Pontón propón unha batería de medidas para crear unha rede de protección social ante o incremento da pobreza en Galiza

Reunión BNG - EAPN Galiza
Reunión BNG - EAPN Galiza

Un novo bono para as familias con fillos e fillas en risco de exclusión social e un plan de 70M€ para impulsar a vivenda pública en aluguer, entre elas

A líder nacionalista avoga por recuperar a tarxeta básica, compatibilizar a Risga co IMV e subir 100 euros mensuais as pensións non contributivas

A portavoz nacional, Ana Pontón, avanzou hoxe algunhas das medidas que o BNG defenderá no próximo debate dos orzamentos da Xunta para 2023 co obxectivo de crear unha rede de protección social ante o incremento da pobreza e a desigualdade en Galiza.

Entre elas, apuntou unha iniciativa de nova creación, un bono para axudar ás familias con fillos e fillas que se atopan en risco de exclusión social e de pobreza “para garantir que estes menores teñan un acompañamento e poidan contar coas axudas necesarias para saír desa situación”, medida á que sumou a recuperación da tarxeta básica e a mellora nas prestacións da RISGA e a súa compatibilidade co Ingreso Mínimo Vital (IMV).

De igual xeito, a líder nacionalista defendeu un incremento en 100 euros mensuais do complemento autonómico nas pensións non contributivas -fronte á suba de 1,20 euros ao mes prevista polo Goberno do PP e que cualificou de “tomadura de pelo”- e un plan específico de 70 millóns de euros en materia de vivenda, con medidas a curto prazo e estruturais que permitan, entre outras cuestións, impulsar a vivenda de protección pública en aluguer e aumentar as axudas ao alugueiro.

Reunión BNG - EAPN Galiza
Reunión BNG - EAPN Galiza

Así o anunciou logo da analizar coa xunta directiva de EAPN Galiza, a Rede Galega contra a Pobreza, o último informe da organización sobre o estado da pobreza en Galiza que, segundo advertiu a líder nacionalista, reflicte que xa son máis de 600.000 persoas (un 25% da poboación) as que se atopan en risco de exclusión social no País.

“Máis que o conxunto das cidades de Vigo e A Coruña”, recalcou, para engadir a continuación que esta magnitude dá a medida da situación “dende o punto de vista da fraxilidade da sociedade na que estamos e nun momento no que temos unha crise de prezos que non afecta a todo o mundo por igual, senón que é sabido que á inflación denomínase o imposto á pobreza”. “Cando falamos de pobreza non falamos de estatísticas, senón de persoas de carne e óso”, incidiu para insistir na necesidade de,   neste contexto económico, facer fincapé en medidas contra a pobreza e a exclusión social.

Pontón advertiu tamén que “a pobreza en Galiza ten rostro de muller” -dado que o 54% das persoas que se atopan en risco de pobreza ou exclusión social son mulleres e que, ademais, “a pobreza medra nas mulleres mentres baixa nos homes”- e subliñou que 3 de cada 10 menores viven en fogares que non teñen garantidos uns ingresos mínimos, o que, segundo recalcou, “afecta ás súas vidas, pero tamén ás súas posibilidades de futuro”. Así mesmo, puxo o foco sobre o feito de que a vivenda é un dos vectores que máis incide no incremento da pobreza, cun 20% das persoas que están en situación de pobreza ou exclusión social que teñen que dedicar o 50% dos seus recursos á vivenda e cun aumento significativo do número de persoas “que non poden prender a calefacción”.

Así pois e neste contexto, a portavoz nacional do BNG defendeu as propostas do BNG fronte aos orzamentos 2023 “insolventes e insolidarios” do Goberno do PP que “mentres suprimen medias como a tarxeta básica, introducen medidas inxustas como un pelotazo fiscal a 7.700 millonarios aos que lles van agasallar 34 millóns de euros”. Pontón recriminou a “política fiscal inxusta” do Executivo de Rueda, que tamén supón un incremento da factura do lixo e do recibo da auga a máis de 300.000 familias.

“Supoño que soben a auga e o lixo ás familias para poder compensar ese pelotazo fiscal de 34 millóns de euros a eses 7.700 millonarios”, reprochou, para concluír a continuación lembrando que o Bloque vai solicitar a retirada de todas estas medidas que evidencian “a política fiscal regresiva” do PP.    
 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG