Pontón: “Lourenzo é a persoa acaida para liderar Soutomaior desde a Alcaldía, cun proxecto para darlle futuro ao concello”

Presentación Soutomaior 3
Presentación Soutomaior 3

Acto de presentación do cabeza de lista do BNG nas eleccións municipais de 2023. “Estou convencida de que será o próximo alcalde”, vaticina

Destaca que Lourenzo foi a voz de Soutomaior no Parlamento, onde trasladou e defendeu todos os asuntos clave para a veciñanza

A portavoz nacional, Ana Pontón, participou no acto de presentación de Manuel Lourenzo como candidato do BNG a presidir a Alcaldía de Soutomaior, encabezando a candidatura que a formación presentará nas eleccións locais de maio de 2023. A líder do Bloque non escatimou eloxios co candidato, “a persoa acaida para liderar Soutomaior e darlle futuro ao concello”.

“Confianza, esa é a palabra, confío plenamente en Manu Lourenzo e sei que é a persoa máis acaida para dirixir o futuro de Soutomaior, sen a máis mínima dúbida. Hai dous anos dixen que tomaba prestado a Manu Lourenzo porque ía ser un puntal do grupo parlamentar e cumpro a miña palabra”, salientou Pontón.

Presentación Soutomaior 2
Presentación Soutomaior 2

Tras destacar o gran traballo realizado polo tamén deputado na Cámara galega, Pontón confesou que era consciente de que o ser futuro pasa por Soutomaior. “Sabía que o corazón de Manu estaba en Soutomaior e durante todo este tempo no grupo tiñamos a certeza de que, entre nós, estaba o próximo alcalde dun concello que quere un futuro mellor, un goberno municipal forte que teña no centro ás persoas, unha cabeza que trace o proxecto transformador que Soutomaior necesita”.

Na súa intervención, Pontón fixo unha glosa do traballo de Lourenzo a favor de Soutomaior ao longo desde a súa mocidade como activista cultural, social e político, “con ideas e entusiasmo” para mellorar o seu concello desde moi novo. “Como sabedes é tamén un gran cociñeiro e, cos ingredientes que ten Soutomaior, cos recursos deste concello, saberá preparar o mellor dos futuros, coa cabeza e co corazón”.

O compromiso de Lourenzo con este concello, indicou Pontón, “deixouse notar estes dous anos de lexislatura no Parlamento, sentiuse con forza para defender servizos públicos de calidade como a sanidade ou a educación, reclamando a ampliación do instituto, demanda que se ten convertido nun dos seus principais obxectivo”, citou a líder do Bloque a modo de exemplo.

A súa defensa de Soutomaior no Parlamento é tal que xa tivo que escoitar como o cualificaban de "deputado de distrito" polas moitas iniciativas que levaba de Soutomaior, sen darlle conta de que con esa denominación estaban recoñecemento o inxente traballo parlamentario de Manu na Cámara a favor da veciñanza, comprometido coa súa xente, empeñado en solucionar problemas e en mellorar a vida das persoas”.

Presentación Soutomaior 1
Presentación Soutomaior 1

“Fala de Soutomaior, dos seus proxectos e ilusións, do saneamento do río, das posibilidades do banco marisqueiro, da falta de atención sanitaria á veciñanza, das condicións do alumnado no instituto coma se fosen problemas persoais, porque as vive como propias”, indicou Pontón.

A esa preocupación súmase o coñecemento que ten do municipio, e ten para esta vila proxectos transformadores de concellos moi próximos, como Pontevedra ou Tomiño, e o seu obxectivo é que Soutomaior se incorpore a ese grupo que responde ao modelo BNG: concellos modernos, humanizados, vertebrados, nos que, non teño dúbida, as persoas son máis felices. Porque, repite, Soutomaior non pode ficar atrás”, argumentou na súa intervención.

Nese obxectivo, Manu Lourenzo “non está só porque é persoa de proxectos colectivos, de formar equipo”, como garantía dun proxecto sólido, ambicioso, sen límites, indicou unha Ana Pontón convencida de que o candidato do BNG será o próximo alcalde de Soutomaior.

“Sei que desta vai e os datos así o confirman, os extraordinarios resultados que o BNG obtivo nas pasadas eleccións só poden ser o anticipo do liderado de Manu Lourenzo na Alcaldía. Nós confiamos no futuro de Soutomaior e non temos dúbida de que vós estades a confiar no BNG para facer realidade os soños, para construír un concello novo no que vivir mellor”, concluíu.

O candidato estivo arroupado tamén por alcaldes e alcaldesas da provincia de Pontevedra e por moitos dos seus compañeiros e compañeiras do grupo parlamentario, ademais de por militancia, simpatizantes e veciñanza.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG