Municipais 2023

Pontón augura que Abraldes seguirá sendo o mellor alcalde da historia de Barro despois da cita coas urnas do 28M

Acto Barro
Acto Barro
Cando a veciñanza coñece como goberna o BNG nos concellos, con eficacia e mellorando a súa vida, non quere unha marcha atrás, destaca

A portavoz nacional, Ana Pontón, participou na presentación do candidato do BNG a Alcaldía de Barro, Xosé Abraldes, a quen definiu como o mellor alcalde da historia do concello e prognosticou que seguirá como rexedor tras a cita electoral municipal.

“Abraldes é o mellor alcalde que tivo nunca Barro e vai seguir sendo o mellor alcalde deste concello a partir do 28 de maio, e sabedes por que? Porque cando os veciños e as veciñas coñecen como goberna o BNG, coñecen o noso modelo municipal de éxito, coñecen a capacidade dos nosos gobernos para transformar en positivo e mellorar a vida da xente, cando coñecen todo isto, reforzan a súa confianza no BNG”, explicou.

O candidato do Bloque, argumentou, demostrou ao longo destes oito anos como alcalde do que é capaz, co equipo de homes e mulleres que o acompañan. Atrás quedan os tempos de decadencia e de rutina, os tempos nos que Barro estaba estancado, paralizado, sen impulso.

“Hoxe temos un concello que avanza, que progresa, un concello activo que atrae poboación pola súa calidade de vida e polos servizos que ofrece, e  Barro é  a demostración de como o BNG fai progresar os concellos, da igual que sexa unha cidade ou un municipio pequeno no rural”, argumentou a líder nacionalista.

Tras anos de estancamento, indicou Pontón, “Barro é agora un concello luminoso, participativo, cun goberno transparente e profundamente democrático, onde todas as persoas son tratadas por igual, que traballa man a man coa veciñanza, colaborando con todas as asociacións e entidades que participan na vida pública deste Concello, porque no BNG sabemos que os protagonistas son os veciños e as veciñas”.

A portavoz do Bloque destacou como a chegada do goberno que de Abraldes fixo avanzar o concello. “En Barro non pasaba nada até que chegou o BNG cun proxecto de futuro e de ilusión;  non había nada para  mocidade nin para as persoas maiores, até que chegou o BNG e hoxe a veciñanza ten servizos e hai dinamismo económicos, social e cultural”, subliñou.

“Por todo isto e máis sei que Xosé Abraldes vai seguir contando co apoio maioritario dos veciños e veciñas o 28M, porque queren seguir o camiño de avance,  de progreso, de calidade de vida, de ilusión e de futuro que o BNG iniciou neste concello”, explicou, da man do modelo municipal de éxito que representa o Bloque.

“Un modelo municipal de éxito, que funciona, como demostramos neste concello transformando en positivo, revitalizando o comercio e o tecido económico local, xestionando con eficacia, mellorando a vida das persoas. Un modelo municipal transparente e profundamente democrático, onde todos os veciños e as veciñas son tratadas por igual. Alí onde gobernamos, construímos concellos dinámicos, no económico, no social, no cultural, así o fixemos en Barro e así o imos seguir facendo a partir do 28M con Abraldes, o mellor alcalde da historia deste concello”, concluíu.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG