A portavoz nacional do Bloque Nacionalista Galego, Ana Pontón, visitou hoxe o concello de Vilar de Barrio, un dos máis afectados pola vaga de incendios, onde trasladou o seu recoñecemento á veciñanza e equipos municipais que axudaron a loitar contra o lume cos seus propios medios. Pontón subliñou que “a valentía e unión da xente foi clave para evitar unha traxedia maior” e asegurou que “esta crise debe marcar un punto de inflexión nas políticas forestais e de prevención”.
Pontón cualificou de “irresponsable e contraditorio” que a Xunta prescindise da colaboración dos bombeiros de Lugo e A Coruña no medio da maior vaga de lumes, denunciando que o Goberno de Rueda “está sobrepasado, improvisa e toma decisións incoherentes, deixando brigadas incompletas e motobombas paradas por falta de persoal”. “É inadmisible que se retiren medios cando milleiros de hectáreas seguen ardendo”, engadiu.
A líder do BNG defendeu a posta en marcha dun Plan Urxente de Restauración Hidrolóxico-Forestal e de control da erosión con medidas para recuperar e rexenerar ás árbores afectada polos lumes. “É fundamental, a curto prazo, afrontar a introdución de especies caducifolias nobres –como carballos, castiñeiros, ameneiros, pradairos, freixos, cerdeiras ou nogueiras–, romper as masas uniformes de especies pirófitas, por medio de devasas”.
Lembra que ademias, forma paralela, “deberase poñer en marcha un Plan de loita contra a erosión e a contaminación dos ríos e arroios” mediante a prescrición e execución técnica das actuacións nas zonas máis sensibles debido ás fortes pendentes e afectación da cuberta en caso de chuvias torrenciais.
Pontón insistiu en que “os lumes apáganse con políticas preventivas, cun monte multifuncional e cunha estratexia para revitalizar o rural, non con máis improvisación e abandono”. Para o BNG, esta traxedia debe servir para cambiar de rumbo e apostar por un novo modelo forestal e rural que evite repetir, ano tras ano, “a destrución que representan os incendios”.