A portavoz nacional, Ana Pontón, acusou ao presidente da Xunta de ir en contra do sentir dos galegos e das galegas que “hoxe están mirando con incredulidade e con espanto como o Goberno do señor Rueda elixiu xustificar a barbarie en vez de defender a humanidade” ao votar en contra de que o Parlamento condene oficialmente o xenocidio en Gaza, condena recollida na proposición non de lei presentada polo BNG.
“É realmente unha pena que a TVG non sexa unha televisión ao servizo dos galegos e das galegas e que poida retransmitir en directo os plenos que se producen neste Parlamento porque hoxe poderíase ver a baixeza moral, a inmoralidade e a falta de humanidade do Partido Popular, incapaz de condenar o xenocidio en Gaza”, recalcou ante o veto do PP á proposta do BNG para que a Cámara condene o xenocidio do Estado criminal de Israel.
Pontón reprochou a Rueda a súa “hipocrisía sen límites” e recriminou aos populares que tentaran durante o debate “equiparar a vítimas e verdugos”, unha “inmoralidade” da que o Bloque, advertiu, non vai participar. “O Partido Popular, de novo, do lado equivocado da historia”, sintetizou, para a continuación instalo a rectificar e abandonar o seu “negacionismo”.
“Pero que máis ten que pasar? Pídolles que condenen o xenocidio, por decencia, por humanidade e por estar á altura do que nos está demostrando o pobo galego”, reclamou. “Rectifiquen e póñanse do lado correcto da historia, porque xa lles digo que a historia non os absolverá”, incidiu.
A líder nacionalista recordou na súa intervención que o que se está producindo en Gaza é un xenocidio, tal e como indica a propia ONU, o que obriga ao Parlamento a “denuncialo e condenalo” de maneira oficial, “sen medias tintas e sen escusas”. “O que está facendo o Estado de Israel co pobo palestino é un xenocidio e Netanyahu é un criminal de guerra que debe ser xulgado”, alegou.
Neste sentido, lembrou como miles de persoas están sendo asasinadas a mans dun Estado que “busca o exterminio do pobo palestino”, bombardeando hospitais, edificios, escolas e campamentos de refuxiados e impoñendo un “bloqueo inhumano” para “matar de fame e sede” a toda unha poboación, incluídos miles de nenos e nenas inocentes que, en algúns casos, “foron utilizados como diana” mentres facían cola para conseguir algo de comida e auga.
Pontón advertiu que mentres o Estado israelí fala de 200.000 vítimas, a relatora da ONU para Palestina eleva a cifra a unha aínda máis escalofriante, 680.000 persoas asasinadas, das que 380.000 serían nenos e nenas inocentes, e mesmo un dos responsables do informe de Nacións Unidas, Chris Sidoti, sinala que as mortes “non son accidentais, nin danos colaterais”, senón “o resultado dunha estratexia militar de bombardeos intensivos e terra queimada”.
“Non podemos quedar caladas, señorías, non queremos quedar caladas, todas e todos temos a obriga de actuar para frear o exterminio do pobo palestino”, pediu na Cámara para a continuación que esta obriga de actuar para frear o xenocidio comeza polos estados e os gobernos, tal e como recolle o acordo coa Convención para a prevención e a sanción do delito de xenocidio aprobada en 1948.
Mais fronte a esta obriga da Convención para a prevención, Pontón denunciou que o Estado de Israel leva desde hai máis de medio século violando o dereito internacional, ocupando territorio palestino ilegalmente e masacrando a súa poboación “con absoluta impunidade” e “ante o silencio cómplice da comunidade internacional”.
O PP fronte á solidariedade da cidadanía galega con Palestina
Unha complicidade que non comparte a cidadanía, recalcou, para amosar a continuación o seu orgullo diante dun pobo galego “que leva moitos anos sendo solidaria con Palestina”, con mobilizacións continuas ao longo destes dous anos e, recentemente, durante a Vuelta ciclista, denunciando a participación dun equipo sionista e “facendo o que os gobernos non fan”, que é defender os dereitos humanos e dicíndolle coa “man tendida” ao pobo palestino que non está só.
A líder nacionalista confrontou este sentir maioritario da cidadanía coa actitude do PP, que amosou “o seu apoio ao Estado criminal de Israel”, chegando a recibir ao seu embaixador no Parlamento e na Xunta cando levaba máis dun ano masacrando ao pobo palestino en Gaza, e que “intentou criminalizar” a poboación que de maneira cívica e pacífica “exerce o seu lexítimo dereito á protesta fronte á barbarie sionista”.
“E, por suposto, o que fixo o Partido Popular até agora foi negarse a condenar oficialmente o xenocidio en Palestina”, incidiu, citando as palabras de José María Aznar, que mesmo chegou a dicir: ‘Se Israel perdera o que está facendo, non nos damos conta do problema que teriamos no mundo occidental e en Europa’. “Isto, señorías do Partido Popular, xa non é ser cómplices, é xalear o xenocidio, é xalear unha limpeza étnica”, resumiu.
Neste contexto, Pontón defendeu a proposta “clara e concisa” para que o Parlamento condene de maneira oficial o xenocidio contra o pobo de Palestina e tamén que exixa aos gobernos sancións contra o Estado de Israel, comezando pola ruptura de relacións diplomáticas, económicas, comerciais e financeiras.
“En Gaza está en xogo a supervivencia do pobo palestino, pero está en xogo tamén o triunfo da humanidade fronte á barbarie”, alegou, tras recordar que no momento do debate, pais e nais en Palestina “están buscando os seus fillos e fillas debaixo dos escombros”. “Hai nenos e nenas que van morrer antes de saber o que é vivir sen medo”, incidiu.
A portavoz do BNG subliñou que practicar “o silencio, a indiferenza e, sobre todo, o negacionismo do xenocidio” equivale a “ser cómplice dun Estado de Israel que ten as mans manchadas de sangue”. “Palestina converteuse nun símbolo, e se non freamos o xenocidio estaremos baixando os brazos ante a impunidade a a barbarie”, advertiu.
“Se deixamos que a ocupación e o exterminio se impoñan, non caerá só Palestina, se permitimos que a forza bruta gañe, ninguén estará a salvo”, afirmou para mostrar a continuación a súa confianza en que “a voz, o corazón e a mobilización de miles de persoas de todo o planeta será capaz de frear este xenocidio”. “Porque poderán destruír Gaza, pero non poderán destruír a verdade, que o pobo palestino existe e que ten dereito a vivir na súa terra en liberdade”, concluíu.