Municipais 2023

Pontón destaca que o BNG ten proxecto e ten en Rodríguez o liderado para facer de Cedeira un concello con futuro

Acto Cedeira
Acto Cedeira
“Este concello merece máis benestar social, calidade de vida e dinamismo económico e no Bloque sabemos como facelo como demostramos nas vilas e cidades que gobernamos” proclama

A portavoz nacional, Ana Pontón, participou no acto de presentación do candidato á Alcaldía de Cedeira, José Antonio Rodríguez, destacando que o BNG ten proxecto, liderado e equipo para darlle a este concello un impulso que lle permita avanzar e ganar dinamismo no económico, no social e no cultural. Por iso, declarouse convencida de que o Bloque vai ter un gran resultado o 28M.

Pontón destacou o potencial de Cedeira, un municipio que conta cun gran patrimonio natural e cultural, sectores produtivos, -en particular todo o relacionado co mar-; atractivo turístico e unha veciñanza con ganas de avanzar, cansa dunha longa etapa de estacamento e de perder oportunidades. “Cedeira merece máis”, proclamou.

“Para que Cedeira empece a ganar a alternativa é o BNG, cun proxecto con ideas e propostas para abrir un tempo novo de ilusión e de transformación en positivo, porque a veciñanza merece unha vila que avance, activa no económico, no social e no cultural e no BNG sabemos como facelo porque temos un modelo municipal de éxito, que funciona e o demostramos todos os días alí onde gobernamos”, argumentou Pontón durante a súa intervención.

Acto Cedeira
Acto Cedeira

A líder nacionalista subliñou que o proxecto que encabeza Rodríguez pasa por darlle a Cedeira un goberno “transparente e solvente na xestión”, achegado aos problemas da xente, capaz de poñer en valor o rico patrimonio da localidade e que aposta pola igualdade, de tal xeito que a veciñanza das parroquias teña os mesmos servizos.

O alternativa que ofrece o Bloque o 28M inclúe un concello “con servizos públicos de calidade, en particular na sanidade, pero tamén con servizos sociais para as persoas que máis o precisan”. Igualmente, defende equipamentos culturais e de ocio, recuperar e rehabilitar o centro histórico e considera clave dar oportunidades á xente moza, destacando Pontón explicando algunhas das propostas que o BNG quere levar adiante en Cedeira.

“Sei que ides ir a por todas nestas eleccións municipais, sen poñervos límites, que saídes a gañar sabendo que o BNG ten proxecto, liderado e equipo para pedir a confianza dos veciños e veciñas. Desde esa confianza, estou segura, imos ter un resultado histórico en Cedeira”, proclamou.

Pontón puxo en valor o modelo municipal do BNG, un modelo de éxito que é referente en Galiza porque representa “as solucións máis vangardistas e avanzadas adaptadas á nosa realidade, aprendendo do mellor que existe no mundo, porque os gobernos BNG son exemplo de como se pode transformar a realidade desde un concello, de como facer avanzar unha cidade, unha vila ou un concello rural a un ritmo rápido e positivo”.

“Temos que pensar os nosos concellos en grande, -instou-, con propostas en positivo, con determinación, con ilusión”. “Aí fóra nas rúas, nas prazas, nos centros de traballo hai unha enorme ilusión e esperanza en torno ao BNG porque se quere outra forma de facer política, porque o Bloque representa o entusiasmo, o empuxe, a vitalidade e o optimismo que Galiza necesita”, concluíu, animando ós candidatos e candidatas, a toda a militancia a saír a por todas o 28M para construír unha Galiza mellor, concello a concello.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG