A portavoz nacional do Bloque Nacionalista Galego, Ana Pontón, expresou hoxe o seu recoñecemento aos profesionais e veciñanza que, con enorme esforzo, están a combater os lumes que arrasan boa parte do país, moi especialmente en Ourense. Pontón transmitiu tamén “todo o cariño, apoio e solidariedade ás persoas que viron o lume ás portas das súas casas e do seu medio de vida, sufrindo medo, rabia e impotencia”.
Pontón advertiu que Galiza vive “unha auténtica situación de emerxencia” e que a Xunta está “sobrepasada”, polo que reclamou a máxima cooperación institucional e a mobilización inmediata de todos os medios dispoñibles. “Hai moita xente que se sentiu abandonada e que foi a propia veciñanza quen loitou contra os lumes en moitos lugares”, denunciou.
A líder nacionalista fixo un chamamento a articular medidas inmediatas, entre elas a posta en marcha dun fondo urxente de recuperación social e ambiental con 200 millóns de euros, destinado á reparación de infraestruturas municipais, indemnizacións por danos en vivendas, vehículos ou explotacións forestais, gandeiras e agrarias, así como á recuperación ambiental das zonas queimadas.
Pontón insistiu en que a vaga de incendios debe ser un punto de inflexión: “Non pode ser que empece a chover e que nada cambie. Non podemos aceptar como inevitable que Galiza arda ano tras ano”. Para iso, o BNG propón un novo rumbo con catro piares: políticas de prevención con maior investimento, faixas de protección e planificación nas zonas de maior risco; novo modelo de ordenación forestal, con montes multifuncionais que combinen aproveitamento forestal e agrario, afastando masas de eucalipto das áreas habitadas e paralizando proxectos como o de Altri; revisión do servizo de extinción, adaptándoo aos incendios de nova xeración; e o impulso ao desenvolvemento rural e recuperación de superficie agraria.
“Se queremos que as cousas cambien, non podemos repetir ano tras ano as mesmas políticas fracasadas. Esta catástrofe debe ser o inicio dunha nova etapa para un rural vivo e con futuro, do contrario seguiremos condenados á destrución que representan estes lumes”, concluíu Pontón.