Pontón avanza que o BNG reclamará ao Goberno de Rueda no Parlamento o desenvolvemento de solo empresarial en Muras

Visita Plásticos Ferro
Visita Plásticos Ferro

Exemplifica no concello liderado por Manuel Requeijo como o Bloque abarata o recibo da luz poñendo a riqueza eléctrica do País a favor da xente

Defende unha tarifa eléctrica galega para beneficiar a familias e empresas como fórmula para compensar os custes ambientais, sociais e económicos

A portavoz nacional, Ana Pontón, avanzou que o BNG reclamará ao Goberno de Alfonso Rueda no Parlamento que deixe de poñer paus nas rodas ao crecemento económico de Muras e apoie o desenvolvemento de solo empresarial neste concello. 

Así o anunciou logo de visitar xunto ao alcalde da localidade, Manuel Requeijo, as instalacións do Grupo Plásticos Ferro, grupo empresarial especializado na fabricación e comercialización de sistemas de tubaxes e accesorios plásticos á que se referiu como unha “empresa innovadora” que demostra “como, desde o rural, se poden poñer en marcha proxectos de éxito”.

Logo de agradecer a acollida á dirección do grupo, no que se integran, entre outras, firmas como Tepsa ou Ferroplast, Pontón apuntou a necesidade de que empresas coma esta, que “leva moito tempo aportando desenvolvemento económico e creación de emprego na comarca”, teñan o máximo apoio posible das Administracións para conseguir fixar poboación no medio rural, obxectivo para o que considerou fundamental desenvolver solo industrial.

Visitas Plásticos Ferro
Visitas Plásticos Ferro

“Sabemos que hai vontade para poder incrementar a dimensión deste grupo empresarial, para poder xerar máis emprego, e por iso non se entende que desde a Xunta se estean poñendo paus nas rodas ao desenvolvemento económico”, cuestionou.

Neste sentido, incidiu en que o BNG vai levar unha iniciativa ao Parlamento para reclamar ao Goberno do PP que apoie o desenvolvemento de solo empresarial no concello de Muras, dado que hai “unha base económica para que este solo se poñe en funcionamento” e se poida crear emprego e riqueza, algo que considerou fundamental en todo o País, pero “moito máis nas zonas interiores de Galiza que están sufrindo o despoboamento”.

Despoboamento que sofren, remarcou, a pesar de que “son zonas con enorme potencial e enorme riqueza”, tal e como exemplificou no propio concello de Muras que, pese a ser o municipio que máis eólicos ten de toda Galiza, non obtén “o retorno en termos económicos que debería”. Por iso, avogou por que o desenvolvemento na produción de enerxía eléctrica no País “ten que levar parello a creación de emprego”.

A portavoz nacional -que tamén aproveitou o seu desprazamento a Muras para visitar o CEIP Antía Cal e o Punto de Atención á Infancia (PAI) e para manter un encontro co sector do mel- defendeu así mesmo a proposta do BNG para crear unha tarifa eléctrica galega que abarate o prezo da enerxía non só a familias e Pemes, senón tamén a grupos empresariais grandes, unha medida que permitiría “compensar os custos económicos, sociais e ambientais” derivados da produción eléctrica.

Nesta liña, exemplificou no concello de Muras como entende o Bloque que a enerxía, neste caso a eólica, ten que reverter no territorio, algo que foi posible neste municipio grazas a unha iniciativa do goberno local liderado por Requeijo, pola que tanto as familias como as Pemes teñen rebaixas na factura da luz.

“Ese é o modelo que queremos levar adiante pero nunha dimensión galega, apostando por esa tarifa eléctrica galega que nos permitiría poñer a enerxía de Galiza ao servizo do País e non do lobby eléctrico, que é o que está pasando neste momento”, concluíu. 

 




 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG