A portavoz nacional, Ana Pontón, pediulle ao presidente da Xunta, Alfonso Rueda, que non se esconda e compareza no Parlamento galego para explicar a actuación do seu goberno durante o apagamento eléctrico e non substituír este por outro apagamento de carácter informativo.
“Despois do gran apagamento eléctrico, temos o gran apagamento informativo e democrático do señor Rueda”, reprochou en rolda de prensa Pontón, quen criticou a negativa do titular do Executivo a comparecer na Cámara como solicitou o BNG e como están facendo, a iniciativa propia, outros presidentes autonómicos.
A líder nacionalista incidiu en que o presidente da Xunta debe informar no Parlamento e ao conxunto da cidadanía sobre as decisións que tomou durante a crise eléctrica do pasado 28 de abril e explicar “por que deu a espantada renunciando a liderar Galiza” nun momento tan crítico. “Ante unha situación de emerxencia, o presidente da Xunta pode dar a espantada por resposta?”, reflexionou para cuestionar que Rueda renunciase ás súas competencias e preferise que o Goberno central tomase o control.
“Parécenos que esta non foi unha decisión tomada en clave de país, senón en clave partidista”, afirmou, para subliñar a continuación que, ademais de negarse a liderar Galiza nunha “crise sen precedentes”, o Goberno do PP provocou tamén unha “situación de caos” nos centros educativos con “ordes contraditorias” e utilizou o Centro 112 como escenario de distintas roldas de prensa, incluída a desta fin de semana con Alberto Núñez Feijóo, sen saberse “en calidade de que” estaba nun organismo público destas características, denunciou.
Ademais de explicar estas decisións, Pontón considerou preciso que Rueda dea conta de como funcionaron os mecanismos e os sistemas de emerxencia en Galiza, así como os servizos básicos, máis tendo en conta que se rexistraron tres falecementos relacionados co apagamento. Neste sentido, apuntou a necesidade de avaliar a resposta facilitada, particularmente ás persoas que por enfermidade precisan de sistemas de asistencia que son fundamentais nunha crise destas características.
De igual xeito, o titular do Executivo debería informar sobre se, non ámbito das súas competencias en materia de consumo, abriu ou non algún expediente informativo tanto a ás empresas do sector como a Red Eléctrica, indicou a portavoz do BNG, quen tamén pediu a Rueda que explique á cidadanía galega como é posible que, pese a ser un país produtor de electricidade, Galiza fora dos últimos territorios en reucperar o 100% do subministro eléctrico.
Nesta liña, Pontón considerou preciso abrir o debate sobre as “profundas reformas” que precisa o sistema eléctrico estatal e o papel que Galiza ocupa nel como potencia eléctrica, exportando nos últimos cinco anos unha media do 35,74% de toda a enerxía que xera, cubrindo ademais a totalidade da súa demanda con renovable, e mantendo unha especial relevancia na hidráulica, ámbito que representa máis do 30% da xeración neta de electricidade e que xogou un papel fundamental á hora de repoñer o servizo no conxunto do Estado.
Pese a isto, Galiza foi dos últimos territorios en recuperar o 100% do subministro eléctrico, máis mesmo que Madrid, que recibe o 95% da enerxía de fóra da súa comunidade, polo que pediu explicacións sobre que criterios se empregaron á hora de repoñer o servizo.
“Mentres as centrais hidroeléctricas galegas tiveron un papel clave na recuperación do subministro, zonas próximas a estas centrais foron das últimas en recuperalo”, recalcou, logo de avogar polo establecemento de mecanismos que permitan illar o sistema por zonas para evitar un colapso total como o acontecido a semana pasada.
A líder nacionalista tamén defendeu a consideración do sistema enerxético como un “ben esencial” que ten que ter “carácter e control público” para que o sistema non estea supeditado aos intereses do lobby eléctrico. “Parece máis necesario que nunca á hora de responder diante dun problema tal e como vimos a semana pasada que as ferramentas que controlan o mercado eléctrico non poidan ser obxecto da cobiza das grandes empresas multinacionais”, subliñou.
Neste contexto, defendeu a necesidade de avanzar na participación pública no sistema eléctrico e recordou as propostas do BNG neste sentido, a comezar pola creación dunha empresa pública galega de enerxía con competencias directas na rede de distribución que antepoña os intereses da cidadanía por diante dos intereses económicos do oligopolio eléctrico.
En segundo lugar, propuxo a creación dun gran centro de investigación en materia de almacenamento enerxético e de redes eléctricas que deseñe un novo modelo de rede que dea resposta a unha alta penetración das enerxías renovables, ofrecendo a seguridade que precisa o sistema e, en consecuencia, as e os consumidores.
Pontón apostou tamén por que Galiza teña participación nos organismos estatais reguladores e de control de enerxía como Red Eléctrica e, en cuarto lugar, por incentivar sistemas e redes distribuídas de proximidade, potenciando as comunidades enerxéticas locais, fronte as grandes redes centralizadas.
Por último, defendeu a creación dunha tarifa eléctrica propia que compense o papel de Galiza como gran produtora e exportadora de enerxía e tamén polos custos ambientais, sociais e económicos que soporta na súa calidade de potencia enerxética. “Chegou o momento de que se nos compense e que realmente teñamos unha tarifa que nos permita abaratar a factura da luz, tamén para que as nosas empresas sexan máis competitivas, e para rematar con ese dato da vergoña que é ese 21,6% de fogares galegos que están en pobreza enerxética”, afondou.
Neste contexto, Pontón apelou a abrir o debate sobre todas estas cuestións que o BNG pon sobre a mesa e que suporían unha mellora evidente para o conxunto da cidadanía galega e emprazou ao Goberno do PP a non facer de “tapón” para que estas propostas avancen. “Cremos que vai ser clave redefinir tanto o control público da enerxía como o papel de Galiza no contexto do Estado, onde temos dereito a que, sendo produtores, iso teña retorno e beneficio para a xente deste País”, concluíu.