“Teño que recoñecer que me sorprende moito o que está pasando e que me parece moi preocupante que se queira presionar aos profesionais de sanidade no seu labor, porque un médico ou unha medica está o suficientemente capacitado para tomar unha decisión a respecto de cando ten que ter unha alta e é inaudito que os inspectores estean facendo este labor.
Isto forma parte dunha campaña maquiavélica do Partido Popular que quere cuestionar o dereito dos traballadores e das traballadoras cando están enfermos a poder ter unha baixa.
E, ademais, estano facendo con mentiras, porque o Partido Popular cita moitos datos sobre isto, pero hai un dato que nunca di e é que Galiza é a segunda comunidade de todo o Estado Español que menos baixas por enfermidade ten, a segunda con menos baixas.
E o problema da duración non é dos traballadores e das traballadoras nin dos profesionais sanitarios, o problema de que as baixas se prolonguen é porque temos a sanidade pública colapsada, e hoxe podemos ver en todos os medios de comunicación unha nova alerta que dan os propios responsables dos servicios de urxencias que o que din é que teñen o sistema colapsado e que a Xunta de Galiza non está contratando o persoal necesario para poder atender e que o que necesita este País non é perseguir os traballadores e as traballadoras que cando están enfermos se poñen de baixa, o que se necesita é que a sanidade pública teña os recursos e os medios suficientes.
E aí o Partido Popular nin está, nin se lle espera.
É gravísimo que teñamos ao Rueda mais ultra destes últimos anos, onde vemos a deriva do Partido Popular que está indo en contra de dereitos fundamentais que costou moito tempo conseguir e nós imos a seguir reivindicando que un traballador ou unha traballadora enferma non ten que ir a traballar, o que necesita é un sistema público que o atenda rápido e que lle dea resposta a súa saúde.
E eu creo que é moi perigoso o que está facendo o señor Rueda, que nos demostra a súa deriva ultra e en contra dos dereitos da xente traballadora”.