O “estilo Rueda” de manipulación e control ideolóxico centrará a pregunta que a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, formulará ao presidente da Xunta na sesión de control do próximo Pleno, no que se aprobará, en terceira votación, a designación da nova directora xeral da CRTVG. Un nomeamento que se vai producir só cos votos do PP e que Pontón aproveitará no cara a cara con Rueda para pedirlle explicacións pola elección, para estar á fronte da corporación, da “persoa responsábel da manipulación e do control informativo dos medios públicos de Galiza”.
Tal e como avanzou a viceportavoz do BNG no Parlamento, Olalla Rodil, tras a reunión da Xunta de Portavoces, a líder nacionalista pedirá así mesmo explicacións ao presidente da Xunta polo “control ideolóxico” e o “pensamento único” que pretende impoñer nas aulas galegas a través das novas instrucións de Educación para “exercer a censura” sobre as actividades que se organizan nos centros de ensino.
Unhas instrucións, subliñou Rodil, que están asinadas polo subdirector de Inspección Educativa, “unha persoa intolerante e absolutamente retrógrada que pide a ilegalización do BNG e ataca o autogoberno de Galiza, do que cobra un salario”. “Para cobrar a nómina non ten remilgos”, asegurou, pedindo, máis unha vez, o cese ou a dimisión deste alto cargo da Consellería de Educación.
“Este é o estilo Rueda, o estilo PP”, denunciou a deputada, que enmarcou tamén “na súa forma de entender a democracia” a negativa dos populares á intervención dos grupos no Pleno para fixar posición na elección da directora xeral da CRTVG, tal e como solicitou o Bloque.
A viceportavoz nacionalista condenou, por outra banda, que o PP impuxese de novo o veto á comparecencia de Rueda, demandada polo BNG, para dar conta da actuación da Xunta diante do “agravamento” da violencia machista en Galiza e polo ‘caso Villares’, “por que calou e ocultou durante 4 meses que o ex conselleiro do Mar estaba denunciado por presunta agresión sexual”. “O BNG non vai permitir que se instala o silencio diante desta situación, nin sobre o caso Villares nin sobre a crecente violencia sobre as mulleres”, advertiu Olalla Rodil.
É por iso que, malia o veto do PP, o Bloque levará esta cuestión ao Pleno a través dunha interpelación na que incidirá na inacción da Xunta diante da situación de emerxencia por violencia machista no País, con tres feminicidios en dous meses, dous deles en quince días nos que se rexistraron ademais varios intentos de asasinatos machistas. Unha situación diante da que “o PP non fai absolutamente nada, máis que criticar ao BNG e tapar a denuncia por agresión sexual a un conselleiro”.
O BNG vai defender tamén no Pleno unha proposición de lei de modificación da norma galega de deporte para introducir medidas de promoción da igualdade entre mulleres e homes e medidas de prevención da discriminación tanto das mulleres como do colectivo LGTB. Entre outras cuestións, o proxecto de lei inclúe a creación da Comisión Galega de Igualdade no Deporte como órgano colexiado, de carácter asesor e participativo; así como medidas preventivas contra actos machistas e LGBTfóbicos no ámbito deportivo e accións de promoción e conciliación do deporte feminino en Galiza.
“Ou nos gobernan uns irresponsables ou uns incompetentes”
No apartado de preguntas e pola vía de urxencia, o BNG levará ao Pleno a preocupación polos vertidos radioactivos na Fosa Atlántica, “despois de ver con absoluto abraio que o PP, que leva dezaseis anos na Xunta, parece que se decatou onte de que hai 220.000 bidóns de residuos radioactivos a ce millas das costas galegas”, aseverou Rodil.
“Ou nos gobernan uns irresponsables ou uns incompetentes”, engadiu, para recordar que é responsabilidade do Goberno da Xunta esixir medidas de control e de descontaminación da costa galega ao Executivo do Estado e á Unión Europea. “O da conselleira de Medio Ambiente xa é de xulgado de garda, porque ou nos toma por parvos ou esta señora non abriu un periódico nos últimos anos”, manifestou a viceportavoz nacionalista.
Outra das preguntas que o BNG formulará no Pleno versará sobre a garantía dos dereitos lingüísticos dos galegos e das galegas na xustiza, tendo en conta, ao fío das demandas da Irmandade Xurídica, que “é necesaria unha ferramenta que permita normalizar a lingua nun ámbito no que o seu uso é residual”.