Pontón propón declarar estratéxicos os recursos mineiros e poñelos ao servizo do País e da maioría social

“O PP fai coa riqueza mineira o mesmo que co resto de recursos naturais: poñelos en mans de multinacionais ou empresas amigas a prezo de saldo”

A portavoz nacional, Ana Pontón, avanzou a alternativa do BNG para ordenar, planificar e programar o desenvolvemento da extracción de minerais no País, a comezar por declarar estratéxicos os recursos mineiros e o conxunto dos recursos naturais galegos, fronte a un Goberno de Alfonso Rueda que abre a porta ao espolio tamén na minaría.

Pontón explicou en rolda de prensa as principais liñas da proposta do Goberno alternativo do BNG que inclúe medidas reguladoras, de planificación e de xestión cun horizonte claro: “Galiza ten que beneficiarse da riqueza mineira de Galiza”, sintetizou.

A líder nacionalista recalcou a aposta da formación nacionalista por poñer esa riqueza ao servizo do País “garantindo o peche de ciclos e a preservación dos sectores produtivos, dos recursos hídricos, do territorio e da biodiversidade”, fronte a un Goberno do PP que aplica na minaría “o mesmo modus operandi” que vén aplicando con todos os recursos naturais de Galiza, “a filosofía do espolio”, advertiu.

Neste sentido, reprochou ao Executivo de Rueda que utilice eses recursos “para poñelos en mans de grandes multinacionais ou empresas amigas do Partido Popular a prezo de saldo”, facilitando que estas empresas “se forren a costa da riqueza dos galegos e das galegas, mentres a maioría paga o prezo ambiental e social deste modelo”.

“O Goberno de Rueda repite o vello deseño extractivo, o do espolio colonial dos nosos recursos que é o que leva facendo coa nosa riqueza forestal ou coa nosa riqueza enerxética”, exemplificou Pontón, quen defendeu a necesidade de “darlle a volta a todo o que leva feito até o de agora” un Executivo do PP que “está traballando a favor do lobby mineiro e das multinacionais do sector”.

A portavoz nacional recordou nesta liña que o Goberno de Rueda aprobou en 2023 unha Axenda da Minería Sustentable “con absoluto escurantismo e sen coñecemento nin participación da sociedade galega” e, posteriormente, en xuño de 2024, iniciou a tramitación do Plan de Desenvolvemento dos Dereitos Mineiros que, subliñou, “basicamente o que supón é barra libre para poñer no mercado ao mellor postor arredor de 200 dereitos mineiros que estaban caducados”.

Medidas presentadas pola Xunta “coa retórica habitual do greenwashing, facendo pasar por sustentable e economía circular o que non é máis que o espolio de sempre dos recursos naturais do País”, indicou, para afondar a continuación nos vínculos que hai entre o PP e as empresas amigas e grandes lobbies económicos que se benefician dos recursos naturais galegos sen que isto reverta nunha maior creación de emprego ou nun maior desenvolvemento que, ademais, debería ser sustentable.

Pontón exemplificou estes lazos no actual presidente da Cámara Mineira, que foi concelleiro do PP en Santa Comba até hai uns meses e xa ten ocupados cargos directivos  en empresas do sector como Rafaella Ressources, compañía que foi propietaria da mina de San Fins e Varilongo. “Creo que todas e todos sabemos que pasou coa mina de San Fins”, recordou para apuntar o “ben que funcionan as portas xiratorias a favor das empresas amigas do Partido Popular e en contra dos intereses dos galegos e das galegas”.

A portavoz nacional tamén denunciou como, mentres aproba normativas que aceleran o espolio dos recursos mineiros, o PP paraliza instrumentos de planificación das actividades extractivas e de protección do territorio. “Aí temos a paralización da ampliación da Rede Natura ou a paralización da tramitación do plan sectorial de actividades extractivas”, exemplificou, tras mostrarse moi crítica tamén coa modificación da composición do Consello de Minería de Galiza a través da Lei de Acompañamento dos Orzamentos, coa que o PP eliminou a representación de todas as asociacións ecoloxistas, organizacións sindicais e das comunidades de montes en man común.

A líder nacionalista apuntou como último exemplo deste modelo do espolio que aplica o Executivo de Rueda á mina de Doade, promovida pola empresa Recursos Minerales de Galicia, que pertence ao grupo aragonés SAMCA. “Mentres a Xunta di promover proxectos que fortalezan as cadeas de valor e que pechen os ciclos produtivos en Galiza, en realidade, a fábrica de baterías que vai utilizar o mineral de Doade vai facerse en Zaragoza, cun investimento de máis de 4.000 millóns de euros”, afondou.

“Para Galiza, o custe ambiental e social, para outros territorios, investimentos millonarios e miles de postos de traballo e, todo isto, coa colaboración e complicidade do Partido Popular”, resumiu.

Neste contexto, Pontón avanzou as principais liñas de actuación que está ultimando o goberno alternativo do BNG para ordenar, planificar e programar o desenvolvemento da minaría en Galiza e que pasan, en primeiro lugar, por declarar estratéxicos os recursos naturais de Galiza para poñelos aos servizo do País e da súa maioría social.

“A explotación deses recursos debe planificarse en función dos intereses do País e garantindo a convivencia coas actividades propias do territorio, o peche dos ciclos produtivos e a simbiose con outros sectores industriais”, explicou.

Nesta liña, o Bloque tamén propón garantir a participación do sector público, tanto a Administración galega como das entidades locais, así como das comunidades onde se asenten os distintos proxectos, de maneira que se garante o retorno dunha porcentaxe deses beneficios aos galegos e ás galegas. “Cremos que se debe vincular a autorización de dereitos mineiros co peche dos ciclos produtivos en Galiza”, subliñou.

A alternativa nacionalista tamén aposta por que a explotación dos recursos mineiros se faga desde a transparencia e a participación social e, por último, aposta por que o desenvolvemento mineiro sexa compatible coa protección patrimonial -natural e cultural-, coa protección dos recursos hídricos e coa prevalencia de actividades económicas de sectores estratéxicos para o rural e o conxunto do País.

“Debemos priorizar a actividade agraria, gandeira, o sector pesqueiro e marisqueiro e o desenvolvemento dun monte multifuncional sobre os intereses do lobby mineiro porque toda esa actividade é fundamental para que o noso territorio teña vida e para poder frear os procesos de despoboación e desde logo non imos ir adiante con ese modelo extractivista e neocolonial dun Partido Popular que pensa que Galiza está en venta a prezo de saldo para grandes grupos económicos que veñen a lucrarse, levándose os beneficios e deixándonos aquí contaminación e graves problemas de equilibrio territorial”, concluíu.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG