Pontón reivindica a capacidade do BNG para impulsar a axenda galega no Estado fronte á inutilidade dun Goberno de Rueda instalado na crispación pola súa submisión ao PP de Madrid

Homenaxe en Ordes
Homenaxe en Ordes
Chama á participación masiva na manifestación de mañá polos lumes: “O PP non vai cambiar as súas políticas fracasadas porque non lle importa Galiza, hai que facerlle rectificar”

A portavoz nacional, Ana Pontón, reivindicou desde Ordes a capacidade do BNG para defender os intereses de Galiza e colocar a axenda galega ante o Goberno do Estado fronte á “inutilidade” dun Goberno de Alfonso Rueda instalado na crispación e a confrontación inútil pola súa submisión ao PP de Madrid.

“Fronte a esa submisión de Rueda ao PP de Madrid, que neste momento está actuando como unha sucursal de Génova, está o BNG, capaz de colocar a axenda galega ante o Goberno do Estado, fronte á inutilidade do Goberno de Rueda para defender Galiza, a utilidade do BNG”, subliñou no acto de homenaxe á militancia da comarca de Compostela, A Barcala e Terra de Ordes e en particular ás persoas que forman parte da organización nacionalista dende hai máis de 25 anos.  

Pontón exemplificou a política útil do BNG á hora de defender os intereses de Galiza no Estado nos históricos descontos das peaxes da AP9, na quita da débeda de 4.000 millóns de euros ou nos avances para que os galegos e as galegas teñan dunha vez por todas un tren de cercanías

“Polo tanto, fronte á confrontación inútil de Rueda, a negociación útil e intelixente do BNG, porque fronte a un PP instalado no insulto e na crispación, desde o BNG demostramos que hai outra forma de facer política, apostando polo diálogo e a negociación para mellorar a vida dos galegos e das galegas”, incidiu. “Así é como o BNG defende Galiza ante o goberno do Estado, coas mans libres e usando a forza que nos dan os galegos e as galegas para poder defender os seus intereses”, sintetizou.

Neste sentido, recordou algúns dos resultados obtidos polo Bloque en cumprimento do acordo de investidura, entre os que tamén salientou o dragado da ría do Burgo ou a electrificación da liña de tren Lugo-Ourense, da que dixo “permitirá modernizar unha infraestrutura esencial para o interior do País”, e que sumou aos descontos nas peaxes da AP9, os avances no tren de proximidade ou a quita da débeda de 4.000 millóns para, subliñou, “evitar que Galiza sexa discriminada”.

Unha redución da débeda pública que, denunciou, “Rueda se empeña en boicotear e rexeitar, única e exclusivamente por seguir a estratexia electoral cutre de Feijóo, poñendo os intereses do PP por diante dos intereses dos galegos e das galegas”, o que cualificou de “impresentable”.

A líder nacionalista avanzou que esta é a liña na que vai seguir traballando o BNG, “usando con intelixencia e con firmeza” a súa forza no Congreso e no Senado, dado que a defensa dos intereses dos galegos e das galegas é a súa “razón de ser”.

“E fai máis falta que nunca porque estamos ante o peor goberno da historia e ante o presidente da Xunta máis desleal e máis incompetente, como acabamos de ver na nefasta xestión da vaga de lumes”, afondou, para advertir a continuación que “nada” se pode esperar do PP para loitar contra os lumes. “Ao contrario, vai continuar coas mesmas políticas fracasadas que provocaron os maiores incendios deste século”, criticou.

Por iso, animou a “participar masivamente” na manifestación convocada mañá en Santiago pola plataforma Por un monte galego con futuro para reclamar un cambio radical na política forestal do Executivo do PP.

“O PP non vai rectificar porque non lle importa Galiza, hai que facerlle rectificar e por iso é clave a mobilización social, encher as rúas para dicirlle alto e claro ao Goberno de Rueda que queremos unha Galiza na que se loite contra os incendios, que queremos un monte limpo, multifuncional e con futuro e que queremos un rural con vida”, remarcou.

Nesta liña, Pontón rematou indicando que “é posible outra política forestal” e “outro medio rural” que permita aos galegos e ás galegas vivir nun País onde non teñan que sufrir cada verán pendentes da climatoloxía. “É posible outra política forestal e outro medio rural para que realmente podamos sentir seguridade no noso País”, concluíu.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG