A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, criticou o “papelón” do Partido Popular no Pleno do Parlamento galego, onde votou en contra de condenar a guerra ilegal en Irán. Un voto que, asegurou, deixa en evidencia que o PP de Rueda segue ancorado na foto dos Azores e do lado do tándem criminal Trump-Netanyahu.
“En lugar de poñerse do lado do sentir maioritario dos galegos e das galegas para dicir ‘non á guerra’, o PP elixiu dicir ‘si á guerra’, colocándose do lado de Trump, do lado da barbarie en lugar de poñerse do lado da humanidade e do dereito internacional”, denunciou tras participar nun almorzo informativo na Coruña xunto á candidata do BNG a Alcaldía, Avia Veira.
Pontón destacou ademais que, malia que a guerra está impactando de cheo non peto dos galegos e as galegas, o presidente da Xunta segue “de brazos cruzados”, sen que a día de hoxe se aprobase nin unha soa medida para axudar as familias e os sectores da economía máis afectados pola suba de prezos derivada do conflito bélico en Oriente Medio.
Unha guerra que, lembrou, está a provocar “dor, sufrimento e a morte de miles de persoas inocentes”, pero que tamén “se deixa sentir no noso País empeorando a vida dos galegos e as galegas”, que teñen que afrontar no seu día a día as consecuencias económicas derivadas.
E malia iso, a día de hoxe, a Xunta segue sen aprobar nin unha soa medida para facerlle fronte á guerra, como si están facendo outros gobernos. “Un mes despois o único que temos son anuncios”, denunciou Pontón, en alusión ao “suposto plan” dotado con 150 millóns de euros anunciado no Pleno por Rueda.
Segundo a líder do Bloque, o plan chega tarde e cunha cantidade que é “ridícula”, ata seis veces menos que as contías aprobadas xa por Euskadi, case mil millóns de euros, ou Murcia, arredor de 900 M€.
“É evidente que con anuncios non se pagan as facturas nin se enchen os depósitos de gasolina”, advertiu, lembrando neste punto que o BNG propón mobilizar até 700 millóns de euros nun plan urxente para apoiar “ás familias, á xente do mar e do rural e as PEMES do noso País”.
O plan proposto polo BNG, destacou, inclúe axudas directas para os sectores afectados e habilitar unha liña de crédito para PEMES ante a suba de prezos. Contempla, ademais, un “escudo social galego” que inclúa un bono de transporte universal por 30 € ao mes, duplicar o complemento autonómico para as pensións máis baixas ou levantar as peaxes das autoestradas da Xunta.