Pontón aproveita o encontro con Orsi para fortalecer os lazos Galiza-Uruguai e explicarlle o proxecto de goberno do BNG

Ana Pontón reunión co presidente de Uruguai, Yamandú Orsi
Ana Pontón reunión co presidente de Uruguai, Yamandú Orsi

Destaca a relación Bloque-Frente Amplio, exemplo de executivo a favor da xustiza social e das maiorías nun contexto de auxe da extrema dereita

Aposta polo diálogo entre a empresa Cardama e o Estado de Uruguai para buscar unha solución satisfactoria para ambas partes o antes posible

Pon en valor o papel da diáspora e destaca que Galiza é país de acollida: “Ante a xenofobia convén recordar coñecemos moi ben o que é emigrar”

A portavoz nacional, Ana Pontón, valorou moi positivamente a reunión mantida co presidente Yamandú Orsi, que a líder do BNG aproveitou para estreitar vínculos entre Galiza e Uruguai, países que comparten unha historia común a través da diáspora, ao tempo que explicou ao xefe do Executivo o proxecto de goberno do BNG.

Pontón trasladou a Orsi o proxecto de goberno que o BNG ten para Galiza como alternativa ao Partido Popular, unha alternativa nacionalista e de esquerdas co reto de liderar o País, do mesmo xeito que hai un ano o Frente Amplio desprazou nas urnas ao anterior goberno conservador, recuperando un proxecto progresista pensado para as maiorías sociais. “Orsi segue a estela de José Mujica, que para o BNG continúa a ser un exemplo a seguir”, destacou Pontón.

Ana Pontón co presidente de Uruguai, Yamandú Orsí.jpg
Ana Pontón co presidente de Uruguai, Yamandú Orsí.jpg

“Nun momento no que avanza a dereita e a extrema dereita, -indicou Pontón-, o goberno do Frente Amplio é unha ventá de esperanza e tamén unha oportunidade para unha forza como o BNG que aspira a gobernar Galiza”. A portavoz nacional destacou o interese de coñecer de primeira man propostas que poidan servir como referencia, tras o encontro na Residencia Suárez, onde compartiu entrevista e almorzo co presidente Orsi.

A líder do Bloque trasladoulle ao presidente uruguaio a oportunidade de incrementar as relacións comerciais e económicas entres ambos países “en mutuo beneficio”, destacando a calidade dos produtos galegos en sectores claves como o agrogandeiro, o sector mar-industria, o automobilístico ou bens de equipo. “Galiza ten unha interesante balanza comercial con Uruguai, pero desde o BNG pensamos que as empresas galegas poden exportar máis e mellor”, alegou.

En relación ao contrato con Cardama, Pontón aposta “polo diálogo entre a empresa e o goberno uruguaio para atopar unha solución satisfactoria para ambas partes e pola nosa parte imos facer todo o posible para que se dea esa solución, o que está claro é que hai que poñer unha alternativa sobre a mesa que sexa beneficiosa para ambas partes”, recalcou.  A líder nacionalista puxo en valor a calidade do sector naval galego, de primeiro naval, “solvente e de vangarda, moi profesionalizado, que leva décadas construíndo todo tipo de barcos tanto para o mercado español como internacional. O noso sector naval é un referente de bo facer en todo o mundo”, subliñou.

Entre os temas tratados, a situación da colectividade galega, despois dos encontros mantidos co Padroado da Cultura Galega e coa Federación de Asociacións Galegas.

“Compartimos reflexión sobre o moito que a emigración galega ten aportado a este País e o moito que tamén este País ten dado aos galegos da diáspora, actuando como lugar de acollida en momentos políticos e económicos moi duros para Galiza”, indicou Pontón, “vexo unha colectividade moi asentada e integrada pero que ao mesmo tempo mantén os seus vínculos con Galiza e quere promover e defender a nosa lingua, a nosa cultura e a nosa identidade”.

Patrimonio cultural da diáspora

A portavoz nacional fixo referencia ao importante patrimonio cultural construído ao longo de décadas pola diáspora, “que temos obriga de preservar e difundir, porque recuperar ese patrimonio é tamén unha forma de memoria histórica e de render homenaxe a esa diáspora exiliada por razóns políticas ou económicas”.

“Quero recalcar que Galiza é un País de portas abertas para a emigración, para todos os que desexen volver, somos un país de acollida e desde o BNG queremos recalcalo, e nestes tempos onde hai discursos xenófobos contra o emigrante, é bo recordar que Galiza foi terra de emigrantes e que non vemos na emigración un problema, senón como parte da solución a problemas estruturais do noso país”, concluíu.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG