A portavoz nacional, Ana Pontón, participou no acto de presentación de Cristina Vázquez como candidata do BNG á Alcaldía de Laxe nas eleccións municipais de maio de 2027, convencida de que nesa cita coas urnas o concello vai abrir unha nova etapa da man do Bloque con Vázquez como alcaldesa.
“Estou convencida de que Cristina Vázquez vai ser a próxima alcaldesa para poñer en marcha un Laxe mellor, un Laxe en grande”, manifestou Pontón, quen destacou “a forza e o coñecemento” dunha candidata que ten tamén “equipo e proxecto” para que o concello avance.
Un gran equipo de persoas que comparten as ganas de mellorar Laxe, subliñou, e un proxecto para facelo posible partindo de toda a experiencia acumulada no BNG na xestión municipal, o que considerou “un aval para poder facer ben as cousas”.
“Os concellos BNG son concellos que avanzan, que progresan, que teñen un modelo de éxito que mellora a vida das persoas e xera dinamismo en todos os ámbitos”, alegou, para incidir no seu convencemento de que, por iso, Vázquez será a próxima alcaldesa, abrindo “unha nova etapa de transformación en positivo” en Laxe.
A líder nacionalista exemplificou o modelo transformador do Bloque en Carballo, un municipio que non deixa de progresar e ao que sinalou como un referente no económico, no social e no cultural. Ese é o modelo do BNG e o que queremos para Laxe, explicou en presenza do alcalde e o exalcalde carballeses, Daniel Pérez e Evencio Ferrero, respectivamente, que tamén acudiron ao acto.
Por iso, avanzou que o obxectivo do Bloque para as municipais non se limita a sumar un concelleiro ou dous máis, senón que pasa por “conseguir a Alcaldía” e que realmente haxa unha transformación en positivo do concello.
“Imos ir a por todas nas próximas eleccións municipais, desde a humildade, o traballo en equipo e man a man coa xente deste concello, pero tamén con ilusión e con ambición porque cremos que Laxe vai estar mellor con Cristina”, recalcou, logo de sinalar a Vázquez como a mellor candidata para conseguir este obxectivo.
A portavoz nacional valorou dunha candidata que “leva Laxe na cabeza e no corazón” que dera este paso adiante porque, como muller, aporta ademais valores que neste momento necesita a cidadanía da política como “esa man tendida, ese entender que hai que escoitar a todo o mundo, que hai que aportar e que hai que coidar Laxe e a súa xente”, exemplificou.
Tanto Pontón como Vázquez agradeceron o traballo de Xosé Manuel Pose, un “referente” para a primeira e un “mestre” para a segunda, que vai seguir colaborando activamente para lograr o cambio que precisa o concello en 2027.
A líder nacionalista explicou que o proxecto do BNG para Laxe “pon as persoas no centro”, apostando por máis e mellores servizos públicos, defendendo o dereito á saúde cunha sanidade pública sen recortes ou que as persoas maiores teñan os coidados que necesitan.
”Defender un Laxe en grande tamén é defender un maior dinamismo económico e social, un turismo de calidade que teña en conta a quen vive aquí todo o ano, é defender o sector pesqueiro e é defender o futuro”, afondou, para advertir a continuación que o futuro non pasa precisamente “polo espolio mineiro contaminante”, en referencia ao interese por reabrir a mina de Coens.
Neste sentido, e consciente da preocupación social, avanzou que o BNG vixiará de cerca esta ameaza ambiental porque ten claro que “os intereses dos veciños e das veciñas está por diante dos intereses dunha multinacional”.
“No BNG sabemos que estas eleccións van ser moi importantes porque en 2027 non só se decide a Alcaldía, decídese o futuro de Laxe, e Cristina é a alcaldesa que precisa este concello para avanzar e para mellorar”, concluíu.
Pola súa parte, Vázquez destacou o espírito loitador e traballador das veciñas e veciños de Laxe, aos que ofreceu a candidatura ganadora do BNG para construír un concello “mellor e con futuro”. Un municipio no que se garanten os coidados ás persoas maiores, que dispoña de espazos axeitados para as crianzas e no que se apoie a sectores clave como o pesqueiro, a hostalería ou o comercio, mais tamén a todas as empresas que hai nas distintas parroquias.
Precisamente a cohesión social é outra das prioridades fixadas por unha candidata que ten moi claro que “Laxe non é o porto solo”. Neste sentido, apuntou a necesidade de conectar as parroquias a un servizo tan básico como o alcantarillado e facilitar que os cativos e as cativas dispoñan de buses para poder acudir aos centros educativos cando pasan da ensinanza obrigatoria.
Vázquez tamén apostou por manter o concello limpo os 365 días do ano, e non só cando chega a afluencia turística, e por protexer o patrimonio cultural, arquitectónico e natural do concello, como a Lagoa de Traba.
A candidata mostrouse ilusionada ante o reto das eleccións municipais de 2027 e agradeceu o apoio recibido nunha “carreira que empeza agora” e que afronta desde o convencemento de que “Laxe pode ter un futuro moito máis grande do que ten”.
A portavoz nacional aproveitou a súa visita a Laxe para manter un encontro con representantes da Confraría, tendo en conta que a pesca e o marisqueo seguen sendo sectores moi importantes para a economía local.
Igualmente, desprazouse até Traba para manter unha xuntanza coa veciñanza sobre a situación de deterioro na que se atopa a lagoa, un asunto sobre o que xa traballou o BNG con distintas iniciativas no Parlamento galego, reclamando á Xunta unha intervención inmediata.