Parlamento Galego

Pontón denuncia a deriva autoritaria de Rueda: “Quere impoñer o control ideolóxico a través da prohibición e da censura”

“En que momento decidiu que a defensa dos dereitos humanos é adoutrinar?”, interpela en relación ao PP “máis ultra da historia”

Pide a retirada das circulares da censura que o goberno remitiu ós centros educativos e ós centros de saúde

A portavoz nacional, Ana Pontón, denunciou na sesión de control parlamentaria “a deriva autoritaria e antidemocrática” dun Alfonso Rueda que “quere aplicar o control ideolóxico e impoñer a censura de quen pensa diferente ao Goberno do Partido Popular”.

Pontón acusou ao titular do Executivo de demostrar que este PP “é o máis ultra da historia” ao querer impoñer a censura non só nos medios públicos, senón agora tamén nos centros educativos e nos centros de ensino, cunhas circulares coas que pretende calar a quen pensa diferente ou tapar calquera crítica á súa xestión.   

“Xa non lle chega coa TVG, agora tamén queren censura nos centros educativos e nos centros de saúde”, reprochou a Rueda, a quen criticou as presións do seu goberno a centros de ensino para que non participen nun certame artístico porque se fala sobre Altri, tentar impedir unha conferencia sobre Palestina en colexios ou que colguen unha bandeira deste país para denunciar o xenocidio.

“En que momento vostede decidiu que a defensa dos dereitos humanos é adoutrinar?”, cuestionou ao presidente da Xunta, a quen advertiu da gravidade da súa deriva autoritaria e antidemocrática que tamén afecta ao ámbito sanitario, ao prohibir a colocación de pancartas en defensa da sanidade pública.

“A cuestión non é reforzar o persoal sanitario, senón prohibirlle aos médicos que denuncian a falta de médicos porque iso parece ser que é adoutrinamento; está dicindo nesta Cámara que os profesionais da sanidade pública adoutrinan cando denuncian os seus recortes”, denunciou.

A líder nacionalista pediu a Rueda a retirada inmediata desas “ordes da censura”, tanto no sistema educativo como nos centros sanitarios, unhas instrucións que obedecen á incapacidade do Goberno do PP para aceptar a crítica.

“Para o Partido Popular todo é adoutrinamento, salvo se defendes a ideoloxía do Partido Popular máis ultra da historia; non aturan a crítica e, por iso, intentan prohibila por todos os medios”, sintetizou, para preguntarlle a continuación ao titular do Executivo “cal será a seguinte censura”.

“Un cartel do 8M? Unha pancarta a favor do colectivo LGBTI? Un manifesto a favor do galego?”, interpelou a Rueda, ao que acusou de estar recuperando “o lapis vermello da censura para decidir que teñen que pensar os cidadáns e que poden opinar”.

Pontón advertiu que nesta deriva antidemocrática hai cousas que xa veñen de atrás, como o asalto á TVG, convertida hoxe en “TelePP” e na que ao presidente da Xunta “só lle queda presentar o Telexornal”. “Hoxe a TVG é unha arma de manipulación masiva a base de mentiras, propaganda e bulos, que é o fan vostedes nese medio público que onte mesmo volveron asaltar nesta Cámara”, afirmou en relación á designación da nova dirección xeral da compañía.

Unha mordaza que, incidiu, o PP tamén aplica ao propio Parlamento galego, impedindo comparecencias e debates, ocultando información ou mesmo interrompendo constantemente as sesións de control porque aos populares “lles molestan as intervencións críticas”.

Na mesma deriva antidemocrática enmarcou os insultos do PP aos “milleiros de persoas que se manifestan en contra dos recortes, privatizacións ou espolio do territorio”, milleiros de persoas aos que o PP considera adoutrinadas e manipuladas “como se a cidadanía deste País non tivera capacidade crítica”, denunciou.

“De verdade pensa que con censura e con prohibicións pode vostede tapar a súa falta de solucións aos problemas de Galiza?”, cuestionou a un Rueda ao que lle afeou que na súa resposta evidenciase unha vez máis o seu machismo ao afirmar que estaba controlada politicamente.

“Porque, claro, como vai haber unha muller que pense por si mesma? As mulleres en política sempre temos que estar controladas, non como vostedes, que son libre pensadores”, recriminoulle, para advertirlle a continuación que se por algo é coñecido el mesmo, ademais de polo seu machismo, é pola súa “submisión a Madrid”, o seu “servilismo a grandes grupos económicos en contra do País” e a súa “prepotencia”.

A portavoz nacional rematou a súa intervención recordándolle ao titular do Executivo que os galegos e as galegas teñen dereito a expresarse en liberdade e que, en democracia, “liberdade non é irse a tomar cañas”, senón “poder criticar o goberno sen que te chame o conselleiro de Educación para dicirche que é o que tes ou non que facer”.

“Señor Rueda, os galegos e as galegas teñen dereito a expresarse con liberdade aínda que iso a vostede non lle guste, chámase democracia”, concluíu. 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG