Pontón propón un fondo urxente de 200 M€ para a recuperación social e ambiental das zonas asoladas polos incendios forestais

Foto Ana Pontón.  incendios 11
Secundino Fernández, Noa Presas, Ana Pontón e Bernardo Varela.

Ve na vaga de lumes “un grave síntoma da política de abandono do territorio e do modelo fracasado” do PP e pide unha nova estratexia para un rural vivo

Asegura que “non podemos aceptar como normal que o País arda ano tras ano” e demanda a Rueda que faga desta traxedia un “punto de inflexión”

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, reclamou á Xunta que, en paralelo ás labores de extinción que neste momento son prioritarias, poña en marcha un fondo urxente de recuperación social e ambiental, cunha dotación mínima de 200 millóns de euros, para actuacións de urxencia nas zonas afectadas pola “terrible” vaga de lumes que estes días afecta con especial virulencia ás comarcas ourensás.  

Tras unha reunión en Ourense con cargos institucionais do BNG para facer seguimento da dramática situación que se está a vivir no País,  con 22.000 hectáreas arrasadas, centos de persoas desaloxadas, casas ardendo e catro brigadistas hospitalizados, a líder nacionalista reclamou unha “resposta a altura” da extrema gravidade destes incendios e da catástrofe ambiental, social e económica que están deixando atrás.

É por iso que o BNG propón medidas extraordinarias a corto e medio prazo, a comezar polo fondo para actuacións urxentes, como reparación de infraestruturas, indemnizacións pola perda de bens privados como vivendas ou vehículos, axudas económicas para titulares de explotacións forestais, agrarias ou gandeiras afectadas, ou recuperación ambiental das zonas queimadas. “Hai recursos do fondo de continxencia e tamén dos que quedan sen executar ano tras ano”, apuntou.

Pontón considerou que a onda de lumes forestais destes días ten que ser “un punto de inflexión”  porque “non podemos aceptar como normal que o País arda ano tras ano”. Neste punto, reclamoulle a Rueda que “deixe de esconderse en teorías falsas e conspiranoicas de tramas inexistentes” e asuma que os incendios son “un grave síntoma da súa política de abandono do rural e dunha política fracasada que constitúe un cóctel explosivo”.

“Moito máis —engadiu— nun contexto de cambio climático, de despoboamento do territorio, de abandono da actividade agrícola e gandeira e dunha actividade forestal de monocultivos de pirófitas mal xestionados en moitos casos, que dan lugar a unha biomasa descontrolada que fai que hoxe teñamos incendios dunha magnitude que hai décadas non coñeciamos”.

Segundo a portavoz nacional do BNG, son necesarias “novas estratexias” para un rural que “non é o de hai 30 ou 40 anos”, que precisa da súa revitalización e de empresas comprometidas co territorio. “Precisamos un rural vivo, do contrario seguiremos na destrución que representan estes lumes”, advertiu, incidindo en que “se queremos que as cousas cambien, non se poden repetir ano tras ano as mesmas políticas fracasadas, que son unha hipoteca para o futuro do País”.

Aposta decidida pola prevención

A proposta nacionalista pasa por unha aposta clara pola política integral preventiva, cun maior investimento en accións sobre o territorio (faixas de protección ou cortalumes naturais e pasteiros para o gando) e unha planificación de actuacións preventivas nas zonas de maior risco, afondou Pontón, que defendeu así mesmo a reordenación territorial para afastar as masas forestais dos pobos e zonas de actividade industrial, e un novo modelo de ordenación forestal para ter un monte multifuncional no que se combine o aproveitamento forestal e agrario.

“Precisamos máis recursos para o desenvolvemento rural, e isto choca de cheo cos deseños do PP, con proxectos como Altri, ou cos deseños que está facendo Europa, que prevé un recorte do 30 % da PAC e a desaparición dos fondos de desenvolvemento rural”, denunciou, para preguntarse se, como País, “queremos armamento ou labregos e labregas que coiden o territorio”.  

A portavoz nacional subliñou que a prioridade agora é frear a vaga de lumes e, neste sentido, considerou ‘”imprescindible” que haxa a máxima coordinación e colaboración entre administracións e poñer a disposición da loita contra o lume todos os medios necesarios, co fin de evitar males maiores. As institucións gobernadas polo BNG, subliñou, están colaborando “desde o primeiro minuto” porque “hai que arrimar o ombro para extinguir canto antes esta vaga de incendios”, afirmou.

Recoñecemento aos servizos de extinción e solidariedade coas persoas afectadas

Pontón aproveitou para trasladar o recoñecemento do BNG a todas as persoas que están traballando estes días, “dándoo todo”, para combater o lume, especialmente ás brigadas de extinción, pero tamén aos servizos de emerxencias, ao persoal de Protección Civil e os particulares “que ante esta situación tan difícil están incluso expoñendo as súas vidas”. Enviou ademais unha mostra especial de cariño aos brigadistas hospitalizados, aos que desexou unha pronta recuperación.

De igual xeito, trasladou todo o apoio do Bloque ás persoas que están vivindo en primeira persoa as consecuencias dos incendios, “porque sabemos ben do medo, da rabia, da indignación e da impotencia que sentides”, dixo, para finalmente aludir tamén o traballo que están facendo os alcaldes e alcaldesas dos concellos afectados.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG