parlamento europeo

O Parlamento Europeo acolle mañá unha conferencia sobre seguridade ferroviaria organizada por Ana Miranda

Marcha Alvia
Marcha Alvia
A eurodeputada do Bloque critica que Renfe, ADIF, a Secretaría de Estado de Transportes e CIAF declinen o convite a participar nun evento que conmemora o décimo aniversario do accidente do Alvia

A eurodeputada do BNG, Ana Miranda, -co apoio do grupo Verdes-ALE-, organiza a conferencia “O accidente de Angrois, 10 anos despois: Temos avances en seguridade ferroviaria?”, que mañá terá lugar na Eurocámara. “Será unha conferencia de carácter europeo marcada pola obxectividade, os datos, e sobre todo, dedicada á memoria das vítimas de Angrois”, salienta a eurodeputada galega.

Este carácter europeo e obxectivo vén dado pola participación do Director de Transporte Terrestre da Dirección Xeral de Mobilidade e Transporte, Kristian Schmidt, e o Director Executivo da Axencia Ferroviaria Europea (ERA), Josef Doppelbauer, así como a Federación Europea de Pasaxeiros, representada por Jorge Morera. Por outro lado, a conferencia contará cunha nutrida representación das vítimas do accidente, aglutinadas na súa maioría na Plataforma Víctimas Alvia 04155, en cuxo nome intervirá o seu presidente, Jesús Domínguez.

Estas múltiples perspectivas que se abordarán na conferencia completarase coa intervención sobre os dereitos laborais ferroviarios, a cargo do secretario xeral do Sindicato Español de Maquinistas Ferroviarios (SEMAF), Diego Martín Fernández-. Precisamente neste contexto, Ana Miranda, considera inadmisible a ausencia de representantes de Renfe, Adif, a Secretaría de Estado de Transportes e a CIAF, que rexeitaron o convite para participar na mesma.

Escusas inadmisibles

“Desde o BNG lamentamos que estas entidades declinasen participar nunha conferencia obxectiva de alcance europeo”, denuncia a eurodeputada do Bloque, quen considera que só utilizan “escusas que son inadmisibles diante de 81 falecidos”. Neste sentido, Miranda lembra que algunha destas entidades si ten participado na Comisión de Petición do Parlamento Europeo, por exemplo no caso do metro de Valencia.

En concreto, desde Renfe sinalan que non consideran axeitado participar “en ningún tipo de acto relacionado cun tema sobre o que existe unha causa xudicial aberta”. Desde ADIF, polo seu lado, declinan o convite xa que aínda que recoñecen compartir un obxectivo común coa organización da conferencia, na actualidade celébrase a vista oral e a Plataforma de Víctimas del Alvia 04155 reclama unha nova investigación.

Desde a Secretaría de Estado de Transportes, Movilidad y Agenda Urbana indican que o secretario non poderá participar “por motivos de axenda”. Finalmente, desde a CIAF, -e nunha comunicación enviada desde o Ministerio de Transportes, Movilidad y Agenda Urbana-, o seu presidente explica que este organismo “non contempla facer novas valoracións nin debates sobre este accidente, cuxo análise técnico está xa pechado”.

A CIAF tamén sinala que “desde o peche do informe final, non se produciu novidade algunha, relacionada con este suceso, que permita obter contribucións á mellora das condicións de seguridade no ferrocarril máis alá das recomendacións dadas en dito informe, que a día de hoxe xa foron aplicadas e seguen vixentes na súa totalidade”.

“En particular esta resposta da CIAF é inadmisible, en canto que desde xaneiro de 2019 a Comisión Europea ten aberto un procedemento de infracción contra o Estado español por incumprir a normativa europea de seguridade ferroviaria”, manifesta Miranda, quen lembra que o informe realizado pola ERA criticaba que a investigación realizada pola CIAF non foi independente e non abordou elementos clave.

O inicio do procedemento de infracción dá resposta á denuncia presentada pola eurodeputada nacionalista contra o Estado Español (Goberno, Ministerio de Fomento, Dirección Xeral de Ferrocarrís, ADIF e Renfe Operadora) o 7 de xullo de 2017, xusto un ano despois de que a Axencia Ferroviaria Europea (ERA) entregara á Asociación de Vítimas do Alvia 04155 e ao BNG o informe que cuestiona a independencia da investigación realizada pola CIAF.

No documento, o BNG denunciaba ao Estado por infracción da normativa comunitaria en materia de seguridade ferroviaria, en canto a avaliación de riscos da liña 082 pola que circulaba o tren Alvia, onde tivo lugar o accidente o 24 de xullo de 2013. Denunciábase ao Estado por non facer a avaliación de riscos, en relación co seu control integral e en relación cos cambios substanciais na seguridade ferroviaria que se fixeron no proxecto da Liña Ourense-Santiago, tren Alvia de Viaxeiros de Longa Distancia 150/151 de Renfe Operadora, composto de 13 vehículos e nas condicións de seguridade do “proxecto na Bifurcación A Grandeira”.

CONFERENCIA ALVIA GZ
Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG