Ana Pontón expresa o seu apoio e solidariedade ás familias da tripulación do Vila de Pitanxo: “Toda Galiza está con elas”

Campus Universitario de Pontevedra
Campus Universitario de Pontevedra

A portavoz nacional traslada a familiares e autoridades a total disposición do BNG para axudar e colaborar en todo o que sexa necesario

“Estamos consternadas; esta é unha xornada tráxica e de loito”, lamenta

A portavoz nacional, Ana Pontón, volveu transmitir a solidariedade e apoio do BNG ás familias e amizadas da tripulación do Vila de Pitanxo, ante a traxedia en augas de Terranova que ten provocado a conmoción en todo o País: “É importante que hoxe saiban que toda Galiza está con esas familias”, salientou.

“Quero trasladar todo o apoio ás persoas que están atravesando esta situación tan dura, todos e todas estamos consternadas e quero transmitirlles todo o cariño, apoio e solidariedade ás familias”, insistiu.  A líder nacionalista tamén traslada “toda a colaboración do BNG coas autoridades no que sexa preciso, toda a disposición a colaborar no que estea na nosa man”, recalcou, ante unha situación dramática que tingue de loito Galiza ante un dos maiores accidentes do mar que se recordan.

“É unha xornada moi triste, na que se nos encolle o corazón pensando na dor das familias e deben saber que toda Galiza está con elas”, subliñou Pontón desde Pontevedra, onde asistiu ao minuto de silencia convocado polo Concello en compañía do alcalde Miguel Anxo Fernández Lores, no seu caso desde o campus universitario onde estaban realizando unha visita.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG