partido Popular por diante dos intereses dos galegos e das galegas”, sintetizou Pontón, quen reprochou ao titular da Xunta a súa “submisión” a Madrid, que o único que fai é “empeorar a vida da xente deste País, a dos pensionistas, a da xente moza, a das familias con menos recursos e a da clase traballadora”, enumerou. “Estamos ante o presidente máis desleal da historia de Galiza e estou convencida de que os galegos e as galegas non llo van perdoar”, concluíu.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG