A portavoz nacional, Ana Pontón, criticou ao presidente da Xunta, Alfonso Rueda, que se mantivera “cos brazos cruzados” e “abandonara aos gandeiros e gandeiras” galegos nun “momento crítico no que se están xogando a supervivencia das súas explotacións” cun acordo co Mercosur que é letal para o sector.
Pontón contrapuxo a actitude do Executivo de Rueda coa posición clara e inequívoca do BNG. “Non apoiamos o acordo de Mercosur porque deixa ao noso sector agrogandeiro nunha situación de indefensión e de competencia desleal”, subliñou en rolda de prensa.
Neste sentido, puxo en valor que o Bloque contribuíra activamente ao impulso, cun papel relevante neste sentido da súa eurodeputada Ana Miranda, da decisión tomada onte mesmo no Parlamento Europeo de remitir o tratado ao Tribunal de Xustiza Europeo (TXUE), xa que “abre unha oportunidade de negociación e de presión para desbotar definitivamente” un acordo que cualificou de “nefasto” para o sector galego.
Unha posición que contrasta, afondou, co apoio ao acordo dos eurodeputados do PP e do PSOE, “incluídos os que din defender os intereses de Galiza”. “Parécenos que esta é unha situación moi grave onde, unha vez máis, comprobamos como o BNG é a única garantía que teñen os galegos e as galegas de defender os seus intereses en Bruxelas, como está facendo a nosa eurodeputada Ana Miranda”, subliñou.
“Onde estivo a interlocución da Xunta co sector e co goberno de Bruxelas para defender os intereses do sector agrogandeiro?”, cuestionou ao Executivo do PP, para afearlle a continuación que o único que se sabe con certeza é que “o Partido Popular votou a favor da aplicación inmediata do tratado de Mercosur, a pesar de que vai en contra dos intereses de Galiza”.
“Se realmente o señor Rueda quere defender ós nosos gandeiros e gandeiras ten a oportunidade de facelo e de demostralo pedíndolle aos eurodeputados do Partido Popular, en particular aos que din representar a Galiza, que rectifiquen e voten en contra do tratado do Mercosur”, retou ao titular da Xunta.
Nesta liña, avanzou que o BNG levará unha iniciativa ao próximo Pleno do Parlamento galego para que o PP teña “a oportunidade de rectificar a súa traizón ao sector agrogandeiro” do País, se posicione en contra deste pacto comercial e lle reclame ao Goberno central e a Bruxelas que non leven adiante unha iniciativa que suporía “un golpe durísimo” para as gandeiras e os gandeiros galegos.
A portavoz nacional subliñou que o que o BNG solicita neste contexto tanto ao Goberno galego como ao do Estado é que “retiren o seu apoio” a este pacto porque “supón unha competencia desleal” co sector agrogandeiro galego e “un ataque á liña de flotación do medio rural” galego que, o que precisa, “é apoio e dinamismo económico e social”.
“Neste momento hai aberta unha oportunidade que nos permite que ese tratado non poida ir adiante e creo que é o momento, máis alá do que pasara no pasado, de xuntar forzas para defender os intereses dos galegos e das galegas”, recalcou para indicar a continuación que “o resto sería ir en contra dun sector que é clave para o mantemento do medio rural”.
Pontón advertiu que o tratado asinado entre a UE e os países do Mercosur “seguro que ten gañadores”, pero o que “claramente ten é un perdedor”, que é o sector agrogandeiro galego, que se vería “gravemente prexudicado e forzado a competir en condicións de inferioridade” fronte aos produtores dos países que integran o Mercado Común do Sur.
Neste sentido, explicou que a produción nestes países faise cun estándares ambientais, sanitarios e de benestar animal “moito menos estritos e menos esixentes” que os que se aplican aos produtores galegos, o que implica “vantaxes á hora de ofrecer prezos máis baixos”, polo que trae como consecuencia “unha caída dos prezos” aos que se vende a carne de vacún e outro tipo de carnes.
Un impacto moi negativo, afondou, nunha Galiza no que predominan as explotacións de tamaño medio e para as que unha caída dos prezos pode significar “a diferenza entre a viabilidade e o peche”. “O noso sector grandeiro non necesita máis peches de explotacións, senón apoio real para que haxa un maior dinamismo no noso medio rural”, subliñou.
A líder nacionalista recordou que o acordo suporá a entrada libre de aranceis de 99.000 toneladas de carne de vacún e 180.000 toneladas de carnes de aves procedentes do Mercosur, cando Galiza produce anualmente 95.600 toneladas de carne de vacún -das que 23.000 están amparadas pola indicación xeográfica Tenreira Galega- e 215.000 toneladas de carne de aves.
É dicir, alertou, o pacto suporía a entrada no mercado da UE dun volume similar a toda a produción anual galega, sen estar sometido ás esixencias ambientais, sanitarias e de benestar animal que si se lle exixen aos produtores e produtoras do País. “Polo tanto, nós compartimos a preocupación e as críticas que estamos escoitando estes días do sector e, desde logo, o BNG vai estar sempre, sempre, do lado dos nosos gandeiros e das nosas gandeiras”, concluíu.