Pontón recrimina a Rueda que critique o acordo do BNG que garante a igualdade de trato a Galiza na redución da débeda

Iván Rivas, Ana Pontón e Néstor Rego
Iván Rivas, Ana Pontón e Néstor Rego

Pide ao presidente da Xunta que aproveite a vía que abre o pacto do Bloque e negocie co Estado a quita dunha débeda que triplicou o Goberno do PP

Presentou xunto a Néstor Rego e Iván Rivas os beneficios do acordo en Ferrol que gaña coa rebaixa na AP-9, un tren de proximidade coa Coruña, a modernización do FEVE e un xulgado de violencia de xénero   

Rego: “Só o BNG se ocupa de defender os intereses de Galiza”

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, reprobou ao presidente da Xunta, Alfonso Rueda, por criticar en Madrid o acordo de investidura acadado polo BNG e lembrou que o pacto garante cuestións tan importantes como a igualdade de trato a Galiza na redución da débeda.

“É triste ver a un presidente criticando un acordo que traballa para solucionar un problema que creou o PP”, afeou para recalcar a continuación que foi precisamente o goberno do PP o que triplicou nos últimos 14 anos a débeda pública do País, que supera xa os 14.000 millóns de euros, o que representa 5.243 euros por habitante.

Pontón advertiu que a débeda supón para os galegos e as galegas máis de 1.500 millóns de euros nos próximos orzamentos 2024, unha partida orzamentaria que que podería ir destinada a políticas sociais ou á reindustrialización do País e que “non pode ir porque o PP hipotecou as contas públicas do noso País”.

A líder nacionalista atribuíu as críticas do presidente da Xunta a que o acordo do BNG demostra a súa incapacidade política para defender os intereses dos galegos e das galegas no Estado e porque lle molesta que “sexamos capaces de conseguir o que el non é capaz”, incidiu.

Neste sentido, pediu a Rueda que, “no seu tempo de desconto”, non traballe en contra de Galiza e aproveite a vía que abre o acordo de investidura logrado polo Bloque para que o País reduza a súa débeda. “O que debería estar facendo o señor Rueda é negociando co Estado esa quita de débeda pública”, afondou.

“Hoxe non temos un presidente da Xunta que defende os intereses deste País, senón única e exclusivamente a un delegado do PP de Madrid que quere utilizar a Xunta para facer política partidista ao servizo dos intereses dese PP de Madrid e que está traballando á contra dos intereses dos galegos e das galegas”, recriminou logo de reivindicar un acordo que cualifico de “beneficioso para Galiza”.

Ante a incapacidade política do actual presidente da Xunta, a líder nacionalista comprometeuse cos galegos e as galegas a negociar a redución da débeda pública e un novo modelo de financiamento “que realmente lle dea solución aos problemas, déficits e discriminacións que ten o modelo actual”, se obtén o seu apoio para ser a presidenta do goberno do cambio.

Pontón realizou estas declaracións na presentación do acordo de investidura do BNG en Ferrol xunto ao deputado Néstor Rego e o portavoz municipal, Iván Rivas, e na que salientou que o pacto “pon a Ferrol no mapa” que, ao igual que o conxunto do País, “gaña con este acordo” e coa “política útil do BNG, que impulsa a axenda galega ante o Estado e mellora a vida das persoas”.

Neste sentido, salientou os novos descontos nas peaxes da AP-9, que cualificou de fundamentais en Ferrolterra para toda a mobilidade co Eixo Atlántico, unha rebaixa que considerou un paso adiante cara á AP-9 galega e libre de peaxes que defende o Bloque.

Así mesmo, explicou o “paso decisivo” que logra o acordo para que Ferrol “pase de ter un tren do século XIX e se suba ao ferrocarril do século XXI” cun servizo ferroviario de proximidade entre Ferrol e A Coruña que cualificou de estratéxica para o futuro da cidade, non só para a mellora das condicións de vida dos ferroláns e ferrolás, senón tamén para o seu desenvolvemento económico e a súa posición estratéxica no conxunto do País.

A isto engadiu a incorporación no pacto de investidura da modernización do FEVE, para que esta liña teña unhas condicións análogas ás de Asturias e Cantabria e funcione coma infraestrutura vertebradora en toda a zona norte do noso territorio. Por último, tamén destacou que a cidade contará con máis medios para loitar contra a violencia machista coa creación dun xulgado exclusivo de violencia de xénero.

Esixencia con Pedro Sánchez

Actuacións todas elas que a portavoz do Bloque considerou estratéxicas para o futuro de Ferrol e a súa comarca, no marco dun acordo beneficioso para o conxunto do País, se ben advertiu que a investidura “non é o fin de nada”, senón o inicio dunha lexislatura na que o BNG non só vai ser moi esixente co cumprimento do acordo, senón que tamén vai impulsar máis iniciativas a favor de Galiza porque, segundo concluíu, “estamos nun cotexto onde o Bloque é máis determinante e isto vainos dar moitas oportunidades de utilizar a forza que nos deron os galegos e galegas nas pasadas eleccións para seguir conseguindo melloras para o noso País”. 

O deputado Néstor Rego tamén se referiu á investidura de Pedro Sánchez que contou co voto a favor do BNG, segundo explicou, “en cumprimento dos dous compromisos fundamentais que adquirimos coa sociedade galega: ser muro de contención da dereita e ultra dereita cada vez máis ultra e antigalega e defender os intereses da Galiza e das maiorías sociais do noso País.”

Rego deixou claro que “o voto do BNG foi a cambio dun acordo de investidura que recolle medidas moi importantes que van beneficiar ao conxunto dos galegos e das galegas”. Nesta liña, subliñou que con este acordo, “Galiza gaña en infraestruturas viarias, ferroviarias, políticas sociais como a suba das pensións mínimas, a creación de xulgados de violencia de xénero, financiamento da Lei de Dependencia, o avance na transferencia das competencias pendentes, o avance na plurinacionalidade do estado e a compensación da débeda de forma análoga a outras CCAA”.

Afirmou que se tratan de “medidas positivas que conseguiu o BNG”, subliñando que ao longo destes meses demostrouse que “só o BNG se ocupa de defender os intereses de Galiza”. “Somos garantía de que Galiza existe nas políticas do estado, de que Ferrol existe na política do Estado”, recalcou, co impulso da modernización da liña ferroviaria Ferrol-A Coruña, o baipás de Betanzos, o novo impulso á modernización da liña da antiga Feve ou as bonificacións na AP-9”, afondou.

Ademais contrastou as descualificacións do PP que tildou os descontos de “rebaixiñas” coa realidade nos petos dos galegos e das galegas: “ Di que son rebaixiñas cando van supor un aforro de 285 euros en usuarios habituais”. Por último, lembrou que “se pagamos peaxes na AP-9 é grazas ao PP que prorrogou a concesión até 2048 no Goberno de Aznar. O BNG vaise preocupar de acabar con esa concesión”, concluíu.

Pola súa banda, Iván Rivas salientou a importancia de que se dote á cidade de Ferrol dun xulgado contra a violencia de xénero e destacou que por fin se lle de solución a un dos problemas estruturais da cidade como é o da mobilidade, resolvendo o illamento que padece Ferrol coa mellora e renovación das infraestruturas ferroviarias que suporá un punto de inflexión.

“Este acordo é unha demostración de que as propostas e os acordos aos que chega o BNG baséanse na realidade do país e na realidade dunha cidade como é Ferrol permitíndonos avanzar”, finalizou.




 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG