Pontón a Feixóo: “ Vai dimitir e abrir unha crise de goberno en Galiza para tentar pechar a crise do PP?”

Ana Pontón
Ana Pontón

Pídelle honestidade e que lle aclare ós galegos e galegas se está primeiro Galiza ou Génova. Este País non pode ter un presidente ausente, alega

O BNG condena o bombardeo de Ucraína, proclama o Non a guerra e pide retomar de inmediato a vía diplomática da man da ONU e da OSCE

A portavoz nacional, Ana Pontón, pide a Feixóo que aclare de inmediato se vai dimitir como presidente da Xunta e abrir unha crise de goberno en Galiza para centrarse en tentar frear a crise interna do PP, “ou Galiza ou Génova 13”, insistiu, e por honestidade cos galegos e coas galegas debe de trasladar a súa decisión sen dilación.

“Feixóo ten que aclararlle canto antes ós galegos e ás galegas se vai dimitir e abrir unha crise de goberno en Galiza para tentar solucionar a crise interna do PP, por honestidade política e respecto coa cidadanía e porque Galiza non pode esperar até abril a que desvele se vai optar por Génova para seguir o camiño das súas ambicións persoais”, reclamou Pontón.

A líder nacionalista fixo referencia á “situación moi complicada” que soporta a maioría social, apenas deixando atrás a crise sanitaria, con empresas pechando, cos servizos públicos deteriorados por doce aos de recortes e privatizacións e cunha inflación disparada que encarece todos os servizos básicos empobrecendo ás familias, afogando ás PEMES e mesmo freando a recuperación económica.

“Nesta situación non podemos ter un goberno en modo pausa, nin a un presidente ausente ocupado en tapar a corrupción e en aplacar a guerra interna do PP en lugar de dirixir o País”, alegou a líder nacionalista, “até agora tiñamos a un presidente sen propostas nin alternativas para solucionar os problemas de Galiza, pero agora, ademais, temos un presidente ausente”, insistiu, “e debe aclarar se opta por Galiza ou por Génova sen máis espera”.

Pontón tamén trasladou a posición do BNG en relación á guerra desatada en Ucraína, totalmente posicionado no non á guerra, rexeitando os bombardeos e reclamando que se retome a vía diplomática. “Non a guerra,  a diplomacia é a vía para resolver o conflito porque é o único camiño. Para percorrelo urxe unha desescalada militar e unha aposta firme polo diálogo pola diplomacia, no marco de organizacións como a ONU e a OSCE, que permita lograr unha solución estable e duradeira”, explicou.

Como primeiro paso nesa dirección, o Bloque considera urxente a retirada das tropas rusas e o un compromiso da OTAN de frear a súa ampliación cara o leste europeo. O marco debe ser volver ós acordos de Minsk con garantías de cumprimento de todas as partes.  En relación ao papel do Estado español, a formación nacionalista considera que non debe participar nesa guerra, “dixémolo en Irak e dicímolo agora en Ucraína, apostamos por unha posición de neutralidade activa, retirando tropas e reforzando a vía diplomática”, subliñou Pontón, quen traslada toda a solidariedade do BNG co pobo de ucraíno.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG