Pontón preguntará a Rueda pola ausencia de políticas en favor do galego

Olalla Rodil
Olalla Rodil

Olalla Rodil acusa o PP de “non facer nada” polo idioma malia os máis que preocupantes datos do informe publicado polo IGE xa en outubro do 2024

Critica o anuncio de reactivar as minas de San Finx, Corcoesto e Santa Comba cando aínda non se aprobou o plan de actividades extractivas 

A ausencia de políticas en favor do galego e a situación na que se encontra a Atención Primaria en Galiza, cada vez máis deteriorada, centrarán a axenda do BNG para o vindeiro Pleno, no que, máis unha vez, o PP vetou a comparecencia do conselleiro de Sanidade.

Xusto despois da celebración do Día das Letras Galegas, a portavoz nacional do Bloque, Ana Pontón, preguntará ao presidente da Xunta, Alfonso Rueda, “cando vai o Goberno galego empezar a deseñar e implementar unha política a favor do galego” tras 17 anos de acoso e derribo que teñen derivado na situación de emerxencia lingüística reflectida no último informe do IGE sobre uso e coñecemento do idioma propio.

“Desde outubro de 2024 que se fixo público o informe do IGE sobre a situación da lingua galega, o Goberno do PP non fixo nada. Non adoptou nin unha soa medida para reverter esta situación e para garantir os dereitos lingüísticos”, asegurou a viceportavoz do BNG no Parlamento, Olalla Rodil, tras a Xunta de Portavoces na que se fixou a orde do día do Pleno da próxima semana. 

Rodil, que aproveitou a rolda de prensa para facer unha chamada ás galegas e os galegos a participar na mobilización convocada pola Plataforma Queremos Galego este domingo, recordou que o estudo do IGE sitúa en “mínimos históricos” o uso habitual da lingua galega. 

“Por primeira vez, menos da metade da poboación usa de maneira habitual o galego”, lembrou, para destacar a situación crítica na que se atopa o uso do idioma propio sobre todo entre a mocidade, pois, segundo as cifras do IGE,  a maioría da xeración educada no “decreto da vergoña” (o 52 %), non o fala. Entre os 5 e os 14 anos, fálao só o 7%, a metade que en 2018.

Segredismo sobre as conclusións dos expertos

Malia estes datos e pese a comprometerse a facelo nun prazo de quince meses, Rodil criticou que o Goberno de Rueda, pasados xa case dous anos,  non presentase aínda a súa proposta para un pacto pola lingua. “Non se sabe absolutamente nada dese suposto pacto”, denunciou a deputada que, no mesmo sentido, criticou a falta de información sobre as propostas das comisións de expertos, concluídas hai meses, para actualizar o Plan de Normalización Lingüística. “A ver se é que entre as recomendacións está a de derrogar o decreto da vergoña”, apuntou.

“Calquera se pregunta que pasa, se é que igual ao PP non lle gustan as conclusións deses comités de expertos porque non quere eliminar, entre outras cousas, as barreiras que o propio PP puxo e impuxo para poder aprender nas escolas a lingua propia deste País”, engadiu.  

Co obxectivo de levar ao Pleno os problemas que realmente preocupan á xente, o Bloque volveu pedir a comparecencia do conselleiro de Sanidade para explicar as mudanzas que pretende introducir en Atención Primaria “sen diálogo e sen negociación” cos profesionais, destacou Rodil en alusión á decisión de abrir os PAC os sábados pola mañá, á nova unidade de xestión administrativa “da que ninguén sabe nada” porque Rueda “sacouna da chisteira”, ou á posta en marcha de novos aplicativos sen formación ningunha para o persoal administrativo.

Como o PP vetou as explicacións de Gómez Caamaño en forma de comparecencia, o BNG formulará unha interpelación ao conselleiro sobre estas cuestións e sobre os resultados do demoledor informe do Consello de Contas sobre a situación na que se atopa a Atención Primaria no País, un informe que -precisou- “pon negro sobre branco sobre as consecuencias que teñen as políticas sanitrias do PP no dereito á saúde dos galegos e as galegas”.

O BNG formulará así mesmo unha interpelación á conselleira de Industria diante do anuncio que fixo no pasado Pleno sobre a reactivación das minas de San Finx, Corcoesto e Santa Comba. Tres proxectos mineiros que, segundo destacou a viceportavoz nacionalista, foron rexeitados socialmente polos seus graves prexuízos ambientais. 

“O PP quere reactivar a explotación destas minas sen nin sequera aprobar o plan sectorial de actividades extractivas de Galiza que é, desde a aprobación da Lei de Minaría en 2008, o máximo instrumento de planificación da política mineira co obxecto de establecer os principios e as directrices para a ordenación mineira de Galiza baseada en criterios de estabilidade e sustentabilidade”, salientou Rodil. 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG