A portavoz nacional, Ana Pontón, participou no acto público de presentación de Miguel Anxo Fernández Lores como candidato do BNG á Alcaldía de Pontevedra, no que destacou a figura do rexedor como o líder dun proxecto colectivo que transformou a cidade poñendo as persoas no centro.
“Pontevedra precisa outros catro anos máis de Lores para seguir avanzando e demostrando que non ten teito”, afirmou, logo de lembrar que a cidade é admirada no mundo enteiro porque se converteu “nunha cidade mellor para vivir, máis humana, máis segura, máis verde e máis orgullosa de si mesma”.
Pontón explicou que “Pontevedra vai ben” porque ten un desenvolvemento e un funcionamento harmónico, equilibrado e con alta calidade de vida grazas a un goberno do BNG que, man a man coa cidadanía, tivo a previsión e a sabedoría de adiantarse ao futuro, “de avanzar na dirección pola que se debía avanzar”, recalcou.
Neste sentido, salientou que o goberno liderado por Lores centrou as súas enerxías en facer progresar a cidade, sen perder o tempo nin en leas inútiles, nin en localismos rancios e estériles, nin en enfrontamentos coas demais administracións.
O resultado, alegou, está á vista nunha urbe convertida en referencia internacional de mobilidade, urbanismo e calidade de vida, que foi recoñecida e premiada mundialmente e que esperta admiración.
“Pontevedra é o paradigma do modelo municipal de calidade e de éxito do BNG, capaz de transformar en positivo e de mellorar a vida das persoas, cunha xestión impecable e eficiente dos recursos públicos”, sintetizou.
A líder nacionalista puxo en valor os avances na mobilidade urbana, na humanización do espazo público, na loita contra a contaminación, na recuperación de espazos naturais, na dotación de servizos ao rural ou na promoción turística.
Xunto a un urbanismo avanzado e racional, tamén destacou a xeración de emprego, o desenvolvemento dunha economía equilibrada ou a promoción do comercio local e de proximidade, todo cun funcionamento harmónico tanto da cidade como do concello.
“O goberno de Lores mostrou sempre estratexia de cidade, planificación e visión de futuro”, remarcou Pontón, quen exemplificou esta visión estratéxica na promoción turística dun executivo local que optou por un turismo de calidade, cun resultado absolutamente positivo para a cidade en termos económicos e sociais, minimizando ademais os problemas para veciños e residentes.
Avances todos eles que atribuíu ao talento e talante do rexedor e o seu equipo e ao modelo municipal de éxito do BNG, mais tamén a unha cidadanía que apostou polo proxecto de futuro liderado por Lores, cunha confianza constante que -valorou- mostra unha sabedoría e un amor por Pontevedra digno de todo recoñecemento.
“Esa confianza deu froitos impensables hai anos e seguirá dando moitos máis”, afirmou desde o convencemento de que a cidadanía volverá confiar en Lores e no proxecto do Bloque para que Pontevedra “siga avanzando e sendo unha cidade admirada en todo o mundo”.
A portavoz nacional subliñou que a este exitoso camiño aínda lle queda moito percorrido e está moi lonxe de chegar ao seu fin porque, incidiu, a cidade “non ten teito”. “Hai quen fala de que está en marcha a segunda transformación de Pontevedra; non sei se é a segunda, a terceira ou a cuarta, pero do que si estou segura é de que está en marcha unha nova transformación profunda, tanto urbana como rural”, manifestou.
Unha nova transformación baseada no desenvolvemento de novos proxectos de futuro, tan potentes, ilusionantes e transformadores que, augurou, van seguir mantendo a cidade como un referente dentro e fóra de Galiza. “Por iso estou segura que a cidadanía de Pontevedra vai dar unha vez máis exemplo da súa sabedoría renovando, con máis forza, a súa confianza no proxecto do BNG liderado por Lores”, concluíu.