A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, encabezou na Coruña a delegación do BNG que participou na manifestación do 1º de maio, na que fixo unha chamada á defensa dos dereitos da clase traballadora e a non dar “nin un paso atrás” fronte as ameazas e ataques directos como o plan contra as baixas laborais que impulsa Rueda. “O PP está poñendo en risco dereitos laborais en Galiza”, advertiu.
Pontón considerou por iso que o lema da manifestación, Na Galiza, traballo digno e dereitos, non pode ser este ano máis oportuno, pois mentres as traballadoras e traballadores do País “o que viven é precariedade e abusos”, o presidente da Xunta anuncia un plan para “recortar un dereito fundamental como o de poder ter unha baixa se estás enfermo”.
Malia a mensaxe do PP que criminaliza ás traballadoras e traballadores, destacou que no País fanse cada semana máis de 100.000 horas extra de maneira gratuíta e que Galiza é a segunda das CCAA do Estado que rexistra menos baixas laborais. Se estas son máis longas, precisou, “é por responsabilidade do PP, que ten a sanidade colapsada” tras 17 anos aplicando desde o Goberno da Xunta políticas para “demoler” o sistema público.
A modo de exemplo, denunciou que a sanidade pública galega só dispón de 21 psicólogos para atender 400 centros de saúde ou que as listas de espera en traumatoloxía disparáronse nos últimos seis anos, cun aumento do 76 %. Destacou, ademais, que Galiza está á cabeza do Estado en sinistralidade laboral.
A líder nacionalista lamentou que “nada de isto” preocupe a Rueda, a quen lle pediu que “rectifique” e que se poña do lado da xente traballadora, “que é a que levanta o País”. “O que lle pedimos a Rueda é que traballe para que non haxa horas extra sen pagar, para acabar coa sinistralidade laboral ou para ter unha sanidade pública de primeira que faga que as baixas non teñan que prolongarse de maneira excesiva”, recalcou.
Pontón aproveitou tamén a celebración o 1º de maio para reivindicar a paz nun momento, dixo, “no que o imperialismo está promovendo guerras que afectan directamente aos petos das e dos traballadores en forma de inflación”. “É indecente ver a un PP que outra vez se coloca do lado equivocado da historia, que foi incapaz de condenar o xenocidio en Palestina e que agora é incapaz de condenar a guerra de Trump en Irán, que está asasinando a miles de persoas nesa parte do mundo e, ademais, está provocando que aquí se encareza cada vez máis o custo da vida”, declarou.
Ataque directo á democracia en Lugo
En declaracións aos medios, a portavoz do Bloque referiuse tamén á moción de censura anunciada en Lugo polo PP, ao que acusou de practicar “a peor das políticas”, neste caso “perventindo con pactos escuros o que votou a cidadanía”.
“O señor Rueda non soporta que Lugo teña un goberno, no que está participando o BNG, que leva anos promovendo un cambio e unha transformación na cidade”, sostivo Pontón, que lamentou que a mensaxe que está lanzando o PP á cidadanía sexa que “o seu voto non vale nada” e que se pode chegar a alcaldía “comprando vontades, utilizando mesmo recursos públicos para levar adiante unha moción de censura que é indecente e antidemocrática”.
“Tamén neste 1º de maio queremos defender que a veciñanza de Lugo é que ten que escoller ao seu alcalde ou a súa alcaldesa, que non poden ser os pactos escuros con transfuguismo que representan un ataque directo a democracia”, concluíu.