A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, aproveitará a sesión de control ao Goberno do vindeiro Pleno para denunciar o deterioro da atención á saúde mental en Galiza e para reclamar ao presidente da Xunta, Alfonso Rueda, que cumpra o prometido e tome “medidas reais” para mellorar a asistencia que presta o Sergas.
Así o avanzou tras a reunión da Xunta de Portavoces a viceportavoz primeira do BNG no Parlamento, Olalla Rodil, que advertiu que a atención á saúde mental no País é un “exemplo máis” do estilo Rueda, “fume, propaganda e mentiras” para non responder aos problemas que ten a sociedade galega neste eido.
En concreto, Rodil acusou o Goberno do PP non investir practicamente o 60 % da cantidade que prometeu para o desenvolvemento do Plan de Saúde Mental 2020-24, anunciado “a bombo e prato en plena campaña electoral” e aprobado posteriormente no Consello da Xunta coa promesa dun investimento de 83 millóns de euros, dos que, segundo o informe do Consello de Contas, só se executaron 24,5 millóns, cifra á que se lle pode sumar a cantidade prevista para a incorporación de novo persoal, en torno aos 9 millóns, ata un total de 33,5.
Ademais da falta de execución, o Consello de Contas apunta no seu informe que a Xunta non logrou reducir as listas de agarda nin os temos medios para acceder ás primeiras consultas de psiquiatría. “Isto é especialmente grave en Lugo e Ourense, con incrementos de 174 % e do 149 % respectivamente”, advertiu Rodil.
Con nove mil galegos e galegas agardando por unha primeira consulta psiquiátrica, continuou, o Goberno do PP “nin sequera incorporou o persoal que se anunciou”: “Nin un só psicólogo clínico nos centros de saúde e menos persoal hospitalario do que prometeron”, denunciou, antes de lamentar que o conselleiro de Sanidade só aceptase a comparecer no Pleno para falar “da propaganda do PP” e non das listas de agarda ou da situación da atención primaria, como pediu o BNG.
O Bloque levará tamén ao Pleno a súa proposta para avanzar unha política lingüística a favor do galego fronte a un PP “que está instalado na inacción, enredando desde finais de 2024 para non facer absolutamente nada”. En concreto, o Bloque reclamará que no prazo de dous meses a Xunta elabore un cronograma de planificación das accións “plenamente vixentes” que están incluídas do Plan Xeral de Normalización Lingüística “que o PP ten metido na gabeta desde hai vinte anos”.
Na mesma iniciativa, o BNG pedirá que se constitúa unha mesa de diálogo e participación —na que estean presentes as organizacións políticas e sindicais, anpas, movementos de renovación pedagóxica, universidades e as institucións académicas e estatuarias que teñen o coñecemento da lingua galega— para poñer en marcha un novo decreto no ensino no vindeiro curso escolar 2025-26.
“O que di a Real Academia Galega, o Consello da Cultura e o Consello de Europa é que hai que derrogar o decretazo, que é unha peza clave na desgaleguización das nenas e nenos”, subliñou a deputada nacionalista.
Compra pública alimentaria, un revulsivo para o sector primario
Outra das propostas do BNG no Pleno será para impulsar a compra pública alimentaria con criterios de sustentabilidade e proximidade, tendo en conta que a Xunta inviste entre 140 e 200 millóns de euros ao ano na subministración de produtos para comedores escolares, hospitalarios ou de centros de maiores.
“Todos estes recursos ben orientados son un auténtico revulsivo para o sector primario galego”, explicou Rodil, que concretou que a iniciativa nacionalista ten tres grandes obxectivos: constituír unha mesa de traballo conxunta cos axentes do sector, conseguir que o 50 % da compra pública alimentaria no 2027 se faga con criterios de proximidade e sustentabilidade e crear unha plataforma público privada para a comercialización e subministración de produtos aos comedores públicos.
Pregunta urxente sobre a estafa de Xuxán
Con carácter urxente, o BNG levará así mesmo ao Pleno a “grandísima estafa” que están a sufrir as persoas afectadas polo cambio de condicións nas vivendas do barrio coruñés de Xuxán, promocionadas pola Xunta como “sociais” a través dunha cooperativa e polas que se quere cobrar alugueiros de case mil euros mensuais. “O Goberno do PP ten que explicar que medidas vai adoptar para garantir que as parcelas do Parque Ofimático adxudicadas a Galivivienda sexan destinadas realmente a alugueiro social”, afirmou Rodil.
En relación á vivenda, a viceportavoz nacionalista aproveitou as preguntas dos xornalistas para reclamar, máis unha vez, que cumpra a normativa sobre os pisos turísticos ilegais, comezando por retirar do seu rexistro aquelas que foron dadas de alta de maneira ilegal porque non cumpren a normativa urbanística municipal, tal e como lle reclama o Concello de Santiago. “O PP está instalado na soberbia, e lonxe de facer cumprir a lei, o único que fai e crear un problema con este tipo de vivendas, optando pola lei da selva en contra do propio sector turístico e dos hoteis que si cumpre coas normas”, salientou.