Pontón acusa a Rueda de traizoar a Galiza e usala como moeda de cambio ao servizo do PP ao rexeitar a quita da débeda negociada polo BNG

Rectificará pola forza dos feitos, cando a quita estea aprobada e os seus compañeiros de partido en Andalucía, Valencia ou Murcia a acepten, vaticina

Critica a xestión dunha Xunta que triplicou a débeda, recortou servizos públicos e rexeitou o FLA para pagar á banca un sobrecusto millonario

A portavoz nacional, Ana Pontón, acusou ao titular da Xunta, Alfonso Rueda, de traizoar a Galiza e usala como “moeda de cambio” ao servizo do PP ao rexeitar a quita da débeda pública negociada polo BNG co PSOE no acordo de investidura, unha decisión que, segundo recalcou, nin sequera tomou a Xunta senón o PP de Madrid.

“É unha vergoña que vostedes, en vez de defender os intereses dos galegos e das galegas, queiran prexudicar a Galiza única e exclusivamente pola estratexia partidista do Partido Popular”, recriminou Pontón ao conselleiro de Facenda, Miguel Corgos, na súa comparecencia no Parlamento, da que dixo, constituíu un papelón por “intentar explicar o inexplicable”, que a Xunta “queira renunciar a unha condonación do 33% da súa débeda, 4.000 millóns de euros” pola súa “submisión” ao PP de Madrid.

A líder nacionalista considerou inaceptable que as decisións sobre os intereses de Galiza se tomen na rúa Génova. “O que non pode ser é que se lle faga pagar aos galegos e ás galegas o coste da súa submisión ao Partido Popular de Madrid”, afeou aos populares, aos que recordou o acordo do Parlamento galego para solicitar unha quita da débeda que tamén defendía Mariano Rajoy en 2023, unha posición que agora mudan por imposición do actual presidente do partido, Alberto Núñez Feijóo.

“Pídolle ao señor Rueda que deixe de usar a Galiza como moeda de cambio; basta xa de poñer o Partido Popular por diante de Galiza. Basta xa”, reclamou a un conselleiro que, subliñou, foi incapaz de explicar por que considera negativa unha medida que era beneficiosa para o País, nunha comparecencia á que acudiu non para defender a posición galega, senón para “facer de portavoz do PP de Génova”.

Pontón pediu reiteradamente sen obter resposta a Corgos que aclarase se, finalmente, a Xunta vai aceptar ou non a quita negociada polo BNG, unha vez que esta sexa aprobada e cando, vaticinou, “Andalucía, Valencia e Murcia saian disparadas a pedir a condonación”.

A portavoz nacional preguntouse, chegado ese momento, que vai facer o Goberno de Rueda: “Seguir no si bwuana ao Partido Popular de Madrid ou vai defender os intereses de Galiza aceptando a quita de 4.000 millóns?”, cuestionou. “Eu teño a impresión que en San Caetano xa están preparando un novo argumentario para xustificar esta rectificación”, augurou, para engadir a continuación, que “faría ben”, dado que “o Partido Popular, na defensa de Galiza, só acerta cando rectifica”.

Logo de ironizar sobre o feito de que o titular da Xunta delegase no conselleiro e “marchara ao outro lado do océano” para evitar dar explicacións no Parlamento sobre este tema, a líder nacionalista criticou a xestión dun Executivo do PP que triplicou a débeda mentres recortaba servizos públicos como a sanidade, a educación ou a atención á dependencia, e, por riba, decidiu non acudir ao Fondo de Liquidez Autónomico (FLA), o que supuxo pagar á banca xuros máis caros e, polo tanto, un sobrecusto millonario aos galegos e ás galegas.

“Menos servizos públicos, máis débedas, excelente xestión a do Partido Popular”, reprochou sobre a primeira cuestión, para engadir sobre a segunda, que co PP “Galiza perde, pero a banca gaña”.

Neste contexto, considerou inadmisible que o Goberno de Rueda rexeite agora unha quita do 33% da débeda, 4.000 millóns que poderían ser destinados a mellorar servizos públicos porque, incidiu, “se se recorta a débeda vaise pagar menos en intereses e vaise pagar menos en amortización desa débeda”.

“Que problema hai en aceptar unha quita que vostedes pedían en 2023?”, cuestionou a Corgos, a quen lle reiterou que, de parecerlle poucos eses 4.000 millóns á Xunta, abra unha negociación para obter unha cantidade maior na que contará co apoio do BNG.

O problema, afondou, radica en que o Executivo de Rueda rexeita calquera quita, única e exclusivamente por “seguir a estratexia do PP de Madrid” ao que, recordou, non lle importou a igualdade e a equidade que agora esgrime como débil argumento cando si se socializou, por exemplo, o rescate da banca ou das radiais madrileñas. “O seu goberno está unicamente encastelado e atrapado na estratexia partidista do Partido Popular de Madrid”, concluíu.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG