Pontón recoñece e agradece a Francisco Jorquera toda unha vida de traballo “por e para Galiza" e ao servizo do ben común

Visita Denodo
Visita Denodo

Avanza que o Bloque seguirá contando con quen é unha das mellores cabezas políticas, non só da organización nacionalista, senón de Galiza

Lembra que no BNG non se elixen candidatxs dixitalmente desde ningún despacho e que será a militancia da Coruña a que decida quen encabezará a candidatura nas municipais

A portavoz nacional, Ana Pontón, recoñeceu e agradeceu na Coruña toda unha vida de traballo “por e para Galiza” e ao servizo do ben común a Francisco Jorquera, quen onte fixo pública a súa decisión de non repetir como candidato do BNG nas eleccións municipais.

Logo de expresar o seu especial cariño e aprecio por quen foi unha das primeiras persoas que lle tendeu a man cando era militante en Galiza Nova, Pontón destacou a dilatada traxectoria de Jorquera, da que salientou a súa capacidade, o seu talento e o seu talante, algo que considerou especialmente relevante nos tempos que corren.

“Esa marca de diálogo, de escoita, de estar sempre traballando polo ben común é algo que se necesita moito en política”, subliñou en declaracións aos medios logo de visitar na Coruña a empresa Denodo xunto ao propio portavoz municipal e o deputado Daniel Castro.  

“Quero agradecerlle toda unha vida de traballo por e para Galiza, onde mesmo a súa familia en moitas ocasións fixo moitos sacrificios para dedicarse a esa nobre tarefa que é a defensa do ben común”, afirmou, para mostrar a continuación o seu orgullo de poder seguir contando con Jorquera na Coruña xa que, sinalou, “unha cousa é que un deixe un cargo público e outra é que deixe a política”.

“Creo que Paco é unha desas persoas que nunca vai a abandonar a militancia, que vai seguir sempre aí e eu quero facerlle tamén ese recoñecemento público a unha das mellores cabezas políticas que ten, non o BNG, senón Galiza”, engadiu a líder nacionalista, quen agradeceu estes anos de dedicación e avanzou que o Bloque vai “seguir contando con el”.

A preguntas dos medios, Pontón tamén se mostrou orgullosa como portavoz nacional de que a persoa que vai encabezar a candidatura nas próximas municipais “non se vai elixir dixitalmente desde ningún despacho de Santiago”, senón que serán as e os militantes da Coruña a que a escollan.

“Afortunadamente temos un gran banquillo, temos xente moi preparada e capacitada e dentro de moi pouco saberase quen é a persoa que imos presentar como próxima alcalde ou alcaldesa desta cidade”, avanzou, logo de remarcar que o Bloque está “en plena forma e na Coruña moito máis”.

Transferir o Pazo de Meirás a Galiza e convertelo en espazo de memoria

Tamén a preguntas dos medios ante a sentenza de hoxe do Supremo sobre o Pazo de Meirás, a líder nacionalista apuntou como o máis relevante que a cidadanía galega “gañou unha batalla moi importante”, que é a recuperación dun pazo que se demostrou que “non era propiedade da familia Franco, senón que é propiedade dos galegos e das galegas”.

Pontón defendeu a transferencia do pazo a Galiza para a súa apertura ao conxunto da cidadanía e para a súa conversión nun espazo de memoria co obxectivo de non esquecer o que pasou neste País.

“Creo que é a primeira batalla deste calibre que se lle gaña á familia Franco no conxunto do Estado español e como galega síntome tremendamente orgullosa”, recalcou, para mostrar a continuación a incomprensión do BNG ante a indemnización aos herdeiros do ditador que o Supremo tamén recolle na súa sentenza. 

“Non me parece ben que haxa que indemnizalos evidentemente, son cousas da xustiza que nin entendemos, nin compartirmos”, concluíu.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG