PARLAMENTO GALEGO

O Parlamento aproba que a Lei de Costas sobre empresas asentadas á beira do mar terá que consensuarse co sector

Rosana Pérez
Rosana Pérez
Rosana Pérez lamentou a abstención do PSdG para reclamar a modificación dun artigo que prexudica gravemente ao tecido mar-industria en Galiza e que representa unha actividade sostible
O Parlamento aproba que a Lei de Costas sobre empresas asentadas á beira do mar terá que consensuarse co sector

A deputada do BNG, Rosana Pérez defendeu unha proposición non de lei para  demandar do Goberno do Estado  a supresión de oficio do artigo 18 do actual proxecto de lei de cambio climático e transición enerxética e consensuar co sector mar-industria galego calquera modificación da lei de costas no referido á vixencia das concesións administrativas asentadas á beira do mar.

A proposta nacionalista contou co voto favorable do Partido popular e a abstención do PSdG.

O BNG afirmou a nacionalista, defende  unha transición enerxética favorable ás enerxías renovables que contribúan a reducir as emisións de gases de efecto invernadoiro en Galiza así como  paliar os efectos presentes e futuros do cambio climático pero o que se traduce de certos artigos do proxecto de lei do cambio climático, matizou,  “parécenos cuestionables”. Nesta liña lembrou que as emendas do BNG no Congreso reclamaban a supresión do artigo 18 que supón “de facto” unha modificación da lei de Costas partindo dunha premisa errónea “que todas as empresas e industrias situadas en terreo de dominio público marítimo terrestre son nocivas” e todos e todas sabemos, explicou Rosana Pérez  que non é así porque existen centos de exemplos espallados polo noso país que son “beneficiosas e están integradas dende hai moitos anos”.

A raíz da confusión creada ao redor do artigo obrigou a que o Ministerio de Transición ecolóxica tivera que intervir polo “rebumbio” creado dende o sector mar-industria e a partir de aí o Ministerio comprometeuse a contar co sector no caso de producirse algún tipo de modificación. O que descoñecemos, é o momento no que isto será posible, sobre todo tendo en conta que o proceso xa está rematado. Rosana Pérez recalcou que este asunto debe ser resolto e lembrou que o Partido popular “non contribuíu” é máis ben aproveitou a proposta de modificación do artigo 18 para facer unha campaña  utilizando datos falsos.

A nosa proposta, remarcou é a “supresión do artigo 18” ou ben  utilizar a lexislación existente para a súa modificación previo “dialogo, consenso e contacto co sector”.

O problema radica na falta de competencias de Galiza sobre a súa costa

A lei de cambio climático prevé reducir as emisións das industrias, depuradoras, naves ubicadas en dominio público marítimo terrestre, con conducións para a captación de auga do mar, etc, pero dende o BNG consideramos que “hai que distinguir entre industrias que precisan do mar e as que non”. O problema ven dado polo interese dun partido que está no goberno do Estado que afecta a Galiza de maneira relevante porque “non temos competencias en relación coa costa, nin co mar, nin co dominio público marítimo terrestre” o que implica que cada vez que se modifica a lei de Costas, Galiza padeza cruamente a lexislación centralista e uniformizadora que pensa e deseñan os diferentes gobernos de Madrid. Estes deseños “non teñen en conta as particularidades da realidade económica, social, ambiental e produtiva de Galiza”.

A deputada concluíu a súa intervención aludindo ao informe do Consello de Estado que interpretou  de “pouco claro” o devandito artigo. A vía para solucionar o problema, reiterou Rosana Pérez é “suprimir o artigo 18” e si a lei de Costas precisa modificacións debe facelo atendendo ao sector.

 

O Parlamento aproba que a Lei de Costas sobre empresas asentadas á beira do mar terá que consensuarse co sector