municipais 2023

Pontón presenta a Castaño como o alcalde capaz de darlle a Catoira o impulso que precisa e abrir un tempo novo de futuro

Acto Catoira
Acto Catoira

O mellor aval da capacidade do BNG para gobernar son os modelos de éxito de Félix Juncal en Bueu e de Leticia Santos en Moaña, explicou

Augura para o Bloque un resultado histórico nas próximas eleccións municipais do 28M, convencida de que será a forza política que máis suba

A portavoz nacional, Ana Pontón, participou na presentación do candidato do BNG á Alcaldía de Catoira, Xoán Castaño,  á que definiu como o alcalde capaz de darlle a este concello o impulso que precisa para abrir un tempo novo de futuro.

“Catoira é un concello que leva décadas perdendo poboación, perdendo empresas, perdendo servizos públicos, perdendo oportunidades. É hora de que Catoira deixe de perder para empezar a ganar,  ganar un futuro mellor”, recalcou a líder do Bloque, e para iso nada mellor que confiar no proxecto municipal e na capacidade do candidato do BNG, un candidato con experiencia, con solvencia e cun gran coñecemento do que o concello precisa para avanzar, explicou.

“Para que Catoira empece a ganar un futuro mellor a alternativa é o proxecto municipal do BNG da man do noso candidato e próximo alcalde, Xoán Castaño, a persoa capaz de darlle a Catoira o impulso e o cambio de rumbo que precisa para abrir un tempo novo de ilusión, de esperanza e de transformación en positivo, un tempo novo para mirar ao futuro con optimismo”, explicou a líder nacionalista.

Na súa intervención, Pontón deixou claro que “Catoira merece máis, merece avanzar e progresar, merece dinamismo no económico, no social e no cultural”, e destacou que o BNG é unha garantía para conseguilo. “No BNG sabemos como facelo, porque temos un modelo municipal de éxito, que funciona e o demostramos todos os días nas vilas e cidades nas que gobernamos”, argumentou.

Neste sentido, puxo como exemplo os concellos gobernados polo Bloque, convertidos en referentes de calidade vida, de xestión e de dinamismo.

“Digo con humildade pero tamén co máximo orgullo: os gobernos municipais do BNG son gobernos de calidade, son gobernos solventes, que saben xestionar con eficacia cada euro,  son gobernos con capacidade de transformar en positivo e de mellorar a vida das persoas, e todo iso é o que queremos facer tamén aquí en Catoira da man de Xosé Castaño”, destacou a portavoz nacional na súa intervención.

E non hai mellor aval para presentarse ante a veciñanza o 28M, indicou, que os exemplos dos gobernos municipais de éxito do BNG.

Os do BNG son gobernos municipais que defenden os servizos públicos, afondou, “e aquí sabedes ben as consecuencias dos recortes en sanidade, sobre todo as nais e os país que pelexades por ter un bo servizo de pediatría”; son gobernos que se preocupan polo tecido económico local; gobernos que apostan por un urbanismo sustentable, polo coidado do medio ambiente, por poñer ás persoas no centro, enumerou.

“Ese modelo municipal é o que queremos desenvolver tamén aquí en Catoira con Xóan Castaño a partir do 28M”, proclamou, desde o convencemento de que o Bloque  vai ter un resultado histórico neste concello. “Estou segura que hoxe, son maioría, os veciños e as veciñas que queren abrir un tempo novo, de futuro, de ilusión e de esperanza, man a man co BNG, para construír un Catoira mellor, e sei que tanto ti,  Xoán, como todo o equipo do BNG ides saír a por todas, coa máxima ambición e sen poñervos límites para conseguir un Catoira mellor”, concluíu.

Contexto de crise

A líder nacionalista tamén fixo referencia ao contexto de crise no que se celebra a campaña electoral, cun Goberno do PP “insensible aos problemas da xente, instalado na rutina, incapaz de tomar nin unha soa medida relevante para sacar Galiza adiante”.  Por iso,  o BNG vai seguir presentando alternativas viábeis para unha saída galega e xusta da crise.

Empezando pola defensa da sanidade pública tras catorce anos de recortes, aportando un modelo de atención primaria alternativo, que inclúa máis financiamento, persoal suficiente e novos servizos sanitarios nos centros de saúde.

Tamén fronte ao espolio eólico que promove o PP para que as eléctricas se sigan forrando, o BNG defende a tarifa eléctrica galega para abaratar a factura da luz ás familias e ás empresas, “que para algo estamos nun país rico en electricidade”. “Temos alternativas para este País,  así que moito ánimo, moito traballo, moita humildade, pero tamén moito orgullo e a por todas, porque é desde os concellos que empezamos a construír esa Galiza é grande que queremos e que nos merecemos”, concluíu.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG