parlamento galego

Olalla Rodil: "O PP encoméndase ao Apóstolo para reactivar economía post-covid19"

Olalla Rodil
Olalla Rodil

A deputada do BNG reproba a “vaguidade” e falta de “compromisos” do Partido popular na Comisión de Reactivación post-COVID

Olalla Rodil criticou que o PP baleire de contido a comisión e sexa incapaz de comprometerse coa Atención primaria e as residencias de maiores para garantir unha vellez digna

A deputada do BNG, Olalla Rodil reprobou a “vaguidade” e falta de compromisos do Partido popular na Comisión de  Reactivación post-COVID, que se está a celebrar no Parlamento.

Para a deputada, as medidas recollidas na proposta do ditame representan “o preludio de novos recortes orzamentario” . É un ditame, “vago, inconcreto e inzado de declaracións de intencións” que non van máis alá do papel”, afirmou.

Xa máis no concreto, aseverou que a pesar de recoñecer o valor dos centros de día, “non hai ningún compromiso para incrementar o servizo” ao que case a metade da poboación de máis de 74 anos non ten practicamente acceso.

No ámbito da economía circular e o impulso a unha xestión “eficiente” dos residuos, non cuestiona o modelo de SOGAMA que só recicla o 15%.

O BNG defende 182 propostas contra  ás consecuencias da pandemia

Desde que comezou a pandemia, explicou,  a nacionalista, no BNG asumimos un compromiso coa sociedade galega, “ arrimar o ombreiro e poñer o mellor de nós para enfrontar a crise sanitaria, social e económica provocada pola Covid-19” e por iso achegamos unha proposta de ditame con máis de “182 propostas” coas que intentamos responder ás consecuencias da pandemia e problemas estruturais  acelerados  durante a crise sanitaria.

Unha lei de residencias para garantir o dereito a vellez

Neste ámbito, criticou que o Partido popular prefira defender o negocio dun “puñado de empresas “ a aprobar unha Lei de residencias que  blinde o dereito a unha vellez digna.

Despois de todo o vivido, o PP non  é  quen  de comprometerse a “investir o 25% do orzamento da Consellaría de Sanidade en Atención Primaria”, moitos discuros e aplausos pero “pouco recursos”, insistiu.

Ademais,  criticou a postura do PP a respecto da ciencia e a investigación, falan de “Pacto galego pola ciencia pero néganse a asumir un investimento, progresivo, do 2,5% do PIB” e  un programa de retención e captación de talento (Innogal) para poder contratar persoal.

Desde o BNG temos claro que unha das primeiras leccións que debemos sacar desta crise é a necesidade de “reforzar o público como garante de dereitos”.

Se algo deixou claro a pandemia, e iso non deberíamos esquecelo tan rápido, é que a intervención pública, é necesaria para isto, propoñemos crear  ferramentas como un Instituto de Crédito cunha Banca Pública para garantir liquidez ás pequenas e medianas empresas; ao tecido produtivo do país e a sectores estratéxicos e de futuro.  

Pero non, vostedes non aceptaron  vincular as axudas públicas a cláusulas de compromiso de non deslocalización  para que  o financiamento público, as axudas públicas, e o  diñeiro público obrigue a manter o centro de traballo en Galiza.

O PP quere resolver a crise facendo Reiki ou encoméndanse ao Apóstolo

A crise derivada da pandemia non se  resolve facendo Reiki ou encomendándose ao Apóstolo. Enfróntanse politicamente con propostas políticas.

A respecto do denominado ‘Fondo de Consenso” para o BNG, é “cativo e  insuficiente”.  Reducindo a  capacidade do Parlamento en materia de recuperación económica a 115 millóns de euros, constata que non hai vontade de levar a cabo medidas de calado” e o que nos  propoñen é financiar os plans da Xunta”, deduciu.

Con todo, o BNG nunca se pon de perfil, remarcou a deputada  e ademais das nosas propostas que as seguimos defendendo alí onde puidemos aproximar posturas e chegar a un acordo para mellorar servizos públicos e dereitos, fixémolo, como acontece co Servizo de Axuda no Fogar. Acordamos incrementar o orzamento que achega a Xunta aos concellos para o financiamento do servizo  de  9,7euros a 11,5  co  compromiso de chegar a 12€M€. Quen coñeza un pouco como funciona o SAF sabe que non é a panacea pero mellorará a situación tanto dos concellos como das traballadoras e nesta liña propuxemos  un acordo  para introducir  cláusulas sociais e de igualdade nos pregos de licitación para que  as empresas  condenadas por vulnerar dereitos laborais das traballadoras non poidan concorrer a estes procesos.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG