Pontón declara o “orgullo” do BNG polo traballo do goberno local de Ribadeo liderado por Fernando Suárez, con logros como o centro público de atención ás persoas maiores

Visita Ribadeo
Visita Ribadeo
Lograron transformar o concello dándolle dinamismo económico e social e mellorando a calidade de vida da súa veciñanza, destaca a líder do Bloque

A portavoz nacional, Ana Pontón, aproveitou a súa visita institucional ao concello de Ribadeo para destacar o “orgullo” do BNG polo traballo de transformación en positivo levado a cabo polo goberno municipal que lidera o alcalde Fernando Suárez, que tras anos de xestión e de planificación ten acadado un Ribadeo activo e dinámico no económico e no social, e con mellor calidade de vida para a veciñanza.

“Un concello do que o BNG se sete moi orgulloso polo traballo de moitos anos de transformación en positivo á favor da veciñanza en moitos ámbitos, desde a reurbanización e recuperación de espazos públicos, a aposta polo comercio local e de proximidade, por un Ribadeo vivo, que coida o seu patrimonio cultural e que traballa tamén na dignificación e recuperación da memoria histórica”, sintetizou a líder nacionalista.

Residencia Ribadeo
Residencia Ribadeo

Acompañada polo alcalde, Pontón fixo unha visita guiada polo centro de atención ás persoas maiores, unha residencia pública que, sen dúbida, é unha dos proxectos máis importantes levados a cabo polo goberno municipal.

“É un dos proxectos emblemáticos executado polo equipo que lidera Fernando Suárez, dirixido ademais a un colectivo, o das persoas maiores, que temos a obriga de coidar, e por iso o empeño do alcalde en contar con este equipamento social pese a non ser competencia municipal e pese á total falta de apoio da Xunta”, destacou Pontón. O propio rexedor expresou a súa satisfacción por ter sacado adiante esta infraestrutura que define como “obra colectiva”.

“Tivo toda a participación da veciñanza que reclamou durante anos un centro para as persoas maiores de Ribadeo, pese ós paus nas rodas da Xunta que intentou que non saíra adiante, pero finalmente foi posible coa colaboración leal entre Deputación e Concello e co apoio dos e das veciñas”, explicou.

“Con todo o orgullo aquí está o resultado dun traballo ben feito, que hoxe é o fogar de máis de 47 persoas que teñen a súa disposición unha residencia pública”, explicou o alcalde, en relación a unha das mellores actuacións do goberno local que xa está traballando noutra infraestrutura social de calado, o hospital asilo, e confía en que, nesta ocasión, “a Xunta non deserte e este á altura”, porque as competencias en materia de residencias son do Goberno autonómico.

Pola súa parte, Pontón incidiu no carácter “esencial” deste equipamento,  porque aínda que o ideal é que as persoas maiores poidan pasar o máximo tempo nos seus fogares, “cando non é posible deben contar con unha residencia de calidade para acompañar esa etapa das súa vida”.

Pontón contrapuxo o empeño do Goberno local en dotar a súa veciñanza dunha residencia pública coas máximas garantías, “co abandono do goberno do PP das súas responsabilidades en Ribadeo”. Ademais, indicou, o Partido Popular “defende un modelo de coidados que permite facer negocio coa vellez mesmo a costa dos dereitos das persoas”.

A única residencia pública de Ribadeo

“Que o goberno de Ribadeo, en colaboración coa deputación de Lugo, tomara cartas no asunto é toda unha declaración de principios de como se pode poñer por diante do negocio privado os dereitos das persoas maiores, e por iso podemos visitar a única residencia pública que ten este concello e que se fixo grazas ao empeño do seu alcalde e co apoio da veciñanza, ante un goberno da Xunta que mirou para outro lado e que non cumpriu”, alegou.

“E un orgullo que Ribadeo teña este gran equipamento, grazas ao esforzo de Fernando Suárez e do seu equipo, mesmo asumindo competencias que non lles corresponden”, recalcou.

Pontón explicou que o BNG defende un modelo de residencias público que garanta o dereito a unha vellez digna, algo que en Ribadeo xa é realidade ao contar cun centro de atención ás persoas maiores público e cerca do seu lugar de residencia habitual. Lembrou que a falta de implicación do Goberno do PP fai que hoxe haxa mil galegos e galegas agardando para acceder a unha praza de residencia pública.

“Vimos de defender no Parlamento un modelo de residencias público, que garanta unha atención de calidade e humanizada, pero o PP votou en contra porque sigue empeñado na privatización dos coidados das persoas maiores”, concluíu.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG