A portavoz nacional, Ana Pontón, recriminou ao presidente da Xunta, Alfonso Rueda, que non asuma as súas responsabilidades políticas na vaga de lumes do pasado mes de agosto e dimita e que, por riba, manteña o seu empeño en “non cambiar absolutamente nada” da súa política forestal e de desenvolvemento ao rural fracasada, que foi a que conduciu a esta situación.
“Esta vaga de lumes, que nos deixa unha auténtica catástrofe ambiental, social e económica, ten responsables políticos e por iso seguimos exixindo a dimisión de Rueda como máximo responsable da situación que nos levou aquí”, afirmou na manifestación celebrada en Santiago baixo o lema Lumes Nunca Máis, e na que participou unha ampla delegación do BNG.
Pontón remarcou a “neglixencia e incompetencia” do presidente da Xunta á hora de “tomar as medidas de prevención que evitaran unha situación así”, mais tamén neglixencia e incompetencia “na xestión desta crise” e, “o máis grave, a neglixencia de non querer aceptar as súas responsabilidades”.
A portavoz nacional recordou que son as políticas levadas a cabo nos últimos anos polo PP as que provocaron o abandono do medio rural que “converte o monte nun polvorín” e recordou que “é falso” que esta vaga de incendios non se puidera previr, xa que as persoas expertas levan anos advertindo que isto podía acontecer.
“E o Goberno do Partido Popular, en vez de tomar as medidas para protexer a poboación e para protexer os nosos montes, foi na dirección contraria”, recalcou, advertindo que os populares “non teñen aprendido nada ao longo destes anos”.
Polo tanto, ademais da indignación mostrada por miles de galegos e galegas nesta mobilización, incidiu en que tamén é unha xornada na que a cidadanía exixe responsabilidades políticas e a dimisión do “máximo responsable desta crise incendiaria que é o señor Rueda, que actuou con neglixencia e incompetencia”, subliñou.
“Non pode ser que, cando un goberno provoca coas súas políticas forestais e de abandono do medio rural unha situación así, diga que non son responsables absolutamente de nada e que a súa solución é botar balóns fóra”, denunciou.
Neste sentido, insistiu en que o Executivo do PP ten que asumir as súas responsabilidades políticas. “Por iso seguimos exixindo a dimisión de Rueda como máximo responsable da situación que nos levou até aquí”, reiterou.
“E se isto nos parece moi grave, o que xa é absolutamente temerario é que teñamos un goberno que, despois dos incendios máis grandes deste século, di que non vai cambiar absolutamente nada”, denunciou, para criticar a continuación a comparecencia do titular da Xunta no Parlamento, que considerou un “retrato da incompetencia”, mais tamén “o retrato da incapacidade” para poñer en marcha unha nova política forestal e nunha nova política no medio rural.
A líder nacionalista avanzou que isto é o que vai seguir reclamando o BNG, “un cambio de rumbo” nas políticas fracasadas do PP para apostar por “un monte funcional” onde se reduza o “impacto de especies pirófitas” como o eucalipto e onde se apliquen “as medidas necesarias para protexer” o monte e as persoas. “É posible facelo, o único que se necesita é vontade política”, alegou.
“O que se expresa hoxe aquí é a indignación dunha cidadanía que non está disposta a ver como o noso País ten que arder, ano tras ano, sen que nada cambie e que lle reclama ao Goberno galego un xiro de 180 graos”, afondou, para rematar reclamando ao Executivo de Rueda que “tome nota do que pasou e que estes incendios sexan un punto de inflexión”. “Que nunca máis volvamos ver unha situación tan dramática e tan catastrófica como a que vivimos este verán”, concluíu.