Pontón augura que o BNG será a forza que máis aumente a súa representación nos concellos nas vindeiras eleccións locais

Visita Vilar de Santos
Visita Vilar de Santos

“Galiza precisa máis BNG nos concellos porque é a mellor garantía de avance e de progreso”, subliñou, “imos a por todas sen poñernos límites”

Visita Maceda e Vilar de Santos, onde participa no acto de presentación do candidato á Alcaldía, o actual rexedor, Antonio Míguez

A portavoz nacional, Ana Pontón, continúa coa súa axenda municipal que hoxe a leva a visitar os concellos ourensás de Maceda e Vilar de Santos, dentro do contexto das eleccións locais que se celebrarán en maio de 2023. Desde Maceda, a líder nacionalista augurou que o BNG será a forza política que máis aumente a súa representación nesa cita coas urnas.

“O BNG está forte de cara a estas eleccións muncipais e estou convencida de que será a forza política que máis suba neses comicios porque o que precisa Galiza é máis BNG nos concellos”, destacou Pontón, que basa a súa confianza no aval que representa a exitosa capacidade de xestión e de transformación en positivo demostrada polos gobernos liderados polo Bloque.

“Temos demostrado con feitos que os gobernos municipais do BNG son capaces de mellorar a vida das persoas, de xerar dinamismo económico, cohesión social, que apostan pola nosa lingua e cultura, en definitiva que son a mellor garantía de avance e de progreso”, subliñou.

E precisamenta nunha provincia como Ourense, explicou, “pode verse o contraste entre as políticas do Bloque e as do Partido Popular”, de tal xeito que fronte á “regresión” e ás fórmulas “non precisamente democráticas senón caciquís do PP”, destaca o progreso e o avance de concellos como Allariz, Baños de Molgas, Vilar de Barrio ou Vilar de Santos, -citando exemplos de vilas con gobernos do BNG, “que son concellos con dinamismo, transparentes e democráticos”.

O BNG, destacou a portavoz nacional, “é a alternativa o PP, unha alternativa que está forte, que medra e que vai ir a por todas nas próximas eleccións municipais. Non nos poñemos teito porque sabemos que temos o mellor proxecto para Galiza, imos a por todas coa máxima ilusión”, recalcou.

A primeira parada de Pontón foi en Maceda, onde mantivo encontros con responsables do tecido empresarial, comercial e veciñal, xunto cos responsables políticos locais e coa militancia. A segunda parada é Vilar de Santos, onde o BNG goberna con maioría absoluta, sendo a única forza da corporación, para participar na presentación do candidato a Alcaldía e actual rexedor, Antonio Míguez. Neste concello, tamén se reune con diferentes colectivos sociais do municipio.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG