PARLAMENTO GALEGO

Olalla Rodil: “A lei de impulso demográfico do PP carece de medidas para o retorno das galegas e galegos emigrados”

Olalla Rodil
Olalla Rodil
Reclama “frear a expulsión de poboación” e un “acordo de país” para incrementar o  benestar social, oportunidades laborais e salarios dignos, conciliación e fomentar a corresponsabilidade
Olalla Rodil: “A lei de impulso demográfico do PP carece de medidas para o retorno das galegas e galegos emigrados”
A deputada do BNG, Olalla Rodil presentou unha emenda de devolución á lei de impulso demográfico de Galiza co fin de elaborar outro texto que recolla á realidade galega, cun “acordo de país” para incrementar o benestar social, mellorar o ámbito laboral con postos de traballo e salarios dignos e unha política real que permita o retorno das galegas e galegos emigrados.

A nacionalista reprocha ao Partido  popular basear a lei de impulso demográfico  en políticas natalistas e afirma que non somos un país envellecido, gañamos en esperanza de vida pero “somos menos”.

Tras a intervención da conselleira de Política Social, Fabiola García, Rodil ironizou sobre a pertinencia de traer ao debate da lei de demografía un discurso de Fraga Iribarne do ano 92. A deputada lembrou que Fraga presumía de “non tocar un preservativo en toda a súa vida”, menos mal, dixo,  que a miña xeración “non lle fixo ningún caso”. O peor non é que vostede recupere un discurso dos anos 90 en pleno 2020, o peor é que afirma que somos un país envellecido, e explicou que “envellecen as persoas, non os países e podemos  permitirnos ser un país envellecido porque iso significa que vivimos máis anos e que gañamos en esperanza de vida”.

Na súa intervención, Rodil preguntou si é necesaria unha lei de impulso demográfico e respondeu que de selo precisaríamos  “dun acordo de país” para intervir na mellora das condicións de vida e dende o BNG consideramos que esta lei non cumpre con este obxectivo. Ter fillas ou fillos, recalcou Rodil é unha decisión persoal, individual e libre, non responde ao interese de ningún goberno pero esta lei é unha lei de familia inzada de “políticas natalistas”.

A nacionlista afeou á conselleira utilizar a maior parte do tempo da súa intervención para defender políticas de natalidade e dende o BNG, retrucou defendemos a conciliación e corresponsabilidade. Nestes ámbitos a lei que hoxe defende o PP “non vai cambiar nada”. A deputada cualificou de “fracasadas” ás políticas do Partido popular e animou á titular de Política Social a mirar para os modelos de Suecia, Francia ou Alemaña que gañaron cotas de benestar e melloraron as condicións de vida da súa poboación. A grande diferencia de Galiza con estes países é “a emigración” como tendencia histórica, argumentou.

Para a nacionalista, a lei de impulso demográfico en Galiza desprende “nostalxia de tempos pasados” e o que agora necesitamos é “unha lei de futuro” para enfrontarnos á realidade aspirando a resolver os problemas estruturais que son a verdadeira causa da realidade demográfica.

Hai 28.853 persoas que abandonaron Galiza no ano 2019 das que  19.778 fixérono a outros lugares do territorio do estado español, unha poboación que vostedes non consideran emigrante  para a súa “operación retorno” xa que pensan  que son emigrantes só as que saen das fronteiras do estado español. Rodil preguntou á conselleira si marchar a Madrid, Barcelona ou País vasco non é emigrar. A parlamentaria recalcou que urxe “frear a expulsión de poboación”.

 

Olalla Rodil: “A lei de impulso demográfico do PP carece de medidas para o retorno das galegas e galegos emigrados”