galegas 2024

Pontón reclamará a transferencia das bolsas universitarias para subir a contía un 15 % e axudar ás familias con menos recursos

Antonio López (reitor) e Ana Pontón
Antonio López (reitor) e Ana Pontón

Impulsará unha Bolsa de Vivenda en colaboración coas tres universidades co obxectivo de garantir pisos “dignos e a prezos accesibles” ás persoas estudantes

Comprométese ante o reitor da USC a por en marcha un novo Plan de Financiamento e a compensar ás universidades pola gratuidade das matrículas

“Precisamos unha universidade pública ben financiada porque o seu papel é fundamental para ter unha sociedade máis xusta e con máis oportunidades”

A portavoz nacional e candidata á Presidencia da Xunta, Ana Pontón, reuniuse con reitor da USC, Antonio López, para abordar a situación da educación superior en Galiza e adiantarlle as principais propostas do programa de goberno do BNG neste eido, entre elas a mellora das bolsas de estudo para facer a universidade máis accesible.

Pontón avanzou, neste sentido, que como presidenta reclamará ao Estado a transferencia da xestión das bolsas universitarias co obxectivo de incrementar a súa contía un 15 %, facilitando así o acceso á educación superior a aquelas familias con menos recursos económicos. “Queremos axudar ás familias a facer fronte a esta crise de prezos e evitar que aquelas con menos recursos teñan que renunciar aos estudos universitarios”, asegurou Pontón.

Na mesma liña, a candidata nacionalista referiuse ao problema de vivenda que sofren os estudantes en cidades como Santiago, onde a oferta é escasa e moitas veces pouco accesible polos prezos elevados. Neste sentido, avanzou que co BNG na Xunta vaise crear unha bolsa de vivenda en colaboración coas universidades, de maneira que os mozos e mozas matriculados nas universidades galegas teñan á súa disposición pisos “dignos e a prezos accesibles”, apuntou.      

Pontón comprometeuse, por outra banda, a dotar de máis recursos aos campus galegos, negociando coas universidades un novo plan de financiamento “con fondos suficientes”, tendo en conta que “a universidade pública xoga un papel fundamental na construción dunha sociedade máis xusta e con máis oportunidades”, apuntou.

Obxectivo na financiación universitaria: 1,5 % do PIB

O obxectivo do BNG é, neste sentido, camiñar cara unha universidade pública de calidade e ben financiada, até aportarlle ao Sistema Universitario Galego (SUG) o 1,5 % do PIB. Un plan, explicou a candidata nacionalista, que incluirá mecanismos de compensacións para evitar que a gratuidade das matrículas universitarias, que o BNG leva no seu programa de goberno e vén reclamando dende hai tempo no Parlamento galego, supoña un prexuízo para as propias universidades.

A portavoz nacional trasladou tamén o reitor compostelán o seu compromiso de incrementar o número de prazas naquelas titulacións universitarias que teñen moita máis demanda por parte do alumnado que oferta e que, ademais, forman profesionais reclamados polo mercado laboral. 

“Queremos axudar aos estudantes que agora teñen que saír fora para cursar determinadas titulacións, con todos os gastos que iso implica”, subliñou, lembrando que na situación actual moitos mozos e mozas non poden acceder a determinados graos porque as súas familias non teñen os recursos necesarios para asumir os custes de estudar fora de Galiza.

Xantar no Club Financeiro

Ana Pontón completou este venres a súa axenda en Santiago cun xantar xunto a representantes do Club Financeiro, ao que asistiu tamén a alcaldesa compostelá, Goretti Sanmartín. Durante este encontro, Pontón expuxo algunhas das prioridades fixadas no programa económico do BNG, como a aposta pola I+D+i como motor de desenvolvemento do País, un plan de reindustrialización para incrementar en 8 puntos o peso deste sector no PIB ou a posta en marcha dun novo modelo enerxético ao servizo de Galiza.

 

Máis en Novas
Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG