parlamento galego

Pontón reclama a comparecencia de Rueda no Parlamento para que explique a xestión da crise dos pellets no litoral galego

Visita Muros
Visita Muros

Urxe os recursos necesarios para enfrontar a “traxedia ambiental” porque o Plan de Continxencia da Xunta non contempla a mobilización de máis medios

Critica á Xunta que ocultara o suceso cando o coñecía dende hai semanas e a Rueda que estea en campaña sen atender as necesidades urxentes da xente

Advirte que Goberno galego e estatal deixan sós aos concellos e á cidadanía repetindo os erros doutras traxedias ambientais como a do Prestige 

A alcaldesa de Muros pide a “colaboración urxente e totalmente necesaria” de Xunta e Estado que lles están dando as costas aos concellos afectados 

A portavoz nacional e candidata á Presidencia da Xunta, Ana Pontón, avanzou que o BNG solicitará de maneira urxente a convocatoria da Deputación Permanente do Parlamento galego para que o presidente en funcións, Alfonso Rueda, compareza ante a Cámara para explicar “por que se ocultou información e por que non se están poñendo medios” ante o vertido de pellets plásticos na costa galega que cualificou de “traxedia ambiental”.

Así o dixo en Muros, onde coñeceu de primeira man a situación da man da alcaldesa da localidade, María Lago, a deputada Rosana Pérez e Luís Pérez, rexedor de Ribeira, outro dos concellos afectados e sobre os que Pontón advertiu “están sós, man a man coa cidadanía” ante a inacción tanto da Xunta como do Goberno central.

Neste sentido, considerou “gravísimo” que o Executivo galego ocultara o vertido de pellets cando era coñecedor do mesmo dende hai semanas, non puxera os medios necesarios para atallar o problema e ademais estea actuando “tarde e mal” porque activou o Plan de Continxencias “nun nivel que non implica a mobilización de máis medios”.

“É unha irresponsabilidade porque estamos ante unha traxedia ambiental que ten consecuencias negativas para o noso litoral e para o sector do mar”, incidiu, para reclamar a continuación á Xunta que reaccione, se poña “á fronte deste problema” e poña os medios necesarios para solucionar o problema.

Neste sentido, sinalou como máximo responsable da “incompetencia” coa que se está xestionando esta crise a Alfonso Rueda que, segundo subliñou, “vemos que está en campaña electoral, pero non se ocupa dos problemas que ten o noso litoral”.

A líder nacionalista afirmou que o que está acontecendo estes días “recorda demasiado” á maneira nefasta na que se xestionaron outro tipo de catástrofes ambientais como a do Prestige. “Vemos outra vez como son os cidadáns e os concellos os que se están tendo que enfrontar a este problema sós, sen que nin o Goberno galego nin o central estean actuando á altura da necesidade deste momento”, remarcou.

Ante a “opacidade na información e a falta de medios, recursos e coordinación”, Pontón advertiu que os Executivos galego e estatal están repetindo “os erros que se cometeron noutras traxedias dende o punto de vista ambiental”, o que cualificou dunha “auténtica irresponsabilidade” ante un vertido do que aínda non se sabe a súa dimensión exacta porque non se ofrece información ao respecto e que pode ser menos rechamante porque “non é unha marea negra, senón branca”, pero que é sabido “ten un impacto medioambiental negativo sobre o noso litoral”.

“O máis urxente é que se activen todos os recursos necesarios para poder limpar as praias e coñecer o alcance do vertido para que haxa solucións”, concluíu logo de apelar tamén á coordinación con Portugal para poder monitorizar, controlar e eliminar o vertido na súa totalidade. 

Pola súa banda, a alcaldesa de Muros, María Lago, pediu a “colaboración urxente e totalmente necesaria” da Xunta e do Estado que, segundo alertou, “nos están dando totalmente a espalda”. Lago incidiu en que os concellos estanse vendo “sós e sen medios” pelexando cun perigo que “non chegamos a coñecer de todo”.

“Non temos información do que é exactamente o produto que está chegando, nin da cantidade que queda por chegar, nin do que se perdeu”, afondou, para concluír a continuación que a Xunta está actuando “dunha forma tremendamente opaca e xerando unha desconfianza e un medo na poboación tremendo”.

 

Máis en Novas
Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG