A portavoz nacional, Ana Pontón, pediu dende Verín a dimisión de Alfonso Rueda pola súa incompetencia na xestión da vaga de lumes deste pasado mes de agosto, o seu desleixo na aplicación de medidas preventivas e os recortes do seu Executivo no servizo de prevención.
“Rueda ten que presentar a súa dimisión porque quen é parte do problema non pode ser parte da solución”, reclamou nunha comparecencia logo de visitar algunhas das zonas máis afectadas nos concellos de Oímbra, Monterrei e Verín e na que recalcou que o presidente da Xunta “chegou tarde na prevención, chegou tarde na posta en marcha dun dispositivo que permitira facerlle fronte aos lumes, que se sabía que podían chegar en calquera momento, e tamén na propia vaga de lumes” porque, recordou, “cando xa estaba ardendo unha parte do País, estaba na praza de touros de Pontevedra con Feijóo e Rajoy”.
Pontón considerou que o titular do Executivo “chega tarde tamén na resposta a esta crise”, onde “é evidente que ten responsabilidades directas que ten que asumir”. “Non estivo á altura nin antes dos incendios, nin durante, nin despois”, sintetizou para incidir en que o titular do Executivo debe presentar a súa dimisión porque o problema “non se vai solucionar con propaganda e coas mesmas promesas de sempre”.
“Aquí xa ardeu hai moi poucos anos, fixéronse moitas promesas e vemos como non se cumpriu absolutamente nada, polo que o que exiximos son responsabilidades políticas e un cambio de rumbo en todo o que ten que ver co modelo forestal impulsado polo Partido Popular”, engadiu.
A líder nacionalista advertiu que o PP non vai ser capaz de tapar a magnitude desta catástrofe “nin con manipulación informativa, nin con propaganda, nin con mentiras” porque o grave, sinalou, é ver de novo “a mentira como unha forma de xestionar unha catástrofe”. “O PP mentiunos no Prestige, mentiunos no accidente de Angrois, mentiunos cando foi á guerra de Irak e agora vemos como de novo mente en relación cos incendios”, resumiu.
Pontón afirmou que Rueda “ten que mentir porque é a única forma de intentar eludir a súa responsabilidade” xa que se Galiza se atopa nesta situación é “pola irresponsabilidade dun PP que “leva 16 anos desmantelando políticas de loita contra os incendios e de protección do territorio”, que “deteriorou o servizo” e que “non fixo o que tiña que facer en materia de prevención”.
Neste sentido, denunciou dúas cuestións que deixan clara esta responsabilidade directa dos populares. En primeiro lugar, recordou que o PP desmantelou durante estes anos unha parte importante das medidas de loita contra os lumes e de protección da xente do rural, como a redución en 2012 das franxas de protección dos núcleos de poboación a 30 metros, unha decisión que logo rectificou aínda que sen poñer medios para levala a cabo.
A isto sumou o “desleixo e incompetencia” no ámbito da prevención, deixando sen executar neste mesmo 2025 até 11 millóns de euros en medidas destinadas á prevención das comunidades de montes, a actuacións propias da Xunta ou mesmo ás rozaduras que hai que facer nos núcleos de alto risco para protexer as vivendas.
Uns fondos de prevención, afondou, que ademais son insuficientes xa que na última convocatoria resolta pola Administración galega, a de 2023, o PP deixou case o 80% das solicitudes sen atender por falta de recursos. “Estamos falando de que máis de 400 comunidades de montes pediran axudas e non as tiveron para desbroces ou que un número moi importante de solicitudes para puntos de auga que son claves na extinción quedaron sen recursos”, detallou.
Polo tanto, resumiu, as medidas preventivas non só son insuficientes e chegan “tarde, mal e arrastro”, senón que ademais, o Executivo de Rueda non é quen de executar os fondos que ten nos seus propios orzamentos.
En segundo lugar, Pontón tamén denunciou que os populares deterioraron o servizo de protección contra incendios e reduciron os seus efectivos, de tal xeito que os medios dos que dispón hoxe son menores que os que tiña en 2008. “Se comparamos os medios de 2008 cos que hai na actualidade, o que vemos é que temos un 30% menos de recursos para traballar en terra e un 23% menos de medios aéreos”, criticou.
Ademais, considerou moi grave que o Goberno de Rueda desatendera as recomendacións do grupo de expertos que en 2019 analizou o funcionamento do servizo de extinción, entre as que se atopa a de que Ourense, dada a alta incidencia dos lumes sobre o seu territorio, debía concentrar o 43% do dispositivo total, cando actualmente só ten o 32%, é dicir, un 11% menos do aconsellado polos expertos, evidenciando a “incompetencia e o desleixo” do Executivo.
“Desa incompetencia e desa desidia veñen as consecuencias tan graves e tan dramáticas que estamos vendo durante estes días”, sintetizou para volver pedir responsabilidades políticas ao presidente da Xunta. “Con máis medios, con máis recursos, poderíanse apagar estes incendios no inicio e evitaríamos a gravísima situación, cos lumes máis grandes da nosa historia; polo tanto, esta é unha responsabilidade que ten o señor Rueda”, remarcou.
Medidas concretas do plan integral proposto polo BNG
Neste contexto, a líder nacionalista defendeu o plan integral ‘Da Cinza á Vida’ presentado o luns en Ourense polo goberno alternativo do BNG para evitar novas vagas de lumes e darlle futuro ao rural con máis de medio cento de medidas concretas.
A portavoz nacional afondou sobre algunhas das propostas, como a de duplicar os fondos de prevención en dous anos ou crear un plan de emprego verde dotado con 50 millóns de euros para a contratación de traballadores e empresas locais para labores de reforestación, limpeza e xestión forestal e proxectos de ordenación e xestión do territorio.
Así mesmo, apostou por establecer que as franxas de protección a casas e núcleos de poboación sexan con carácter xeral dun mínimo de 100 metros, para o que propuxo a creación dun fondo extraordinario por parte da Xunta que permita executar esta medida.
De igual xeito, defendeu a necesidade de aprobar antes de que remate 2026 os plans de ordenación forestal dos distritos, co obxectivo de impulsar un novo modelo do monte, cunha estrutura en mosaico na que se alternen especies de distinta combustibilidade, devasas e pasteiros, co obxectivo de promover a biodiversidade e tamén como medida de seguridade, servindo de freo á propagación do lume e facilitando a súa extinción.
Por último, tamén destacou a necesidade de incrementar os medios dos dispositivos contra o lume, incluíndo a creación de 70 brigadas de intervención rápida e de vixilancia. Nesta liña, recordou que segundo as denuncias sindicais, o que o Goberno do PP contempla sobre o papel, “logo non son efectivos reais”, xa que segundo esas denuncias sindicais había entre 200 e 300 persoas que non estaban contratadas nun momento no que Galiza estaba sendo devastada por incendios de alto risco.
“Polo tanto, é evidente que hai responsabilidades políticas pola xestión desta vaga de lumes e responsabilidades por todo o que non fixo o Goberno, por toda a incompetencia e por toda a desidia que vén demostrando a respecto da loita contra os incendios forestais e a respecto da dinamización do medio rural”, concluíu.