Paz: "Entendemos o cabreo dos gandeiros e gandeiras cun acordo sen prezos xustos para o leite"

Tereixa Paz e Xavier Vence valoran o acordo do sector leiteiro

O BNG sinala a Feijóo como máximo responsable dun acordo para o sector lácteo que exclúe as principais demandas que os gandeiros e gandeiras galegas reclamaron na rúa cos seus tractores durante días, e que foi asinado en Madrid entre o Ministerio de Agricultura, industrias e distribución. O acordo, rexeitado pola maior parte dos sindicatos agrarios, non recolle un prezo estable de referencia, nin garantías de recollida da produción.

Tereixa Paz e Xavier Vence valoran o acordo do sector leiteiro

“É unha fraude aos gandeiros e ás gandeiras galegas que ten como principais responsables a conselleira Ana Quintana e ao presidente Feijóo, como membros dun goberno da Xunta que non moveu un dedo ante o Ministerio para que incluíra as propostas dos produtores, nun sector que é columna vertebral para o medio rural”, criticou a portavoz parlamentaria de Agricultura, Tereixa Paz.

“Como moito suporá un alivio momentáneo pola presión exercida coas mobilizacións, pero vai defraudar aos produtores”, sinalaba o portavoz nacional, Xavier Vence, quen xa advertira contra un “peche en falso” da crise que vive o sector leiteiro en Galiza.

O BNG denuncia que o acordo non inclúe medidas que dean estabilidade ao sector, cun texto final aínda máis inconcreto co borrador presentado en agosto. Neste sentido, nada hai sobre a principal demanda centrada en establecer un “prezo sostible” para os produtores de leite, non hai garantías de recollida, nin se contemplan sancións por incumprimentos das partes, habituais desde as industrias e distribución.

A formación nacionalista critica que tampouco hai medida algunha para eliminar as marcas brancas do leite, pese a ser un elemento de “extorsión” de prezos das distribuidoras que afecta non só aos gandeiros, senón tamén á industria. E tampouco medida algunha contra os “cisternistas”, como se coñece aos primeiros compradores que actúan como especuladores tirando o prezo do leite.

Neste contexto, o Bloque avanza que presentará novas iniciativas parlamentarias no Congreso, na Cámara galega e nos concellos para seguir reclamando prezo sostibles, -con indicadores que se reflictan nos contratos e facturas-, sancións para os incumpridores, e a creación dunha comisión galega de seguimento dun sector que produce o 40% do leite de todo o Estado.

“Entendemos o cabreo dos gandeiros e gandeiras, porque o acordo é unha fraude”, sintetizou Paz.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG