Ana Pontón: “A quita da débeda libera recursos para atender gasto social”

Ana Pontón
Ana Pontón

Pídelle a Rueda que non sexa submiso á rúa Génova, rectifique e acepte unha condonación que beneficia aos galegos e ás galegas

“Ninguén entendería que se lle condone a débeda a Cataluña ou a Andalucía e non se lle condone a débeda a Galiza”, advirte

A portavoz nacional, Ana Pontón, indicou hoxe que a condonación da débeda pública libera recursos para poder atender o gasto social, dado que coa quita tamén se amortiza o capital desa débeda, o que implica poder destinar eses recursos liberados a partidas sociais.

“Cando estamos falando da condonación da débeda, non estamos falando só de que imos pagar menos xuros, é que se amortiza tamén o capital desa débeda e, polo tanto, no momento no que se amortizan 4.000 millóns de euros, temos unha liberación de recursos que a Xunta estaba utilizando para pagar a amortización de débeda”, explicou en rolda de prensa, logo dun encontro con organizacións sindicais do ensino para avaliar as condicións nas que arranca o curso escolar 2025/26.

Isto significa, afondou a preguntas dos medios, que se van “liberar recursos para poder atender gasto social”, se ben recordou que nestes momentos estamos aínda diante dun anteproxecto de lei.

En todo caso, Pontón reiterou que o BNG vai a “traballar con claridade” para que Galiza se beneficie dunha quita de 4.000 millóns, o que implica recortar nun 33% unha débeda pública que, recordou, “creou o Partido Popular, mentres recortaba en sanidade, en educación e en dependencia”.

Por iso, insistiu en pedirlle ao presidente da Xunta, Alfonso Rueda, que “por unha vez non sexa submiso aos intereses dos galegos e das galegas”, rectifique e acepte a condonación, xa que “ninguén entendería que se lle condone a débeda a Andalucía ou a Cataluña e non se lle condone a débeda a Galiza”.

“Ese é o debate que temos na actualidade e o que lle pedimos é altura de miras”, sintetizou logo de lembrar que eses 4.010 millóns de euros da quita da débeda permitirían financiar moitas das medidas propostas polo BNG para mellorar, por exemplo, a educación pública.

A líder nacionalista criticou a postura dun Rueda que “prefire obedecer as directrices de Génova” antes que ter máis recursos para mellorar o sistema educativo ou outros servizos sociais. “Lamentablemente o que temos é a un Partido Popular e a un Rueda que, en vez de defender os intereses de Galiza, traizoa os nosos intereses, porque cada vez que ten que escoller entre o PP e Galiza, Rueda sempre escolle a defensa do PP”, recalcou.

Neste sentido, insistiu en pedirlle ao titular do Executivo que rectifique “porque hai moito en xogo”. “O que ninguén entende é que cando nos ofrecen unha condonación que supón o 33% da débeda que temos en Galiza, o señor Rueda, con mentiras e propaganda, intente convencernos de que é un mal negocio para Galiza e que haxa comunidades ás que se lle vai a condonar a débeda e Galiza non o faga, única e exclusivamente porque o señor Rueda prefire obedecer a Feijóo que atender os intereses dos galegos e das galegas”, concluíu.    

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG